Agrícola Junquera Colmeiro SC, un referente en xenética holstein que tamén aposta pola raza Fleckvieh

GANDERIA JUNQUERA COLMEIRO FLECKVIEH 2Visitamos Agrícola Junquera Colmeiro SC, unha gandería de Vila de Cruces que é un referente en xenética holstein na provincia de Pontevedra, pero que dende hai tres anos decidiu diversificar e apostar tamén pola raza Fleckvieh austríaca. Coñecemos como é o manexo do gando e da base territorial así como os resultados das dúas razas que conviven nesta granxa, da man de Manuel Junquera.

-Agrícola Junquera Colmeiro SC é una das ganderías de vacún de leite de referencia na provincia de Pontevedra. Cóntanos  cal é a historia desta gandería familiar?
Esta é unha gandería familiar cunha longa historia. Cando se formou Africor Pontevedra, no 1992, entramos en control leiteiro oficial e anteriormente xa estabamos en AFRIGA e incluso antes xa gardabamos o libro xenealóxico. As orixes da nosa especialización en leite remóntanse a 1960 cando os meus avós paternos se centraron nas vacas de leite. Aínda conta o meu pai que el e os seus irmáns muxían as vacas antes de ir ao colexio.

Un salto importante démolo no ano 1983 cando entrou a miña nai nesta casa e naceu miña irmá e daquela pasaron a muxir 25 vacas, con sistema canadense de amarre en cadeas e caldeiretas. Anos despois pasamos ao primeiro establo con estabulación libre, no que muxiamos entre 45 e 50 vacas, primeiro nunha sala de 4 puntos e logo nunha de 8 puntos. Aí no establo vello aguantamos ata o ano 1998 que foi cando eu cumprín os seis anos e inauguramos o establo novo, no que estamos agora. Pero durante 3 anos aínda fomos muxir ao establo vello, que foi un traballo enorme, ata o 2001 cando estreamos a sala que temos agora, unha Delaval de 16 puntos.

-Cal é o retrato desta granxa a día de hoxe?
Manexamos unhas 50 hectáreas e temos 127 cabezas, das que 76 son vacas adultas -68 están en muxido e as restantes son vacas secas-. En canto a razas, temos 64 frisoas, 10 son fleckvieh, unha jersey e unha roxa danesa. Temos 51 xovencas, das que 42 son frisonas, 7 son fleckvieh. 1 jersey e unha cruce de normanda con holstein. Encántame a diversidade de razas e a todas lles vexo beneficios.

Aproveito tamén para comentar que estou interesado na raza Girolando, que creo que é un cruce de GYR con HOLSTEIN. Gustaríame saber se alguén me pode axudar na compra de embrións xa que os animais adultos non poden viaxar a Europa por temas sanitarios.

-Cales foron os principais investimentos que fixestes nos últimos anos?
O principal investimento que fixemos nos últimos anos foi en mellora xenética, tanto compra de embrións como de animais de alta cualificación xenética. E logo fixemos investimentos en mellora do benestar animal.

-Esta é unha explotación con relevo xeneracional. Cantas persoas traballades a día de hoxe na granxa e como vos repartides as tarefas?
Nos comezos quen estaban á fronte da granxa eran os meus avós coa axuda do meu pai e dos seus irmáns. Logo pasou a estar á fronte o irmán máis novo do meu pai, xunto coa miña nai e o meu avó; e posteriormente na granxa nova quedaron como titulares a miña nai, que sempre estivo ao pé do cañón, e o meu tío, xunto cun empregado. Canto tiven maioría de idade púxenme á fronte da granxa eu e a miña irmá, xunto coa miña nai e así ata o día e hoxe.

Eu recentemente retomei os estudos por un problema de corazón, que me impide realizar esforzos como antes, e estou cursando o ciclo superior de Medicina Nuclear e Radioterapia, pero gustaríame compatibilizalo coa granxa, se é posible. Agora mesmo colaboro na granxa a tempo parcial, axudándolle á miña nai, e contamos tamén cunha empresa externa que nos bota unha man nos momentos de máis traballo. Meus pais confían en min e sempre me piden consello, sobre todo para o que é acoplamentos e compra e venda de animais e é algo que me gusta. De feito, estando en clases hai mañás nas que me chaman ata 6 veces para consultarme!

-Sodes unha das mellores puntuadas en xenética Holstein da provincia. Coméntanos cales son os criterios que empregades de selección e como foi o camiño, cos erros incluídos, para lograr o rabaño que tedes hoxe?
Agora mesma o rabaño Holstein de produción está formato por un total de 64 animais, das cales hai 45 calificadas: 29 como BB e 16 como MB, cunha media de 84,70 puntos. E das restantes temos 19 primeirizas sen calificar.

Somos referente a nivel xenético, xa no establo vello tiñamos unha media de 85 puntos, que para daquela era un nivel xenético moi alto. De feito, gran parte das fillas eran de touros de Canadá e de ABS, como Rudolf, Inspiration, Lennox, Goldwin..ect. Tamén a nosa granxa foi pioneira en importar animais do estranxeiro, mesmo de Canadá, de onde as trouxemos en avión, e tamen mercamos vacas en Francia, así como de Ganadería Tauste, de Zaragoza, que daquela era un referente en xenética en España. Por entón tamén nos iniciamos nos concursos, tanto a nivel nacional como internacional.

En canto aos erros, seguro que moitos. Cando no 2001 cambiamos para o establo novo aumentamos tamén o número de animais en muxido para amortizar as instalacións e pasamos de 45 vacas en muxido a 130 e aí foi cando perdemos o nivel xenético que tiñamos porque o meu tío non soubo levar unha xestión ordenada á hora de seleccionar os touros por produción de forma que pasamos de ter unha media de calificación morfolóxica de 85 a baixar a 77.

Compramos animais de ata 6000 euros porque para nós é clave mellorar a xenética do noso rabaño Holstein

Cando eu me puxen ao frente da explotación intentei recuperar o nivel xenético, fixándome nas granxas que para min eran referente como Badiola en Asturias ou Finca A Asunción, en Touro. Fun seleccionando touros con bos ubres, boas patas, boas producións de leite, usando cruces naqueles animais dos que non me interesaba mellorar. Desta forma nestes anos fun mellorando a xenética pouco a pouco, coa axuda tamén de gandeiros como Joaquín, da granxa Leonor, de León, que me axudou moito na selección dos touros. Fun comprando tamén animais en granxas de referencia, como as últimas na gandería Eloy, de Asturias. Compramos animais de subastas e de granxas TOP (animais de ata 6000 €). Para un gandeiro normal sería unha loucura pero nós dámoslle moita importancia á xenética.

Con todo iso, acoplamentos e compra de animais, logramos recuperar o nivel xenético ata os 84,7 puntos nos que estamos hoxe, e estamos nos primeiros postos da provincia tanto en morfoloxia como en produción.

-Que touros soledes empregar e por qué motivos?
Fíxome en moitas cousas, pero normalmente selecciono por rasgos de ubre e de saúde do ubre. Tamén me fixo nos rasgos de patas, grupa, produción, lonxevidade, facilidade de parto…etc. Pero en todo caso decántome sempre por touros de tipo, antes que por touros de índices, pois considero que neles está a eficacia, xa que detrás dunha vaca con bo ubre e boas patas hai un animal que ten potencial para durar moitos partos e deixar moitas crías e litros de leite. Agora mesmo en case todos os animais emprego seme sexado, tanto en xovencas como en vacas adultas. Realizamos ata 3 inseminacións e se non quedan preñadas imos a seme convencional ou a cruce.

Este ano queremos empezar a xenotipar todos os animais da explotación porque cremos que é a maneira máis rápida de avanzar xenéticamente.

-Como manexades a recría? Vendedes para vida?
Dende que hai 6 anos empecei a utilizar o seme sexado logramos ter unha cantidade elevada de recría e o excedente vendémolo a outras ganderías, para o que me serven moito de axuda as redes sociais.

En canto ao manexo da recría destetamos con 3 meses e descornamos todos os animais. Ata aos 3 meses están en casetas individuais e logo pasan a lotes, nos que están ata os 6 meses e a partir de aí xa pasan a estar alimentadas coa mesma ración que as vacas de produción e inseminamos entre os 11 e 12 meses. A idade ao primeiro parto está nos 21 meses.

-E en que porcentaxe empregades cruces? Con que razas?
Non uso moito porque temos moi boa saída para a recría, agora mesmo debe haber unhas 7 vacas preñadas de cruce, e normalmente emprego Azul Belga en adultas e en primeirizas Angus, pola facilidade de parto.

“A Fleckvieh é unha raza que produce parecido á Holstein pero dá moitos menos problemas”

-Sendo un referente en xenética Holstein, que vos levou a provar hai 3 anos coa raza Fleckvieh? E por qué contactastes con Ganados Barreira e coa asociación Fleckvieh Austria?
Nesta gandería tanto eu como o meu pai e o meu padriño somos uns namorados da Holstein. Son consciente de que a selección que se fixo non foi a mellor porque digamos que chegamos a un tipo de vaca moi delicada, como de porcelana, e tamén temos un problema de consanguinidade que hai que corrixir e que leva a moitos problemas.

Eliximos probar coa Fleckvieh porque a día de hoxe é unha raza moito máis rústica, son vacas que non dan problemas e moi compatibles tanto para produción de leite como para carne. Con Ganados Barreira contactei a través das redes sociais, empecei a ver fotos e intereseime por esta raza.

-Participaches nalgunha das viaxes a Austria, que impresión te levaches da gandería naquel país?
Fun hai dous anos. É un país no que os gandeiros teñen mellores prezos do leite que en España e tamén os becerros tanto Fleckvieh como de cruce teñen moita mellor saída. É dicir, teñen os ingresos máis diversificados, xa que ademáis da venda de leite as ganderías tamén ceban e venden todos os machos e xovencas para a recría. Son ganderías familiares, de entre 40 e 50 vacas en muxido, e viven perfectamente. Hai máis relevo xeneracional que aquí entre outros motivos, porque socialmente están moi valorados e económicamente son ben retribuídos.

Alí tamén nos chamou a atención que lle dan moito menos penso ás vacas. As Fleckvieh son animais que precisan moita forraxe, máis que penso, e necesitan vela no pesebre. Precisan menos penso e máis herba seca e herba verde. Son máis eficientes do punto de vista alimentario que a Holstein.

GANDERIA JUNQUERA COLMEIRO FLECKVIEH 3

-Despois de xa tres anos cun número representativo de Fleckvieh na vosa granxa, como valorades os resultados? Como sae da comparativa coas Holstein?
Empezamos coas Fleckvieh no 2021 e os datos son moi positivos, e a razón principal polo que as incorporamos ao noso rabaño foi pola nosa necesidade de mellorar as calidades. Desta forma, pasamos dunha media dun 3,5% de graxa – o que nos penalizaba por parte da industria láctea ao estarmos por debaixo do 3,70- a un 4,20%. En termos económicos suponnos neste momento unha media de mais de 1000 euros máis de ingresos ao mes só pola mellora das calidades que aportaron as Fleckvieh.

En canto a comparación entre as dúas razas non a podería facer, porque non as teño divididas en dous lotes. O que si percibo é que en litros de leite son parecidas.

A Fleckvieh é unha raza que até o de agora non tivo mamites na nosa granxa, estamos por debaixo de 1000.000 células na granxa. É certo que vacino e non solemos ter máis de dous ou 3 casos ao ano por moita produción ou por pisadas.

En canto a patas a Fleckvieh non dá practicamente problemas, empreñan mellor que a Holstein, e estou tamén empregando seme sexado en todas.

Para min as vantaxes desta raza son claras: rusticidade, boa saúde podal, fertilidade, boa facilidade de parto, saúde de ubres espectacular, cero problemas de células ou mamites…. Son tamén dominantes e comedoras e contan con esa dobre aptitude de carne/leite que é un plus que as diferenza das holstein.

GANDERIA JUNQUERA COLMEIRO FLECKVIEH 1 BECERRAS BOXES

-Que tal se venden as becerras desta raza?
Os dous touros que máis emprego coas Fleckvieh son Der Beste e Míster Max, e estou empregando seme sexado. Crío das vacas que máis me gustan e o resto das becerras véndoas porque teñen moita saída. Agora tamén teño tamén varias fleckvieh preñadas de holstein porque quero facer unha proba de cruces. O prezo das becerras ven andando nos 400 euros.

En canto aos becerros, só tivemos machos no primeiro parto, e vendémolos cun prezo similar ao dos pintos. Deixamos un para cebar na casa e o resultado foi moi bo, porque é unha raza que mete graxa infiltrada de forma que a carne ten moito marmoleo e é moi tenra e xugosa.

-Tedes dificultade para conseguir bos touros na Fleckvieh?
Hai un amplo abano de touros para escoller, e dispomos do asesoramento tanto de Ganados Barreira como de Genetic Austria para os acoplamentos. Na web de Genetic Austria accedo a un amplo catálogo de touros, que é o mesmo que para os gandeiros austríacos, e fago eu a escolla, primando sobre todo os caracteres de ubres. Nunca tuven problema para escoller os touros que me gustan.

Manuel con Mint Evelina, Na primeira lactación produciuu 14836 kilos de leite e no que leva de segundo parto xa vai por 11456

Manuel con Mint Evelina, Na primeira lactación produciuu 14836 kilos de leite e no que leva de segundo parto xa vai por 11456

-Que plans de futuro tedes para esta raza na vosa granxa?
As primeiras que comprei están no terceiro parto e preñadas para a cuarta lactación. Se consigo que este lote das primeiras que comprei me chegue aos 6 ou 7 partos seguramente meta a metade do rabaño Fleckvieh, porque son vacas que non dan prácticamente problemas. O único temor que teño é que os seus ubres aguanten altas producións.

-Cales son as producións e calidades medias do leite na vosa explotación?
A media é de 39/40 litros de media por vaca e día para todo o rabaño, con baixadas no verán. As Fleckvieh de segundo e terceiro parto que temos agora están dando en pico de lactación entre 45 e 50 litros, incluso máis que algunhas pintas. A única diferenza que noto coas Holstein é que no primeiro parto producen menos, cunha media de 30 litros ao día, pero dende o segundo parto é cando incrementan a produción. Tamén manteñen a lactación mellor, cando quedan preñadas baixan ao mellor 2 litros, pero mantéñense estables ata o secado.

-A quen lle vendedes o leite?
Vendémosllo dende sempre a LARSA, cun prezo con calidades neste momento de 0,52 céntimos, IVE á parte. O penso neste momento está a 0,42 céntimos co cal a rendibilidade é boa.

O penso mercámolo á Cooperativa Perpetuo Socorro, de Arzúa, que tamén nos fan o carro, os traballos agrícolas e os de ensilar.

Dende que mercamos nós o corrector e o incorporamos na ración as vacas van mellor

-Como é a ración das vacas en produción e das secas en Agrícola Junquera Colmeiro SC?
As de produción están con 34 kilos de silo de millo, 14 de herba e 11 de concentrado. E as secas teñen unha ración de 12 kg de herba, 10 palla, 3 de silo de millo e 2,5 de penso, así como corrector. O corrector comprámolo nós a parte dende hai uns anos e incorporámolo na ración e vemos mellores resultados: As secas agora arrancan mellor do parto e libran mellor e as vacas en produción empreñan mellor.

-Cal é a porcentaxe de mamites que tedes? Notades diferenzas entre as dúas razas? Cales considera que son as claves para reducir a incidencia desta patoloxía?
Dende que me puxen á fronte da granxa, hai uns 9 anos, comecei a vacinar contra mamites porque mercábamos animáis fóra e era un problema. Fágoo con Starvac, vacino cada 6 meses e tamén vacino contra IBR, BVD e pneumonía, e nos becerros contra diarrea. Dende aquela non volvimos ter problemas sanitarios graves na granxa.

En canto á calidade hixiénico sanitaria do leite estamos con menos de 100.000 células somáticas e por debaixo de 10.000 en bacterioloxía. Para min a sanidade do ubre é o máis importante nunha granxa de vacún de leite, e para iso intento manter as camas o máis limpas posibles. De feito, se estou eu pola casa fágoas ata tres veces ao día.

Polo demáis, creo que é moi importante facer un bo secado da vaca con boa alimentación, para o cal usamos KEXXTONE vía oral para previr a cetose despois do parto. Axúdalle tamén a librarse mellor e ter un inicio de lactación moi bo. Para usar sexado é importante xa que se arrancan ben teñen celos naturais e a tasa de preñez é moito máis alta.

GANDERIA JUNQUERA COLMEIRO FLECKVIEH 1 PESEBRE DOUS

-Dispodes de 50 hectáreas de base territorial. Como xestionades os cultivos nas vosas parcelas?
De millo sementamos sobre 30 hectáreas, e chegamos a ciclos 500 porque non temos problemas de seca de momento. Sementamos en maio e recollemos en outubro.

Nas fincas en pendente recollemos herba seca para non ter que mercar palla. De feito, dende hai dous anos somos autosuficientes en forraxes.

-Nótase moito o estrés por calor nesta zona no verán? Que medidas paliativas aplicades?
Temos un clima algo extremo cun clima frío no inverno e con néboas, polo que hai maior risco de pneumonías no inverno. No verán en agosto podemos chegar a rozar os 40 graos, e aí é cando os animais sofren, con problemas de baixada da produción, reabsorción embrionaria e incluso temos tido mortes por calor. Temos ventiladores pero o que mellor nos funciona é o rego con auga cando están na sala de espera para o muxido. As nosas fleckvieh están gordas e quizás sofren máis o estrés por calor que as frisonas.

-Tamén probastes coa roxa danesa e coa Jersey. Que resultados vos deu?
Temos unha de cada raza e estamos moi contentos coa súa produción e saúde.

-Tedes dificultade para acceder a máis base territorial?
Non, porque nesta zona cada vez quedan menos ganderías. Por riba da nosa está a da miña tía e por detrás Gandería Frade. Agora mesmo case toda a base territorial que temos é nosa e o pouco que levamos doutras persoas é por compromiso.

A miña intención é manter a granxa como unha segunda actividade e meter un robot de muxido

-Que cambios vos gustaría ou tedes previsto realizar nos próximos anos na vosa granxa?
Se comezo agora a traballar no hospital teríamos que meter un robot de muxido, cambiar os cubículos e facer algunha pequena obra. A miña intención é manter a granxa como unha segunda actividade. Gústame isto pero tanto a miña irmá coma min non podemos estar a tempo completo por temas de saúde.

-A amamantadora para os becerros tamén vos axudaría a reducir a carga de traballo. Tedes previsto incorporala?
As granxas que fixeron obras recentemente puxérona pero eu non o vexo factible porque vin o manexo en varias granxas e eu nunca a poñería. Os becerros como mellor están é en boxes individuais para que non se lamban entre eles e no destete hai que ter un moi bo manexo xa que se o fas mal cando esas becerras cheguen a ser primerizas terán pezóns cegos por mamárense entre elas. Eu considero que o estou facendo ben porque todas as xovencas que pairen aquí e igualmente as que vendo pairen todas cos 4 tetos e para iso é moi importante a vixilancia cando se xuntan lotes e eu como non estou todo o día na casa axúdome de anillas antimama aínda que digan que vai en contra do benestar animal. Elas deféndense e dan comido perfectamente.

GANDERIA JUNQUERA COLMEIRO FLECKVIEH 1

-Algo máis que queiras engadir?
Creo que os gandeiros non deberíamos ter axudas da PAC, senón uns prezos xustos e estables, e intentar eliminar o máximo de intermediarios posible, que é onde quedan realmente os marxes de beneficio. O que pasa é que para a administración é útil este sistema xa que coas axudas da PAC e as penalizacións poden ter máis controlados aos produtores.

En Galicia a Xunta erradíca a tuberculose matando animais sans? Non o entendo.

Por outra parte, estou en desacordo en como está montado o sistema de saneamento gandeiro en Galicia. Coñecemos moitas granxas de vacún de leite en España por participar en concursos e fai un ano comprei tres becerras a unha gandería de Ávila que coñezo. Castela e León está en alto risco sanitario e eu non sabia nada. Foi entón comprar as becerras e automáticamente tivemos a nosa granxa inmobilizada durante cinco meses para mercar ou vender animais para vida. As becerras deron negativo na proba de tuberculose pero tivemos que envialas a matadoiro igualmente. Erradícase a tuberculose matando animais sans? Non o entendo. Ademáis, estes animais sans que hai que enviar a sacrificio páganos a uns prezos de vergoña. Deberían facer outro tipo de campañas e solicitar probas comparables, que son moito máis fiables que as simples.

Esta información foi elaborada coa colaboración de Genetic Austria

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información