A Xunta de Galicia publica as bases das axudas para a realización de proxectos e obras que empreguen madeira como elemento estrutural na construción, dotadas cun orzamento de 5 millóns de euros. Como novidade, inclúe unha partida específica destinada ás promocións de construción en altura, onde tamén poderán entrar edificacións con uso residencial dun mínimo de tres plantas.
Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como as persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto. Ademais, como novidade, poderán beneficiarse por primeira vez dunhas axudas destas características as comunidades de montes veciñais en man común.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 2 de maio de 2024 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza con anterioridade a esa data. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas para a anualidade de 2024 (os gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro) finalizará o 15 de outubro; mentres que o prazo de xustificación para a anualidade de 2025 (aqueles gastos realizados entre o 15 de outubro e o 30 de xuño) rematará o 30 de xuño.
A edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial, comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo
Con todo, a execución da obra non terá que estar rematada no momento de xustificación da solicitude de axuda, sempre que o obxecto de dita axuda é a redacción do proxecto de execución de obra e/ou a compra e instalación do material madeira.
Actuacións subvencionables
Serán subvencionables as accións vencelladas coa redacción de proxectos e a utilización de produtos de madeira nestas actuacións. No caso de pemes, comunidades de montes, cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións ou entidades sen ánimo de lucro, a solicitude de axuda deberá ser para nova construción, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, e sempre que cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto correspondan a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída súa colocación) que serán utilizados cunha finalidade estrutural, sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados, excluíndose para dito computo o uso da madeira nas carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabados interiores.
Ademais o uso da edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo.
A Axencia Galega da Industria Forestal aconsella que, no caso das vivendas en altura, o soto e planta baixa deberán ter estrutura en formigón, sendo utilizada a madeira de forma estrutural, na primeira planta e superiores.