Nos últimos anos Galicia estase a converter na despensa láctea das principais industrias que operan en España e que buscan na comunidade que produce o 42% do leite de todo o Estado a garantía de subministro para cubrir as súas necesidades de materia prima.
A multinacional francesa Danone leva décadas mercando leite en Galicia, aínda que non conta con planta de transformación na comunidade, polo que transporta o leite que recolle en máis de medio centro de granxas galegas ás súas fábricas de Tres Cantos (Madrid) e Aldaia (Valencia), logo de pechar fai ano e medio a que tiña en Salas (Asturias).
Tras deixar de operar a planta, a empresa opta agora tamén por deixar as rutas de recollida de leite, unha decisión comunicada a inicios de maio ás explotacións asturianas provedoras e que afecta a un total de 42 ganderías, 28 que vendían o leite de forma directa a Danone (uns 90.000 litros diarios) e outras 14 que o facían a través de Mantequerías Arias, que subministraba á planta de Salas uns 16.000 litros diarios.
Danone está a levar a cabo en España unha restruturación produtiva que afecta ás súas fábricas e á súa base de granxas provedoras
As dificultades loxísticas para a recollida en Asturias, debido á dispersión das granxas, algunhas delas situadas en zonas de montaña, estaría detrás da decisión da empresa de recompoñer a súa base de proveedores cara zonas de Galicia onde lle é máis doado encher os camións.
“Danone opta por optimizar a recollida e a produción industrial en España. Interésalle máis estar en Galicia, pulmón da produción láctea española”, consideran desde distintas fontes do sector, que lembran ademais que “o leite está máis barato en Galicia que en Asturias e esa diferenza de 2 ou 3 céntimos practicamente permite diluír os custos de transporte da materia prima”, aseguran.
Base fiel de ganderías en Galicia
Para suplir ás granxas asturianas, Danone está a reforzar as súas posicións en Galicia. A empresa colleu novas explotacións na comarca do Deza e na de Sarria nas últimas renovacións de contratos, como gandería Vieiro en Lalín ou gandería Bella en Guntín, algunha delas duns 8.000 litros diarios, por enriba da media de produción das explotacións que entregan a Danone na comunidade.
A multinacional francesa merca o leite a unhas 200 ganderías en toda España, das que unhas 60 granxas están en Galicia, case todas de tamaño medio e que sumarían un volume duns 150.000 litros diarios (55 millóns de litros ao ano). A maioría delas levan anos, mesmo décadas, entregando o leite a Danone, que mantén unha base estable de granxas provedoras.
Danone colleu explotacións a Inleit, Entrepinares, Reny Picot e Río nas dúas últimas renovacións de contratos
Malia ter baixado dous céntimos no último contrato, o prezo final que está a pagar polo litro de leite en Galicia sitúase neste momento para as explotacións que venden o leite a Danone no entorno dos 46 céntimos, o que a sitúa entre as empresas da parte alta do Observatorio, xunto con Pascual ou Entrepinares.
Tradicionalmente Danone mantiña contratos indexados de longa duración (de 12 meses e mesmo de 3 e de 5 anos), pero neste momento está a asinar a prezo fixo por períodos máis curtos. O contrato en vigor é por catro meses (abril, maio, xuño e xullo), polo que lle tocaría renovar en agosto xunto coa maioría de industrias que operan en Galicia.
A empresa asinou contrato por 4 meses que vence o 31 de xullo cun prezo que se sitúa no entorno dos 46 céntimos
A empresa paga primas por cantidade; calidade hixiénica super A; graxa a partir de 3,80% (0,3 céntimos a décima); proteína a partir de 3,20% (0,5 céntimos a décima); benestar animal (0,5 céntimos); sostibilidade e CO2 (0,3 céntimos).
Redución de CO2 e relevo xeracional nas explotacións
Danone foi unha das empresas pioneiras en implantar certificados de benestar animal nas súas ganderías, cun protocolo propio posto en marcha no ano 2019 que cumpre cos estándares do certificado Welfair de AENOR.
A maiores, neste momento, ao igual que está a facer tamén a multinacional suíza Nestlé, Danone prima a redución da pegada de carbono nas súas granxas, que teñen que pasar unha auditoría anual para medir o seu compromiso coa redución de emisións de CO2, na que se teñen en conta distintos aspectos, como os insumos que merca a gandería, a utilización de puríns xerados na propia explotación, a aminoración no uso de abonos de síntese química ou a aplicación de fitosanitarios nos cultivos.
Ao igual que está a facer tamén a multinacional suíza Nestlé, Danone está a primar a redución da pegada de carbono nas súas granxas
Dentro da medición da pegada de carbono das explotacións un dos aspectos que máis puntúa no baremo que aplica Danone é a orixe da alimentación do gando. Búscase, por exemplo, cambiar a soia dos concentrados que se inclúen na ración por colza e modificar as fórmulas dos pensos engadindo aditivos que axuden a reducir as emisións entéricas de metano do gando.
Para iso, a empresa ten previsto poñer en marcha un programa específico con algúns fabricantes galegos, como Aira ou Nudesa, para o subministro destes pensos especiais aditivados ás súas explotacións provedoras.
Danone foi a primeira empresa en establecer, no ano 2013, contratos de longa duración no sector, e no 2017 implementou os seus programas de benestar animal e sostibilidade
No ámbito social, a empresa mantén tamén programas de formación e intercambio de experiencias para fomentar o relevo xeracional nas ganderías, co obxectivo de que no ano 2025 o 90% do leite que recolle proceda de granxas con relevo xeracional asegurado e persoas mozas á fronte.
“En Danone apostamos por un modelo de xestión baseado en granxas familiares de proximidade, con contratos a longo prazo, fomentando o relevo xeracional, o benestar animal e a redución da pegada de CO2”, remarcan.
Reconversión industrial en España, co peche das fábricas de Asturias e Cataluña e a concentración de toda a produción en Madrid e Valencia
O leite recollido en Galicia viaxa nestes momentos en cisternas cara a Madrid e Valencia, logo do peche da planta asturiana de Salas, que deixou de operar en decembro de 2022 e foi vendida en abril do ano pasado á empresa holandesa Royal A-Ware, que ten previsto fabricar nela a partir da vindeira primavera queixo tipo mozzarela con leite de vaca.
A planta de Salas e a de Parets del Vallès foran inauguradas en 1981
Do mesmo ano de construción que a fábrica de Salas, 1981, é a de Parets del Vallès (Barcelona), que Danone pechou a comezos deste ano. Neste momento, a empresa busca comprador para as instalacións entre 10 ofertas presentadas e pretende trasladar a unha parte do plantel dos 157 traballadores que tiña a fábrica a Aldaia. A empresa alega para o seu peche a infrautilización das instalacións e os altos custos, o mesmo argumento empregado para o peche da planta de Salas, onde se fabricaban os clásicos petit suisse, agora renomeados como Danonino, ou os flans de queixo e de vainilla.
A planta de Aldaia é a máis grande por extensión de Danone en Europa e unha referencia para a produción de bebibles lácteos
Despois de completar nos últimos anos a integración da filial española no grupo multinacional, logo da venda das últimas accións de Danone España que se atopaban en mans dos descendentes do fundador (os seus netos Marina Carasso e Mauricio Botton Carasso, durante 40 anos responsable de calidade e I+D) e de outras familias catalanas como os Portabella, a compañía con sede en Francia está a levar a cabo un proceso de reconversión industrial en España, co peche das fábricas máis antigas (a de Sevilla xa fora pechada no 2013) e a concentración da produción en Madrid e Valencia.
A filial francesa do grupo absorbeu nos últimos anos á matriz española
O grupo Danone ten operativas nestes momentos cinco plantas en España, as dúas de lácteos e tres de auga. As instalacións industriais que producen iogures sitúanse en Tres Cantos (Madrid) e Aldaia (Valencia), mentres que as de auga están en Sant Hilari Sacalm (Girona), onde se envasa Font Bella; Lanjarón (Granada) e Sigüenza (Guadalajara).
Descenso do consumo de iogures
A empresa creada por Isaac Carasso en Barcelona en 1919 para fabricar iogures con vocación medicinal e que se vendían inicialmente en farmacias medrou e converteuse en multinacional en Francia e EEUU da man do seu fillo Daniel, que decidiu popularizar aquel produto de orixe búlgara vendéndoo nos supermercados.
O nome de Danone fai referencia ao fillo de Isaac Carasso, Daniel
Danone segue sendo hoxe o líder mundial dos iogures, con presenza en 120 países de Europa, Norteamérica, Asia, Oceanía e Latinoamérica, pero a compañía recoñecía no mes de febreiro unha caída de beneficios en todo o mundo do 8% no ano 2023, cun descenso do 3,2% da unidade de negocio de produtos lácteos fronte aos incrementos noutros segmentos (augas e bebidas vexetais).
En España, a empresa estase a ver afectada por unha dobre coxuntura negativa. Por un lado, polo descenso no consumo de iogures e leites fermentados. O ano pasado as vendas de iogures en España caeron un 3,1% e as de batidos un 2,5% segundo os datos do Ministerio de Agricultura recollidos no Barómetro da Federación de Industrias Lácteas (FENIL).
Orixinariamente o ‘jaurt’ era leite cru de ovella ou cabra que fermentaba nos pelexos durante o seu transporte
Por outro lado, Danone estase a ver afectada tamén pola caída que se está a dar no consumo de marcas de fabricante, tanto no leite como nos iogures, substituídos polos consumidores por produtos de marca branca, unha tendencia que se acelerou a raíz do incremento da inflación.
“En 2024, a compañía aposta por manterse ao lado das familias mantendo o prezo dos seus iogures Danone a 1€”, indica a empresa, que fabrica marcas como Actimel, Activia, Danacol, Danonino, Danet, Vitalinea ou Oikos e está tamén presente no segmento da nutrición especializada e dos leites infantís e de fórmula (Nutricia e Almirón).
En paralelo aos iogures e derivados lácteos, Danone ten tamén unha liña de produtos baseados en proteína vexetal (Alpro). “Esta gama está a ser un motor para a marca, rompendo a principal barreira: o sabor”, aseguraba a compañía fai un mes con motivo da feira Alimentaria.