Axudas para novas plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración de soutos tradicionais

O orzamento dispoñible para os anos 2024 e 2025 é de 1,3 millóns de euros e o prazo de solicitude é dun mes

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240514/AnuncioG0426-300424-0003_gl.html

Prazo: Ata 26/06/2024

Resumo:

Souto tradicional_np (1)A Xunta convoca axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais para os anos 2024 e 2025 por importe total de 1,3 millóns de euros. 

Poderán ser beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.

Os montes consorciados ou conveniados coa Administración non poderán solicitar as axudas dentro da superficie consorciada ou conveniada, agás que teñan solicitado a rescisión dos devanditos consorcios ou convenios na data de remate do prazo para a presentación das solicitudes da axuda.

Trátase de axudas en concorrencia competitiva con dúas liñas de actuación, unha para fomento de plantacións de castiñeiro para froito e outra para rexeneración ou mellora de soutos tradicionais.

Nos baremos de concesión das axudas puntuaranse os montes con proxecto de ordenación ou xestión forestal, os montes con certificación forestal, as Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, as zonas de alto risco de incendio, as zonas desfavorecidas e as clasificadas como Rede Natura, as parcelas incluídas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas e aquelas solicitudes que procedan de persoas adheridas á IXP Castaña de Galicia.

A Orde de axudas foi publicada este martes no DOG e o prazo de solicitude é de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG. É obrigatoria a tramitación electrónica do procedemento.

A concesión da axuda será incompatible coa concesión doutras subvencións para a mesma finalidade e obxecto, sempre que sexa para a mesma superficie. Non obstante, no caso da mellora de soutos tradicionais, a incompatiblidade restrínxese ás subvencións concedidas nos últimos cinco anos.

O prazo para a execución dos traballos, así como para xustificar as axudas concedidas, remata o 30 de xuño de 2025. O orzamento total para os exercicios 2024 e 2025 será de 1.177.914 euros, dos que 412.270 destinaranse a novas plantacións e 765.644 euros a melloras en soutos tradicionais existentes.

Importes

A intensidade da axuda poderá ser de ata o 100% do investimento total subvencionable, que se calculará sobre o custo real das actuacións realizadas exceptuando o IVE.

No caso de novas plantacións, deberán usarse as variedades de castiñeiro para froito que figuran descritas na propia orde de axudas e os importes máximos estarán entre os 4.875 e os 3.645 euros por hectárea para plantacións de planta inxertada en función das densidades establecidas.

Ademais da adquisición de planta e os traballos de plantación, poderanse incluír os gastos de tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a protección da planta (mediante protectores e titores) e a sementeira de especies herbáceas. Tamén os peches perimetrais cando se xustifique a súa necesidade (manexo de gando, fauna), cun importe máximo de investimento de 9.760 euros por quilómetro de peche perimetral.

No caso da mellora de soutos tradicionais, exclúense os traballos de poda

No caso da liña destinada a mellora de soutos tradicionais, son subvencionables o conxunto das actuacións silvícolas necesarias, agás a poda. Entrarían as rozas, a eliminación de abrochos secundarios ou chupóns dos castiñeiros, o tratamento do extracto arbóreo secundario (rareo doutras especies arbóreas distintas dos castiñeiros e/ou eliminación dos castiñeiros non produtivos ou enfermos) e a eliminación ou extracción dos restos que se obteñan como consecuencia do tratamento.

Tamén entraría no concepto de axuda o aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiros das variedades para froito admitidas; outras actuacións do sotobosque (a emenda calcaria, a fertilización e o espedrado); a loita integral contra a praga do verme da castaña (Cydia sp, Pammene sp, etc.) e os peches perimetrais cando se xustifique a súa necesidade (manexo de gando, fauna, etc). O importe máximo subvencionable, sumando todas as actuacións, será de 3.450 euros por hectárea.

Condicións e mantemento das plantacións

A superficie mínima de actuación por solicitude será de unha hectárea e a superficie máxima admitida por solicitude será de 25 hectáreas no caso de novas plantacións e de 50 hectáreas no caso de rexeneración ou mellora de soutos tradicionais existentes.

As persoas beneficiarias das axudas para novas plantacións comprométense a manter a plantación en bo estado e a conservar a masa creada durante ao menos 20 anos, tendo que devolver o diñeiro percibido e os xuros legais correspondentes se o bosque é danado ou destruído por descoido, neglixencia, cambio de uso ou falta de coidados silvícolas por parte do solicitante.

As persoas beneficiarias comprométense a manter en bo estado as novas plantacións durante 20 anos

No caso da liña de axuda para mellora de soutos tradicionais, deberá manterse o bo estado dos castiñeiros durante 20 anos cunha densidade mínima de 50 pés/ha. Poderán ter lugar usos gandeiros complementarios cando estes xa non prexudiquen a actuación.

Se as superficies obxecto de actuación se transmitisen en todo ou en parte durante o período de compromiso, o novo titular deberá cumprir as condicións exixibles para a percepción das axudas que se lle outorgaron.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información