“Durante anos, só se valoraban as novas plantacións de castiñeiro, pero tamén é importante conservar os soutos tradicionais”

A asociación Canón do Sil impulsa a recuperación de soutos tradicionais da Ribeira Sacra coa creación dunha agrupación forestal de xestión conxunta

Falamos con Mónica Bizarro (presidenta) e Francisco Magide (vicepresidente) da Asociación de Propietarios de Soutos de Parada do Sil. Constituida hai dous anos, acábase de facer unha adaptación dos seus estatutos para ser recoñecida como Agrupación Forestal de Xestión Conxunta. A superficie que manexan os seus socios abarca máis de 100 hectáreas, pertencentes a 147 propietarios.

– Que características e importancia histórica teñen os soutos da Ribeira Sacra?
Mónica Bizarro: O concello de Parada do Sil (Ourense) ten 62 km2 e probablemente unha cuarta parte do territorio esta conformada por soutos de catiñeiros. Houbo unha época na que había moitos máis, pero en parte foron quedando abandonados, e cada vez máis.

Os soutos que temos son moi variados, algúns totalmente chas e outros con pendentes, pois temos zonas de montaña e de ribeira. O castiñeiro, xunto coa vide, é un dos principais recursos paisaxísticos.

Antes moitas familias vivían das castañas e da madeira. Comíanas eles, os animais e tamén para venda. Primeiro as consumían en fresco e logo en seco durante todo o ano, pois moitas familias tiñan sequeiros. Tamén se utilizaban con leite e con productos derivados da matanza do porco. Durante unha época do ano, os animais tamén se mantiñan das castañas dos soutos, principalmente as vacas.

– Como xurdiu a iniciativa de crear unha asociación de propietarios?
Mónica Bizarro: Xurdiu porque necesitabamos que nos coñeceran, que a Administración saiba que en Parada temos moitos soutos e producimos moitísima castaña, que é algo que non era moi visible. Desde sempre, a forma de venda é que viña un camión que paraba na praza ou na casa directamente, chegábase a un acordo de prezo e entón vendíanse a castaña, pero para a Administración estatísticamente non existimos e non saben que temos unha venda de 100.000 kg de castaña.

A preocupación nosa é que todo isto non se perda e que os soutos non queden abandonados.

– Pensades que a figura da agrupación forestal de xestión conxunta vos pode axudar?
Mónica Bizarro: Comezamos como Asociación de Propietarios para darnos a coñecer. Despois xurdiu a opción de inscribirnos no Rexistro de masas frondosas, un proxecto da Xunta ao que nos acollemos. Xuntamos 3 zonas de entre 10 e 15 hectáreas cada unha, onde se identificaron aos propietarios e había que comprometerse por escrito a non plantar especies non autóctonas. Para isto pedían identifcar ao 51% dos propietarios.

Un terceiro paso foi que no mes de xuño deste ano xurdiu a posibilidade, a través da Xunta, de formar unha Agrupación de Xestión Forestal, para a que eles contrataron unha empresa de avogados que fixera toda a labor legal e de identificación de propietarios. Un requisito para a Agrupación era identificar aos propietarios do 70% da superficie, polo que quedaban moitos por identificar.

Aumentamos ademais a área con dúas zonas novas dunhas 20 hectáreas, así que agora temos cinco zonas, e conseguimos tamén aumentar a superficie das zonas ata rondar as 100 hectáreas.

Mónica Bizarro, presidenta da agrupación de propietarios.

Mónica Bizarro, presidenta da agrupación de propietarios.

– Que grao de aceptación tivo a iniciativa entre os propietarios?
Mónica Bizarro: Unha marabilla a aceptación. A xente que xa estaba dentro do rexistro de masas frondosas foi a que máis tardou porque xa firmaran aquilo e xa pensaban que con iso chegaba. É certo tamén que houbo algún veciño que non quixo asinar, non sei se por descoñecemento ou por levar a contraria, pero isto é un problema para todos porque cando veñan poñer as vacinas do chancro ou limpar o souto, os seus castiñeiros quedarán excluidos e será un problema para el e tamén para a agrupación.

– Como é o escenario dos soutos a nivel forestal, en canto a limpeza do mato, podas e problemas sanitarios, como o chancro ou a avespiña?
Francisco Magide: A nivel forestal, normalmente cada veciño viña encargándose da súa propiedade. O ano pasado aproveitamos unha subvención, por ser concello dentro da Reserva da Bioesfera, coa que se limparon bastantes hectáreas de soutos e se limparon camiños de acceso aos mesmos, así como poda lixeira.

A avespiña está practicamente vencida pola solta do ‘Torymus’, que se fixo tarde pero chegou a tempo. Respecto ao chancro, a Xunta a través de Medio Rural xa está vacinando castiñeiros cunha nova vacina moito máis eficaz que a do ano pasado. Viñeron por aquí examinar os distintos castiñeiros e xa están vacinando cunha opción adaptada.

Un dos castiñeiros máis antigos dos soutos de Parada de Sil.

Un dos castiñeiros máis antigos dos soutos de Parada de Sil.

– Cal é a propiedade media de cada socio e en cantas fincas?
Francisco Magide: Entre unha hectárea e dúas como propiedade media. As hectáreas están divididas en moitas parcelas moi pequeniñas. Quen ten media hectárea xunta xa é moito, e isto dificulta todo moito.

– Con que dificultades vos estades atopando á hora de identifcar as parcelas ou localizar ós propietarios?

Francisco Magide: A dificultade esencial é que nós non podemos acceder ao Catastro pola Lei de protección de datos. Nese sentido, destacar a colaboración dos veciños, que son os que realmente poden axudar a identificar aos propietarios e localizar parcelas. Recurriremos aos veciños a partir de agora con máis calma para ir incorporando as parcelas limítrofes ou algunhas que están dentro, encravadas, e non asinaron por descoñecemento dos propietarios.

– Que apoios estades tendo da administración para a posta en marcha da iniciativa?
Francisco Magide: Estamos tendo moito apoio no sentido de que contrataron unha empresa para axudar a identificar aos propietarios e xestionar todo o procedemento legal. Tamén no tema do vacina contra o chancro e das limpezas, pois acaban de limpar arredor de 18 km de camiños de acceso.

Francisco Magide, vicepresidente da asociación.

Francisco Magide, vicepresidente da asociación.

– Como ides facer esa xestión conxunta, directamente desde a asociación ou contratando unha empresa?

Francisco Magide: En principio, farémola desde dentro da asociación pero tamén hai que valorar que o día de mañá, se os soutos están limpos, ben podados e producindo, seguro que haberá empresas interesadas en xestionar os soutos e recoller o produto.

– Que obxectivos vos marcades en canto á comercialización de castaña?
Francisco Magide: Agora mesmo facemos unha recolleita máis ou menos centralizada a través dunhas clasificadoras que se compraron no 2009. Os veciños que queren, levan as castañas á clasificadora e se lle calibran para poder obter un mellor prezo.

Doutra banda queremos unha clasificadora industrial e unha desinsectadora, esperamos contar coa colaboración da Administración neste sentido. De feito, chámannos do estranxeiro para que lles enviemos castañas, pois temos moi boa fama, entre outras cousas por estar dentro da Reserva da Bioesfera, pero ata que non teñamos a desinsectadora non poderemos envialas.

Quero insistir no chamamento á Administración para que siga colaborando con nós. Durante moitos anos só se valoraban as novas plantacións. A base de insistir, conseguimos que lle dean máis valor aos soutos tradicionais e entendan o valor que ten isto e a importancia de que non se perdan estes soutos, que ademais ofrecen unha gran protección contra os lumes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información