O Sindicato Labrego Galego denuncia que “nas últimas semanas varias gandarías foron ameazadas cun cese de recollida do leite (non renovación de contratos) argumentando determinadas industrias, ao fío da estabulación trabada, un suposto incumprimento das normas de benestar animal recollidas no Real Decreto de Ordenación de Bovinos”.
A este respecto, dende a organización labrega informan que “vimos de confirmar con fontes da Consellaría do Medio Rural que en ningún caso o feito de que as vacas sexan amarradas durante a noite cando veñen de estar pacendo ao aire libre todo o día afecte ao seu benestar nin infrinxa extremo algún da abundante normativa que a día de hoxe vela polas boas prácticas no manexo do gando na produción alimentaria, incluído o RD no que se escudan as empresas que están a protagonizar este novo abuso na cadea alimentaria”.
“É máis -engaden dende o Sindicato Labrego- as granxas nas que inda se realiza esta práctica -fomentada no seu momento pola propia Xunta de Galicia- caracterízanse polo seu pequeno ou mediano tamaño e xestión tradicional, cun número limitado de cabezas de gando, produción en extensivo e un seguimento do benestar animal moi próximo”.
Ante esta situación de ameazas das industrias lácteas con non renovar os contratos ás ganderías con vacas trabadas, dende o SLG reclámanlle á Consellaría do Medio Rural que “contacte cas empresas lácteas para aclarar esta situación e sobre todo para deixarlles ben claro que o motivo argumentado para non lles renovar os contratos ás gandeiras e gandeiros é totalmente inxustificado”.
“Ademais consideramos que o Ministerio de Agricultura tamén debería interesarse por estes movementos, habida conta de que semellan unha máis que posible distorsión da aplicación do RD de ordenación bovina por parte destas industrias e o incumprimento das boas prácticas recollidas na Lei da Cadea Alimentaria”, demanda o coordinador do sector leiteiro no SLG, Xúlio Fernández.
“No SLG temos a certeza de que as empresas lácteas son coñecedoras da normativa e conscientes de ausencia total de xustificación para esta chantaxe ás granxas familiares, polo que interpretamos que o que pretenden é, esgrimindo un argumento que abarca á meirande parte delas ao tempo que elude a cuestión do modelo, dificultar a súa viabilidade e forzar a súa desaparición”, engade.
“As industrias saben que se non lles poden vender, moitas gandarías terán que malvender a intermediarios, a un prezo moito máis baixo, podendo a continuación ser adquirido este mesmo leite de novo pola industria láctea por menos cartos do que tería pagado ás gandeiras e gandeiros directamente”, advirte o representante do Sindicato Labrego.