A Asociación Forestal de Galicia (AFG) desenvolverá este sábado 1 de xullo un curso práctico sobre poda de castiñeiro para a produción de castaña. A actividade, que se desenvolverá no Monte Demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón, A Coruña), busca promover un correcto manexo das plantacións de castiñeiro orientadas a froito.
Esta actividade é gratuíta e será impartida por persoal técnico de longa traxectoria e experiencia na poda de soutos destinados á produción de castaña. Desenvolverase en xornada de mañá, a partir das 10 horas no Monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón).
Todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán poñerse en contacto previo coa oficina da AFG en Santiago (teléfonos 981 564 011 e 618 752 214, correo electrónico: afg@asociacionforestal.org).
O obradoiro de poda continúa así a liña de traballo que vén desenvolvendo o Monte Demostrativo do Pico Sacro desde o 2018. Entre outras actividades, o Monte xa acolleu demostracións prácticas de plantación de frondosas, de poda de castiñeiro e nogueira para a produción de madeira, un obradoiro de poda e rareo de carballo americano ou unha demostración de recollida mecanizada de castaña, entre outras actividades.