A responsabilidade das emisións na gandería divídese principalmente entre o sistema dixestivo dos ruminantes (42%), estercos e xurros (15%) e manexo do chan e produción de forraxes (uso de fertilizantes, labra e sementeira, uso de pradeiras, etc.), que provoca o 38% das emisións.
Por tanto, as emisións entéricas supoñen unha parte principal no cómputo global de gases. Lograr maior eficiencia produtiva, un rabaño máis san e melloras dixestivas e en materia de conversión de alimento dos animais permite diminuír as emisións de metano propias do sistema dixestivo do gando vacún.
Maior optimización produtiva e un rumen máis eficiente permiten reducir as emisións de metano entérico
Os avances no campo da xenómica e a mellora xenética, que abren a vía á selección non só por aspectos meramente produtivos senón tamén de eficiencia ambiental (emisións por quilo de carne ou leite producida), introducen un campo aínda incipiente pero prometedor en canto ao seu potencial para mitigar de forma considerable os gases de efecto invernadoiro imputados á produción gandeira.
XENÉTICA, REPRODUCIÓN E MANEXO:
Toma de datos para unha gandería de precisión
A recollida de datos e a obtención de información na explotación é esencial para tomar decisións baseadas en evidencias. A gandería de precisión consiste en utilizar as tecnoloxías dispoñibles na actualidade para mellorar o control da granxa e do rabaño, abarcando un amplo rango de ferramentas de monitoraxe, manexo, alimentación, control de comportamento, etc.
Aínda que se desenvolveu máis en vacún leiteiro estabulado, tamén hai xa aplicacións dispoñibles para pastoreo. A aplicación destas tecnoloxías contribúe a optimizar o funcionamento da gandería, facéndoa máis eficiente e evitando emisións derivadas desas ineficiencias, o que pode contribuír a reducir as emisións de metano nun 20%.
Selección de reprodutores
A selección de femias e machos idóneos para a mellora xenética do rabaño é unha das estratexias de redución de emisións que pode ser implementada a menor custo, xa que ao mesmo tempo mellora a rendibilidade da explotación, cun efecto a longo prazo, xa que os avances neste campo teñen un efecto acumulativo nas seguintes xeracións.
As avaliacións xenéticas de caracteres relacionados coas emisións xa están dispoñibles, aínda que polo de agora estes datos raramente figuran nos programas de mellora xenética
Utilizar animais con alto valor xenético (tanto femias como machos) axuda a mellorar a produtividade pero tamén pode contribuír a diminuír as emisións se un dos valores de selección que se teñen en conta é o da súa eficiencia na conversión, o que equivale a unha menor inxesta de alimento por quilo de carne ou de leite producido. As avaliacións xenéticas para algúns caracteres relacionados coas emisións xa están dispoñibles, aínda que estes datos non figuran por agora de forma xeneralizada nos programas de mellora xenética.
Seleccionar animais máis fértiles reduce os períodos improdutivos, do mesmo xeito que lograr un maior crecemento comporta menor tempo e, por tanto, redución de emisións
Outro dos aspectos relacionados coa mellora da eficiencia produtiva tería que ver coa redución dos períodos improductivos dos animais, en aspectos como aceleración do crecemento da recría ou redución do intervalo entre partos.
Mellorar o benestar
As melloras no benestar animal contribúen a incrementar a produtividade e reducen a intensidade das emisións. A diminución da tensión do gando, avances na súa confortabilidade, mellora da súa saúde e lonxevidade, redución de enfermidades e mortinatalidade das crías son estratexias beneficiosas desde o punto de vista tanto produtivo como de descenso de emisións.
As enfermidades do gando teñen un potente efecto de incremento da intensidade das emisións
Con todo, algúns aspectos relacionados co benestar animal, como é o caso do pastoreo, pode, en determinadas circunstancias, se non está xestionado adecuadamente, estar ligado a un aumento de emisións, especialmente de óxido nitroso.
Ademais, se a densidade nos sistemas de pastoreo alcanza un determinado limiar (que variará co tipo de ecosistema de pasto) pódese exceder a capacidade dos pastos para operar como sumidoiro de carbono e provocar o efecto contrario.
Estratexias de aloxamento
A intensificación do en espazos pechados e o incremento da densidade (nº de animais por unidade de superficie) busca a maior rendibilidade do sistema baseada na optimización dos recursos, polo que pode contribuír a diminuír as emisións relativas de gases de efecto invernadoiro.
A redución das emisións nos sistemas intensivos tamén pode lograrse a partir de factores adicionais como a mellora da dixestibilidade da dieta, posto que este aloxamento implica unha alimentación desligada do pastoreo e normalmente baseada en dietas concentradas.
O aumento da densidade pode comprometer o benestar, debido ao incremento da competencia e tensión social
Doutra banda, un acceso ao pasto restrinxido (confinamento) diminúe a proporción de enerxía para o mantemento. Ademais, o confinamento permite capturar excretas o cal, en termos xerais, diminúe as emisións de óxido nitroso.
Aumento da lonxevidade
Aumentar a vida útil das femias reprodutoras axuda a reducir o número de animais de reposición necesarios. Os animais de reposición consomen recursos e emiten gases de efecto invernadoiro durante o seu período non produtivo, facendo que aumenten así as emisións do rabaño.
Os animais de reposición consomen recursos e emiten gases de efecto invernadoiro durante o seu período non produtivo
Mellora da fertilidade
Aumentar a fertilidade das femias reprodutoras axuda a reducir o número de vacas nodriza no rabaño para ter unha determinada produción. Os animais improductivos que non paren no seu tempo consomen recursos e emiten gases de efecto invernadoiro durante o seu período non produtivo, facendo que aumenten así as emisións do rabaño.
Os animais improductivos cunsumen recursos e xeran metano e esterco
Mellora da saúde
Un rabaño que goce de boa saúde maximiza a súa capacidade produtiva optimizando os recursos e diminuíndo os refugallos. Os problemas de saúde tales como enfermidades, pero tamén lesións, provocan que se necesiten máis animais para producir a mesma cantidade de produto. A mellora da saúde permite unha mellora da eficiencia produtiva do rabaño, de modo que se pode producir máis alimento con menos animais.
Un peor estado físico e de saúde do gando produce unha menor inxesta de alimento e maiores requirimentos de enerxía para o mantemento
Un peor estado físico e de saúde do gando produce unha menor inxesta de alimento, unha redución na capacidade de dixerir os alimentos e maiores requirimentos de enerxía para o mantemento. Pola contra, as melloras na saúde dos animais tamén melloran os resultados produtivos, o que se traduce nunha maior eficiencia no uso dos recursos. Ademais, unha mellor saúde reduce a taxa de reposición por eliminación involuntaria, por tanto, esténdese a vida produtiva media do rabaño.
ACTUAR SOBRE O FUNCIONAMENTO DO RUMEN:
Incorporación de suplementos que reducen as emisións de metano
O metano prodúcese no rumen mediante a actividade das arqueas metanoxénicas que utilizan gran parte do H2 xerado pola fermentación anaerobia de carbohidratos para reducir CO2 a CH4.
Pódese modular o funcionamento do rumen dos animais a través da adición de aceites vexetais e taninos; ácidos orgánicos como o malato ou o fumarato; e extractos fitoxénicos como os organosulfurados, de microalgas (Asparagopsis taxiformis) ou sintéticos como o 3-NOP na alimentación ou na auga de bebida.
A redución pode chegar ata o 30-40%, expresada por quilogramo de materia seca inxerida, pero a súa utilización en doses elevadas reduce a inxesta do animal
Os aceites esenciais posúen un efecto antimicrobiano, antioxidante e melloran a absorción de nutrintes e o índice de conversión. O modo de acción dos taninos consiste en evitar a degradación da proteína a nivel ruminal e posteriormente favorecendo a súa liberación no intestino. As saponinas posúen un efecto anti-protozoario como principal modo de acción. Froito diso reducen as emisións de metano en torno ao 6%, aínda que as bacterias ruminais desenvolven a habilidade para inactivar as saponinas tras un período de tratamento superior a 2-3 semanas.
Na súa maioría estes suplementos non adoitan reducir as emisións de metano per se pero en moitos casos incrementan a produtividade e a eficiencia do rabaño; por tanto, a intensidade das emisións (por unidade de produto) vense reducidas.
Hai moitos produtos xa no mercado (como é o caso de extractos de plantas) pero ningún está rexistrado oficialmente, ata a data, como aditivo zootécnico para reducir as emisións. O custo dos compostos é outro escollo para a súa utilización.
Aditivos que optimizan a función ruminal
Trátase do emprego de compostos (extractos de plantas fundamentalmente) que exercen un efecto modulatorio sobre a microbiota ruminal, de maneira que o perfil de fermentación anaerobia favorece a produción de propionato a expensas da de acetato.
A produción de propionato consome H2 mentres que a de acetato xérao, de aí o efecto redutor da produción de CH4
Dentro dos aditivos para optimizar a función ruminal tamén estarían incluídos os probióticos. O máis utilizado en animais adultos para modular a función ruminal é o fermento (Saccharomyces cerevisiae). O seu principal modo de acción consiste en consumir osíxeno ruminal e favorecer un ambiente anaerobio estrito. O fermento non adoita reducir as emisións de metano. A vantaxe desta estratexia nutricional radica en que favorece a degradación da fibra e incrementa o pH ruminal, permitindo así evitar procesos de acidosis ruminal e a consecuente baixada nos índices de conversión.
Moitos destes aditivos (como os fermentos ou os aceites esenciais) adóitanse utilizar de forma habitual nos pensos comerciais de animais de alta produción (caso das vacas leiteiras) debido a que melloran a produtividade e preveñen acidosis. A súa aplicación en tenreiros de cebo podería ser tamén rendible.
Acelerar o desenvolvemento do rumen a idades temperás
O ruminante cando nace carece de rumen funcional, xa que se alimenta a base de leite que pasa directamente ao omaso e dixírese posteriormente. Durante as primeiras semanas de vida o rumen vaise desenvolvendo e colonizando por unha complexa mestura de microorganismos procedentes do alimento, da auga, do chan ou as feces, e do contacto con animais adultos.
Esta estratexia ten por obxectivo acelerar o desenvolvemento anatómico, microbiolóxico e funcional do rumen para que o animal aproveite de forma eficiente, canto antes, o alimento sólido
No caso de tenreiros mamóns procedentes de explotacións de leite, ao carecer de contacto con animais adultos o desenvolvemento do rumen atrásase pero se se consegue modular a microbiota ruminal nas primeiras semanas de vida, esta permanecerá no animal adulto, permitindo minimizar a tensión e retardación de crecemento durante o destete e mellorar os seus niveis produtivos.
As estratexias a empregar incluirían aditivos fitoxénicos, probióticos ou cambios na alimentación e estarían especialmente indicadas para animais separados da nai tralo parto e criados con leite artificial.
MÁIS INFORMACIÓN: