Contrachapados de bidueiro: o exemplo letón

Riga Wood, unha compañía especializada en produtos técnicos de madeira maciza, é un referente internacional na cadea industrial de frondosas caducifolias

Contrachapados de bidueiro: o exemplo letón

Bosque de bidueiros. / Imaxe: Riga Wood.

As frondosas, xunto coas coníferas, conforman unha parte importante da cadea industrial da madeira nos países nórdicos. A firma letona Riga Wood, especialista en contrachapados de bidueiro, vén de participar recentemente a Lugo a unhas xornadas sobre frondosas, nas que presentou a súa experiencia.

Esta compañía letona, radicada en Riga, preséntase como líder mundial en solucións de alto rendemento en produtos de contrachapado de bidueiro. Michael Kern, do departamento de desenvolvemento de produtos da firma, centrouse en explicar o seu sistema de produción, produtos e aplicacións.

A firma orientouse nos últimos anos a innovar na mellora das características técnicas e ecolóxicas dos seus produtos. Un dos grandes problemas da produción de láminas contrachapadas eran os residuos xerados polos produtos químos empregados no proceso. Michael asegura que xa teñen un novo sistema totalmente ecolóxico e cero contaminante, baseado no encolado con lignina, nos contrachapados. A lignina é un produto natural extraído da propia madeira que substitúe ó fenol, derivado do petróleo.

Substituíron o fenol, derivado do petróleo, pola lignina, extraída da madeira, para o encolado de contrachapados máis ecolóxicos

Unha das conviccións desta empresa é que os produtos de madeira contrachapada son e serán unha das mellores solucións para o bidueiro, pero ao mesmo tempo consideran que é importante traballar en desenrolar novos produtos, na liña da bioeconomía.

Ademais do seu produto estrela, as láminas de contrachapado de bidueiro, tamén ofrecen outros produtos como mobiliario, sinais de tráfico ou derivados do proceso de produción, como a lignina, que eles mesmo empregan na súa gama de contrachapados ecolóxicos.

Da magnitude da firma da idea o mercado que acadou. Os seus contrachapados de bidueiro están presentes xa en 56 países, exportando o 91% da súa produción.

A betulina, extraída da casca do bidueiro, emprégase na industria cosmética e farmacéutica

En paralelo, traballan en liñas como o taboleiro de fibra, a produción de celulosa e packaging ou o suministro de biomasa para enerxía.

Unha das innovacións máis importantes na que traballan é o laboratorio de betulina, que extrae este composto da casca de bidueiro. A betulina é un componente antibacteriano e de rexeneración celular que se emprega na industria farmacéutica e cosmética.

Michael Kern, na xornada organizada por XERA en Lugo.

Michael Kern, na xornada organizada por XERA en Lugo.

Servizos en monte
A industria ofrece servizos a terceiros en monte, incluída a plantación. Incentivan a creación de novas plantacións ofrecendo plantas arbóreas de alta calidade, bidueiro e ameneiro negro para reforestación e tamén para a reforestación de terras non empregadas para fins agrícolas. O seu viveiro foi fundado no 1998, sendo un dos máis antigos do país, e hoxe en día producen 1,5 millóns de novas plantas cada ano, de alta calidade xenética, cun sistema de microclima e rego automático, así como uso de últimas tecnoloxías.

Unha das máximas da compañía, ademais de intentar buscar procesos o menos contaminantes posible, é o de agrupar ao máximo número posible de axentes da cadea, buscando unha asociación a longo prazo con propietarios de bosques, cooperativas, empregados, clientes ou grupos de investimento.

Lámina de contrachapado de bidueiro

Lámina de contrachapado de bidueiro

O bosque letón e dos países bálticos en cifras

  • O 52% dos bosques letóns son coníferas (piñeiros e abetos), outro 30% bidueiros, un 17% ameneiros e álamos e o 1% outras especies.
  • Nos países bálticos, calcúlase unha cobertura dos bosques de arredor do 45% do territorio. A propiedade dos bosques é nun 52% de propietarios privados.
  • Existe boa rexeneración natural tras corta dos bidueiros e ameneiros. No caso de piñeiros e abetos, en xeral óptase pola replantación, por unha peor rexeneración.
  • Cada ano córtanse 20 millóns de metros cúbicos de bidueiros nos principais países bálticos (Suecia, Finlandia, Lituania, Letonia e Estonia). En bosque existen arredor de 1.000 millóns de metros cúbicos de existencias, é dicir, anualmente córtanse un 2% das existencias en monte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información