Que cambia no agro coa nova Lei do Solo de Galicia?

A nova normativa veta as ampliacións de granxas en solo de núcleo rural e deixará maior marxe para que o propietario decida usos agrícolas ou forestais sobre solo rústico

Que cambia no agro coa nova Lei do Solo de Galicia?

A Lei do Solo introduce novidades nos usos de solo rústico e de núcleo rural.

A nova Lei do Solo de Galicia (Lei 2/2016), en vigor desde marzo, introduce cambios nos usos agrarios e forestais no rural. Unha das maiores novidades é que se veta a ampliación de granxas en solo de núcleo rural, en tanto en solo rústico continúan os mesmos criterios á hora de autorizar ampliacións.

En canto ós usos agrarios e forestais sobre solo rústico, nos Concellos cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) xa aprobado ou en tramitación, non cambia nada. Naqueles Concellos sen PXOM aprobado nin en tramitación na data de entrada en vigor da Lei si haberá significativas modificacións.

Hai máis dun cento de concellos no rural sen Plan Xeral que acometerán o seu planeamento coas directrices da nova Lei

Na actualidade, hai máis dun cento de Concellos do rural sen PXOM, que poderán optar por dotarse dun Plan Xeral convencional ou, sempre que o Concello non supere os 5.000 habitantes, dun plan básico municipal, de tramitación máis sinxela.

Repasamos a normativa que xa estaba vixente e as novidades que introduce a Lei do Solo no agro coa axuda do responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.

Tipos de solo no rural e usos

En xeral, o solo do rural divídese en solo rústico e solo de núcleo rural. A figura do solo rústico pode levar incorporada a maiores unha especial protección, agraria, forestal, de augas, costas, infraestruturas, paisaxística, patrimonial ou natural.

As de maior relevancia para o sector son as proteccións agraria e forestal, xa que regulan a convivencia no territorio destes dous tipos de uso, en ocasións en conflicto.

En solo rústico de especial protección agropecuaria está prohibida a plantación de piñeiros ou eucaliptos

De acordo coa normativa que xa estaba vixente e que continúa sen cambios, no solo rústico de especial protección agropecuaria está absolutamente prohibida a plantación de piñeiros ou eucaliptos.

Só se poderían plantar directamente especies forestais destinadas á produción de froito (castiñeiros, nogais, cerdeiras). Para plantar outras frondosas (carballos, freixos, bidueiros, etc.), unicamente se podería se se meten as fincas durante dous anos no Banco de Terras e nese prazo ninguén as pide en arrendamento.

En canto ós solos de especial protección forestal, segundo a Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012), pódense pasar a uso agrario cando se cortan menos de 5 hectáreas de piñeiros, eucaliptos ou frondosas menores de 10 anos, ou ata 15 hectáreas se o terreo está a mato ou con mimosas. O propietario terá que comunicar o cambio de uso a Medio Rural, pero nestes casos non precisará de autorización. O que si necesitará sempre é un informe de impacto ambiental para a Consellería de Medio Ambiente.

Para transformar solo de protección forestal en agrario, cómpre un informe de impacto ambiental

A necesidade do informe de impacto ambiental para pasar un solo de forestal a agrícola constitúe un trámite que é considerado excesivo polo sector agrario. Contrasta esa esixencia coa impunidade que se percibe no rural en torno á forestación ilegal de terras agrarias.

Novidades
Cales son entón os cambios e novidades que implicará a entrada en vigor da nova Lei do Solo? Pois vai depender basicamente de se existía nos Concellos un PXOM aprobado ou en tramitación a data do 6 de marzo de 2016. Asemade, hai novidades nos solos de concentración parcelaria e nos montes veciñais en man común. Desglosamos a continuación cinco aspectos a ter en conta.

1) Usos do solo rústico en Concellos sen PXOM aprobado nin en tramitación

En Concellos sen Plan Xeral en vigor a día de hoxe, o Concello a través do PXOM ou plan básico municipal será o que fixe o solo rústico, sen asignarlle ningún rango de especial protección.

Despois, sobre ese solo rústico será a Xunta a que especifique cal é solo rústico de especial protección agropecuaria -reservado para usos agrarios-, e cal é solo rústico de especial protección forestal, reservado para usos forestais. Como novidade, a Xunta deixará parte do chan simplemente como solo rústico, sen asignarlle por tanto ningunha especial protección adicional.

A Xunta deixará parte do chan sen asignarlle ningunha especial protección, o que lle permitirá maior flexibilidade de usos ó propietario

Sobre este solo rústico, sen especial protección, o propietario terá marxe para decidir se o adica a usos agrícolas ou forestais, sen máis limitacións que as que poida establecer a lexislación sectorial existente.

Esta clasificación permitirá unha maior flexibilidade para que o propietario valore o uso do solo naqueles casos nos que a Administración non vexa de interese reservalo para usos agrarios ou forestais.

As actuais catalogacións do solo rústico como de especial protección agraria ou forestal viñan xerando problemas en multitude de ocasións nas que a clasificación non se correspondía cos usos reais do chan. Había por exemplo parcelas arboradas que se clasificaban como de especial protección agropecuaria, cos conseguintes problemas para os propietarios.

Pese ás polémicas, Unións lembra que a protección do solo agrario viña sendo a única defensa do sector fronte á plantación masiva de prados , pastizais e terras de labor que cesaban na agricultura.

2) Usos do solo rústico en Concellos con PXOM aprobado ou en tramitación en marzo do 2016

Nos Concellos que xa tivesen o PXOM aprobado ou en tramitación, a clasificación do solo rústico continúa como antes, segundo o Plan Xeral vixente. É dicir, que ata o momento da revisión do PXOM, o que pode levar moitos anos, estes Concellos seguirían coa actual delimitación de solos de especial protección agropecuaria e forestal feita polo Concello no seu momento.

3) Usos do solo nos terreos de concentracións parcelaria

 Os terreos que estean en concentración parcelaria quedarán clasificados automaticamente como solo rústico de especial protección agropecuaria. Poderían plantarse con especies forestais? Desde Unións Agrarias entenden que non, salvo que así o recoñeza e autorice o plan de cultivos da concentración.

4) Usos do solo en comunidades de montes veciñais

En Concellos aínda sen PXOM, os terreos das comunidades de montes veciñais catalogaranse sempre como solo rústico de especial protección forestal. Que sucede entón cos usos agrarios e gandeiros nos montes veciñais? En Unións Agrarias advirten de posibles conflictos, se ben entenden que os plans de ordenación de cada comunidade de montes poderán regular estes usos.

O sector agarda a que saia adiante o decreto de aplicación da Lei do Solo, de 400 páxinas, para comprobar se se resolven os baleiros legais

O sector agarda a que saia adiante o decreto de aplicación da Lei do Solo, un documento de arredor de 400 páxinas que estivo recentemente a exposición pública, para comprobar se se resolven estes baleiros legais.

O responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo, considera que son precisos axustes lexislativos para clarificar a situación e aportar seguridade xurídica tanto no caso do uso do solo en concentracións parcelarias como en montes veciñais. “Do contrario, haberá casos que rematen nos xulgados e lexislarase na práctica a base de sentencias xudiciais”, advirte.

5) Ampliación de explotacións agrarias existentes

En solo de núcleo rural, non se permitirá en ningún caso a ampliación de granxas, que era unha posibilidade que si permitía a anterior Lei do Solo, do 2003.

“É unha decisión que ten a lóxica de sacar a produción do entorno das casas, pero por outro lado Galicia é como é, coa produción gandeira organizada normalmente en torno ás vivendas. Tamén convivimos xa cunha ordenación sectorial que regula determinadas cuestións, como pode ser o afastamento das explotacións de porcino” -valora Jacobo Feijoo.- “Entón, desde o noso punto de vista, é unha decisión equivocada”.

“Propuxemos que se mantivese a posibilidade de ampliar granxas en núcleo rural, pero a Xunta negouse” (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)

“Propuxemos que a normativa continuase como ata o de agora, e conseguimos que así llo recomendase o Consello Económico e Social (CES) á Xunta de Galicia, pero finalmente no trámite parlamentario non se tivo en conta esa proposta”.

En solo rústico, pero fóra do núcleo rural, as autorizacións de ampliacións continúan como ata o de agora, cos límites de volumes que marcaba a anterior Lei do Solo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información