Gandeiros da Fonsagrada, da carne da montaña a pratos preparados

A Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (ASGAFON) promoveu canles comercialización propias para revalorizar as súas producións. A entidade defende o seu papel no territorio, social e ambiental

A Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon) está conformada principalmente por granxas de vacún de carne da montaña oriental de Lugo. Nun primeiro momento, naceu debido ás necesidades de asesoramento das explotacións socias e para acometer a compra en conxunto de insumos externos, pero hoxe en día deu dous pasos máis: a comercialización directa da súa carne e a preparación e venda de pratos elaborados coa súa materia prima.

Deste xeito, a asociación busca revalorizar as súas producións e facer da gandería unha actividade atractiva para as novas xeracións. Por iso, non é só unha entidade de xestión, senón que se reivindica como unha ferramenta contra o despoboamento e a prol do coidado medioambiental do territorio.

A onde chegou
Asgafon conta hoxe en día conta cuns 116 socios e socias. “É unha gran oportunidade que temos os gandeiros da zona para non depender dos compradores que poidan vir de fóra, dos prezos que nos poñan tratantes ou matadoiros, para poder comercializar a nosa carne”, explica o tesoureiro da Asociación, Juanjo Fernández.

“A comercialización directa das nosas canles comezou cun proxecto do Ministerio de Agricultura fai uns tres anos, chegando a este 2023 coa venda de pratos xa elaborados por persoal de Asgafon, con venda directa a todo España a través da páxina web ‘Son de Lugo’”, amplía a enxeñeira agrónoma da Asociación, Rocío Regueiro.

Así, os seus clientes poden ser ao por maior ou directamente o consumidor final, o que lles permite obter prezos xustos para as súas ganaderías, evitando intermediarios. Ademais da tenda online, contan cunha tenda física na Fonsagrada, na que Esther Vigo, cociñeira contratada pola Asociación, fai os pratos elaborados. A materia prima é deles mesmos, o que da un elevado valor engadido ao producto final.

A comercialización da carne completa ós servizos que xa viña ofrecendo o colectivo, que presta un apoio integral ás granxas, desde a tramitación de axudas á compra de insumos externos ou ó acompañamento en calquera proxecto das granxas.

A entidade defende o seu papel ambiental e social, no marco do que se deu en chamar ‘España vaciada’. “En territorios como a comarca da Fonsagrada a gandería non só é unha actividade económica esencial, senón unha ferramenta de loita contra o despoboamento e coidado medioambiental do territorio. A labor que facemos nese sentido é evidente, e máis nun sistema de manexo en extensivo coma o noso, no que se usa moita base territorial”, indica o presidente de Asgafon, Marcos López.

O pasto e a gandería en extensivo son os piares da súa produción, complementados con formulacións específicas de pensos adaptadas á etapa de crecemento e ás condicións do gando, así como ao destino final.

Este xeito de traballar fai que as explotacións socias cumplan uns altos estándares agroalimentarios, con produtos certificados pola IXP Ternera Gallega Suprema, a IXP Terras do Navia -no caso de socios asturianos- e nalgúns casos selos de agricultura ecolóxica, a través do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Orixes e funcionamento
Asgafon nace no ano 2009 conformada por uns 60 socios e socias da montaña de Lugo. Nun primeiro momento, a primeira cuestión que animou a estas gandeiras e gandeiros a agruparse foron as necesidades de xestión de axudas e de asesoramento técnico. Hoxe, contan con tres técnicos que respaldan multidisciplinarmente a actividade agrogandeira: un veterinario (Pablo), unha enxeñeira agrónoma (Rocío) e unha administrativa (Ana).

“Tiñamos que xestionar as axudas da PAC, ademais de resolver dúbidas en torno a aspectos técnicos, polo que vimos que a mellor solución era agruparse baixo unha asociación, e así manexar moitos aspectos en conxunto”, explica a socia de Asgafon, Ana Freijo.

  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información