Como reducir as emisións? (II): Alimentación e xestión de pastos

Control da altura de pasto, axuste da carga gandeira para evitar os efectos do sobrepastoreo, mellora da absorción de nutrintes do chan mediante encalado e uso de leguminosas, unha alimentación de precisión que axuste os niveis de proteína da dieta, apostar por materias primas e fontes proteicas locais e mellorar a conservación de forraxes e ensilaxes son aspectos clave para facer descender a contaminación por metano ou amoníaco

Lograr diminuír os gases de efecto invernadoiro que produce a actividade gandeira é unha tarefa que require un enfoque multidisciplinar que atenda distintos aspectos do manexo do gando e os cultivos, xa que xunto á adecuada xestión de estercos e xurros e ás estratexias para a redución dos niveis de emisións provocadas pola fermentación entérica dos ruminantes, unha alimentación eficaz en relación aos obxectivos produtivos sería a terceira pata esencial na ecuación da redución da contaminación e a sustentabilidade ambiental das granxas.

Na produción de carne de vacún existen dous modelos diferenciados de explotacións: o das ganderías extensivas de vacas nodriza, que utilizan o pasto como base principal da alimentación do gando, e o dos cebaderos de tenreiros, un modelo intensivo no que os concentrados teñen maior protagonismo.

A optimización na produción e aproveitamento do pasto e a aposta por praderías permanentes capturadoras de carbono no primeiro caso e o axuste da ración, o incremento da dixestibilidade da dieta e o uso de fontes de proteína locais no segundo, son estratexias encamiñadas a lograr unha maior sustentabilidade produtiva, con menores niveis de emisións por unidade de produto.

PASTOS E CULTIVOS:

pastoreo benestar animal

Aumentar o tempo de pastoreo
O Ministerio de Agricultura vén de anunciar que a gandería extensiva constituirá o primeiro dos ecoesquemas para a futura repartición dos fondos europeos da PAC no periodo 2023-2027, dos que dependerá o 20% das axudas, do mesmo xeito que o fomento do pastoreo é un dos obxectivos do Plan do Sector Lácteo 2020-2025 aprobado pola Xunta o mes pasado, polo que sacar o gando a pacer será un aspecto que comezará a pesar de maneira notable tanto nas explotacións de leite como de carne nos vindeiros anos. 

Aumentar a proporción do tempo que os animais se atopan no exterior das naves, aumenta a cantidade de dexeccións que se depositarán directamente na pradeira. Desta maneira, os nutrintes achegados pola alimentación retornan ao chan a través da deposición en forma de esterco e ouriños.

A condición de que a carga gandeira sexa adecuada á oferta do pasto, unha maior duración do pastoreo permitirá unha distribución homoxénea das dexeccións na superficie do pasto, o que favorece unha menor emisión de metano e óxido nitroso en relación ao almacenamento do esterco e/ou xurro e o seu posterior tratamento e aplicación durante as operacións de abonado en campo. Ademais, co pastoreo dificúltase o contacto da ureasa presente nas feces coa urea nos ouriños, retardando por tanto a emisión de amoníaco.

As emisións de amoníaco durante o pastoreo son baixas, xa que o nitróxeno amoniacal total nos ouriños depositados directamente nos prados é absorbido rapidamente polo chan

Será importante controlar a intensidade do pastoreo dado que, cunha elevada carga animal, poderíase dar lugar a maiores emisións de óxido nitroso, debido a que as feces se atopan máis expostas ás condicións ambientais, pola compactación do chan provocada polo pisamento dos animais. Este efecto sería moito máis desfavorable en condicións de chan húmido e temperaturas tépedas, caso de Galicia, nas que se favorecen os crecementos microbianos en anaerobiosis e, por tanto, as emisións de metano e óxido nitroso.

Será importante controlar a intensidade do pastoreo dado que, cunha elevada carga animal, poderíase dar lugar a maiores emisións de óxido nitroso pola compactación do chan provocada polo pisamento dos animais

Aínda que xeralmente considérase que unha dieta forraxeira se asocia a maiores emisións de metano do rumen, será preciso avaliar o posible efecto positivo do consumo de dietas forraxeiras de alta calidade ou dos taninos presentes en moitas das especies arbustivas existentes.

Ademais, a alimentación dos herbívoros en pastoreo supón unha menor necesidade de suplementación con cereais, soia, etc, e deste xeito redúcense as emisións que é preciso imputar á produción e transporte destes insumos.

Os pastos permanentes actúan como sumidoiro de carbono en maior medida que unha pradería de sega e as vantaxes do pastoreo increméntanse na medida que se realice en terras marxinais que non compiten coa agricultura, utilizando a gandería ligada ao territorio como sistema de limpeza de leiras ou montes, un método que reduce o uso de combustibles fósiles necesarios para a súa roza mecánica.

Establecer pastoreo rotacional
Considérase que os pastos, co manexo apropiado, teñen un importante potencial para a loita fronte ao cambio climático, xa que se considera que unha taxa de crecemento anual do 0,4% das reservas de carbono do chan nos primeiros 30-40 cm de chan reduciría significativamente a concentración de dióxido de carbono na atmosfera.

Demostrouse que o pastoreo rotacional contribúe á fixación de grandes cantidades de carbono no chan, debido a que unha boa distribución do pastoreo aumenta o contido en carbono do chan, polo aumento en materia orgánica e pola redución da erosión das parcelas.

O establecemento dun calendario de pastoreo adecuado facilita a fixación de grandes cantidades de carbono no chan, o que mellora a cantidade e calidade do pasto de maneira considerable

Ademais, as estratexias de pastoreo rotacional e o establecemento dun calendario de circulación do gando polas distintas parcelas optimiza o aproveitamento do pasto dispoñible na explotación, xa que permite o descanso das parcelas pastoreadas e, se a carga gandeira está ben axustada, mellórase a produción de pasto, en cantidade e calidade.

Incorporar leguminosas
Sementar pratenses leguminosas proporciona unha mellora na calidade do pasto, e unha redución na necesidade do uso de fertilizantes, xa que estas fixan nitróxeno no chan e contribúen a incrementar a súa fertilidade, coa consecuente resposta positiva na produción de pasto.

Os animais que pacen pastos con leguminosas producen menos emisións de metano que os que o fan en pastos ricos en gramíneas, lográndose reducir ata un 20% das emisións de metano

Os animais que aproveitan pastos ricos en leguminosas producen menos emisións de metano que os que o fan en pastos ricos en gramíneas. Esta redución de emisións explícase pola presenza de taninos condensados, unha menor proporción de fibra, unha maior inxesta de materia seca e un paso máis rápido polo rumen.

A estratexia de incrementar a cobertura de leguminosas fronte ao abonado nitroxenado é especialmente interesante en épocas ou zonas de maior seca

A presenza de leguminosas reduce as emisións de óxido nitroso nos sistemas de pastoreo, xa que o nitróxeno atmosférico fíxase nos rizomas das leguminosas, e non queda libre para reaccionar. Ademais, en mesturas optimizadas de gramíneas e leguminosas, as gramíneas toman nitróxeno das raíces das leguminosas, polo que se depende menos da fertilización externa. A maiores dos beneficios ambientais e a redución de custos de fertilización, esta práctica pode supoñer tamén unha redución no custo de alimentación do gando ao suplir as leguminosas parte das necesidades proteicas que achegan insumos como o concentrado a base de soia.

Aínda que as leguminosas contribúen a fixar carbono, a necesidade de resembra cada poucos anos dalgunhas variedades provoca a liberación do carbono do chan e é pouco viable en zonas pendentes ou terreos pedregosos

A presenza de leguminosas nos pasteiros contribúe a fixar carbono, xa que esta fixación depende da dispoñibilidade de nitróxeno. Con todo, algunhas variedades de leguminosas, como a alfalfa ou algúns trévoles, requiren unha resembra cada poucos anos, de maneira que parte das vantaxes derivadas da redución de gases de efecto invernadoiro que achegan as leguminosas poderían verse penalizadas cunha liberación de carbono do chan cada vez que é labrado no proceso de resembra, algo que non é viable en zonas de montaña de gran pendente ou en terreos moi pedregosos.

Uso de técnicas de non laboreo ou de mínima labra
O manexo do chan ten influencia directa sobre as emisións de CO2, xa que se pode estimular a súa produción e acumulación na estrutura porosa do chan a través dos procesos de mineralización da materia orgánica. Pero a acción mecánica da labra supón unha rotura dos agregados do chan, coa consecuente liberación do dióxido de carbono atrapado no seu interior e a súa posterior emisión á atmosfera.

Ao manterse a estrutura do chan, diminúense as perdas de CO2 á atmosfera e auméntase a materia orgánica, o que aumenta a capacidade produtiva do terreo

As técnicas de non laboreo ou labra mínima baséanse na realización de sementeira directa,deixando que o chan quede cuberto en máis dun 30% da súa superficie. Desta forma, mantense a cobertura vexetal do chan durante todo o ano e prevens a erosión.

Outra modalidade de resembra con menor impacto sobre a estrutura do chan é a sementeira en superficie e introdución posterior do gando para facilitar a incorporación da semente ao chan mediante o pisado. 

2018_SILO_HERBA_ODON_2

Preservar as superficies de pastoreo
Cando o pastoreo se realiza nunhas condicións de equilibrio pasto-gando, cunhas cargas gandeiras elevadas, conséguense unhas achegas de carbono ao terreo, que provocan o secuestro de carbono no chan.

Cando se xestiona a superficie de pastoreo de maneira optimizada, redúcense tanto as emisións de dióxido de carbono como de óxido nitroso

A magnitude do secuestro depende do tipo de chan, así como do tipo de vexetación existente e serve para compensar unha parte das emisións de gases de efecto invernadoiro producidas na propia explotación. Ademais, as superficies pastoreadas requiren menos traballos de maquinaria agrícola e necesitan igualmente menos achegas de fertilizantes inorgánicos de sínteses.

A preservación temporal das superficies de pastoreo dispoñibles durante a maior parte do ano implica unha redución da necesidade de conservar forraxes

A mellora e preservación temporal das superficies de pastoreo dispoñibles durante a maior parte do ano implica unha redución da necesidade de conservar forraxes, dado que os animais teñen a posibilidade de consumir pasto fresco, coa consecuente diminución do uso de maquinaria e as perdas de nutrintes asociadas á ensilaxe ou á conservación de herba seca.

Para iso deberá adoptarse unha estratexia multidisciplinar con diversas medidas a aplicar en cada caso:
• Un plan integral de mellora do pastoreo, mantendo unha porcentaxe de leguminosas.
• Un control da altura do pasto, tanto á hora da entrada do gando na parcela, que será duns 9-16 cm aproximadamente, como no momento da saída dos animais, que se fará cando a altura do pasto caese ata os 5 cm; o obxectivo destas decisións é evitar sobrepastoreo e permitir unha rexeneración do pasto na superficie pastoreada.
• Mellorar a resiliencia do ecosistema fronte ás secas mediante a aplicación de técnicas que melloran a capacidade de retención de auga no chan, como pode ser o caso do deseño en liña clave (keyline) considerando as curvas de nivel.
• Aumentar a diversidade vexetal para garantir a produtividade en distintas condicións climáticas e/ou momentos do ano (distintas fenoloxías).
• Produción de cultivos (cereais, leguminosas, etc.) sobre praderías (pasture-cropping) ou outras superficies mecanizables.

Aproveitamento e conservación da paisaxe agroforestal
O uso de sistemas silvopastorís para a produción gandeira ten indubidables efectos beneficiosos en materia de mitigación do cambio climático. A compatibilidade de produción herbácea co mantemento das masas forestais aumenta o secuestro de carbono e evita a liberación en masa que se produciría de xerarse incendios forestais favorecidos pola falta de limpeza das leiras ou masas arbóreas.

As rozas da matogueira necesarias para o mantemento da superficie herbácea, faranse preferentemente mediante o uso de gando, evitando a introdución de maquinaria

Pero a conservación da paisaxe agroforestal debe seguir unha serie de recomendacións:
• As rozas da matogueira necesarias para o mantemento da superficie herbácea, faranse preferentemente mediante o uso de gando, valorando a especie máis adecuada a introducir en función do estado inicial e a súa evolución, evitando na medida do posible os medios físicos ou mecánicos mediante a introdución de maquinaria.
• Apostar pola diversificación de especies (cabalar, caprino, ovino, vacún e porcino) en función do tipo de parcela, para complementar o aproveitamento adecuado do pasto/mato
• Han de conservarse as masas arbóreas, evitando que o gando as deteriore
• Fomentar o aproveitamento estacional de pastos que favoreza o crecemento da vexetación herbácea
• Deben manterse cargas gandeiras equilibradas en función do pasto xerado e tipo de gando

Establecer plans de fertilización
As doses de fertilizante por encima das necesidades dos cultivos conduce a un exceso de nitróxeno, coa consecuente redución da eficiencia no uso de nitróxeno e perdas ao aire e auga.

En termos de contaminantes gaseosos, as aplicacións de fertilizantes nitroxenados están asociadas ás emisións de óxido nitroso e amoníaco, polo que se a dose se axusta ás necesidades do cultivo as emisións de amoníaco e as perdas por lixiviación de nitratos ser verán reducidas.

Un exceso de fertilización levará a perdas de nutrintes en forma de emisións, mentres que unha fertilización insuficiente provoca unha redución na produtividade, polo que axustar a fertilización ás necesidades reais dos curtivos permite gañar eficiencia e reducir custos

Nun Plan de Abonado, débese coñecer, mediante a realización de analíticas, con que nutrintes conta o chan e as necesidades nutricionais do cultivo segundo os rendementos previstos que se queiran alcanzar, para estimar a cantidade e tipo de nutrinte que será necesario aplicar. Teranse en conta as achegas do pastoreo, se as houbese, e priorizarase o uso de fertilizante orgánico producido na explotación fronte á adquisición de fertilizante nitroxenado mineral.

Mellorar o pH do chan
O último paso do proceso de desnitrificación nos chans, é dicir, de redución de óxido nitroso (N2O) a nitróxeno molecular (N2), depende en gran medida do pH do chan. Este proceso inhíbese progresivamente cando o chan se acidifica por baixo de 7. Así, isto quere dicir que o encalado de chans acedos a pH próximo a 7 fai que a redución de óxido nitroso sexa máis eficiente e, dese xeito, diminúan as emisións directas procedentes do chan.

En chans acedos con pH inferior a 7 o encalado demostrou entre un 49 e un 66% de redución en emisións de óxido nitroso

Por tanto, pódese mellorar a capacidade de absorción de nutrintes dos chans acedos e a emisión de gases de efecto invernadoiro encalando para axustar o pH aos niveis necesarios dos diferentes cultivos. Os beneficios do encalado en chans acedos, como os que abundan en Galicia, inclúen unha maior dispoñibilidade de nutrintes, unha mellor estrutura do chan e maiores taxas de infiltración, o que redunda nunha maior produtividade e menor risco de contaminación de augas.

Uso de fertilizantes orgánicos
O emprego de emendas orgánicas, abonos en verde mediante trituración de nabos ou chícharos, ou técnicas de rotación de cultivos fijadores de nitróxeno fronte ao uso de fertilizantes de síntese química permite optimizar os ciclos de nutrintes, evitando o custo económico e ambiental de utilizar fertilizantes sintéticos.

Os abonos orgánicos, a rotación de cultivos fijadores de nitróxeno e o abonado en verde mediante trituración de nabos ou chícharos son técnicas especialmente recomendadas en climas húmidos onde as perdas de nitróxeno nos fertilizantes de sínteses é maior

Os fertilizantes químicos son menos efectivos en climas húmidos que as achegas de emendas orgánicas, xa que se estima que o 1,6% do nitróxeno aplicado por fertilizantes de sínteses en climas húmidos vaise emitir en forma de óxido nitroso, fronte a un 0,6% para o resto de inputs de nitróxeno de procedencia orgánica. Nas zonas secas, sen embargo, calcúlase que aproximadamente se emite un 0,5% do nitróxeno, xa sexa procedente de fertilizantes de síntese ou de estercos ou xurros. Por tanto, substituír o uso de fertilizantes inorgánicos por orgánicos reduce as emisións directas de óxido nitroso, especialmente nos climas húmidos.

Utilizar fertilizantes inorgánicos de baixa emisión
As emisións de óxido nitroso provintes dos chans pódense reducir a través da aplicación de prácticas encamiñadas a mellorar a capacidade do cultivo en captar nitróxeno e competir con outros procesos que conlevan unha perda de nitróxeno no sistema chan-planta.

Os inhibidores da nitrificación poden reducir ata un 50% as emisións directas de óxido nitroso, aínda que en zonas máis húmidas a súa eficiencia é menor

Isto pódese facer mediante o uso de fertilizantes de liberación lenta, o uso de fertilizantes amoniacais fronte aos fertilizantes con base de nitrato, a través do uso de inhibidores da nitrificación e combinacións de fertilizantes ureicos con inhibidores da ureasa. En xeral, estes fertilizantes adoitan ter un custo máis elevado, con excepción da urea, aínda que neste caso hai que considerar o custo engadido dos inhibidores da ureasa.

O uso de urea debe ir unido á aplicación de inhibidores da ureasa para evitar que se produzan emisións altas de amoníaco

Os fertilizantes amoniacais ou os de base ureica, fronte aos fertilizantes con base de nitrato, reducen as emisións de óxido nitroso. Con todo, no caso da urea, pode darse como contrapartida unha emisión moi alta de amoníaco, polo que para evitar estas emisións de amoníaco, os fertilizantes ureicos deben ir acompañados sempre de inhibidores da ureasa.

ALIMENTACIÓN E MATERIAS PRIMAS:

subproductos

Mellora da dixestibilidade da dieta
O incremento da achega de concentrado e a alimentación con forraxes de boa calidade son as dúas opcións máis amplamente utilizadas desde o punto de vista nutricional.

O incremento dos aportes de concentrado reduce as emisións debido a que propicia unha fermentación propiónica de modo que o propionato actúa como sumidoiro de hidróxeno evitando que se desvíe cara á produción de metano.

O uso de leguminosas forraxeiras é unha estratexia que permite reducir as emisións ata un 10%

A alimentación con forraxe de boa calidade permite incrementar a dixestibilidade do alimento e alcanzar maiores rendementos, orixinando unha redución das emisións por unidade de produto de ata un 30% en comparación coa alimentación con forraxe de baixa calidade. O uso de leguminosas forraxeiras é unha estratexia que permite reducir as emisións ata un 10%.

Axustar os niveis de proteína
O exceso de proteína é excretado (principalmente polos ouriños) en forma de urea. Unha parte desta urea volatilízase en forma de amoníaco (NH3) e, posteriormente, outra parte pérdese en forma de óxidos de nitróxeno (por exemplo óxido nitroso N2O) e lixiviación de nitratos en auga. Ademais, o animal ruminante precisa de gastar enerxía para desfacerse deste exceso de enerxía, o que podería mesmo ter efectos produtivos negativos.

O exceso de proteína é excretado en forma de urea mentres que os niveis baixos reducen a produción

Polo contrario, unha dieta excesivamente baixa en proteína pode limitar a síntese de proteína microbiana ruminal, así como os parámetros produtivos. Por tanto, é preciso axustar o nivel de proteína (e enerxía) en cada unha das etapas produtivas, mediante unha correcta estimación das necesidades nutricionais e a análise frecuente dos alimentos, e en animais de alta produción tamén se pode suplementar con aminoácidos esenciais se a calidade da proteína dietética é baixa.

Utilizar fontes locais de proteína
A proteína importada (soia principalmente) posúe unha elevada pegada de carbono debido a que a súa produción adoita implicar deforestación no seu lugar de orixe, elevado uso de fertilizantes industriais e un transporte intercontinental.

Substituír suplementos proteicos importados como a soia por produtos locais como chícharos, colza, alfalfa ou forraxes de leguminosas permite reducir a pegada de carbono

Por iso, o uso de alimentos proteicos locais ou rexionais tales como o uso de leguminosas en gran (chícharos, colza, etc.), pellet de alfalfa ou forraxes de leguminosas, permite reducir dita pegada de carbono. Neste sentido, alimentar con silo de millo ou de leguminosas permite reducir as emisións en comparación co silo de raigrás.

A forraxe de colza tamén reduce as emisións aínda que os efectos son variados sobre a produtividade. Combinar millo e silo de legumes incrementa a inxestión e reduce as emisións por unidade de produto.

Alimentar con silo de millo ou de leguminosas permite reducir as emisións en comparación co silo de raigrás

Dada a menor calidade proteica das alternativas á soia, os niveis produtivos pódense ver afectados negativamente se non se fai un correcto racionamento da dieta. Doutra banda, a dependencia do mercado exterior de soia redúcese, o que permite traballar con prezos da ración máis estables.

Utilizar subproductos agroindustriais, residuos vexetais e alimentos novos
Os subproductos agro-industriais (bagazo de cervexa, destrío de froitas e verduras, como por exemplo mazá de sidra, subproductos de cítricos, polpa de remolacha azucareira, etc.) representan unha fonte barata de alimento para ruminantes xa que doutro xeito non poden ser utilizados por ningunha outra especie de animais.

O uso de alimentos novos como o penso alcalinizado ou o pellet de palla poden supoñer unha ferramenta en sistemas de cebo

O problema é que na súa maioría deben ser consumidos a nivel local ou rexional xa que o seu transporte non é rendible (polo elevado contido en auga) e a iso hai que engadir que estes produtos son frecuentemente estacionais e de difícil almacenaxe ou conservación.

Sen embargo, son produtos interesantes que permiten achegar carbohidratos facilmente fermentables (reducindo así a formación de CH4 no rumen) a baixo custo, facilitando diminuír a subministración de forraxe, e, ao tratarse de subproductos ou residuos doutros procesos industriais, a súa pegada de carbono é moi reducida. O uso de alimentos novos como o penso alcalinizado ou o pellet de palla poden supoñer unha ferramenta en sistemas de cebo.

Alimentación de precisión
As necesidades nutricionais dos animais cambian ao longo do ciclo de produción, polo que subministrar o nutrinte apropiado no momento apropiado pode representar unha estratexia para maximizar a produción e reducir as emisións de metano.

Observouse en vacún de leite que realizar racións personalizadas pode incrementar a produtividade e reducir as emisións de metano nun 15-20% e a excreción de nitróxeno nun 20-30%

A monitorización do rabaño e o acceso ao big data facilita a toma de decisións e a xestión da explotación, pero en sistemas de alimentación combinada de pastos e dieta requírese de tecnoloxía avanzada para poder monitorizar os pastos.

silo herba presecado

Mellorar a conservación de forraxes e ensilados
A recolección de forraxe nunha etapa temperá de madurez aumenta o seu contido de carbohidratos solubles e reduce a lignificación das paredes celulares das plantas, o que aumenta a súa dixestibilidade e diminúe a produción de CH4 entérico por unidade de MS dixestible, reducindo as emisións de GEI.

Nos procedementos de ensilaxe prodúcense perdas de materia seca, que oscilan entre o 5 e o 25%

Un mal proceso de secado e recollida da herba seca pode supoñer perdas de ata o 12% da materia seca dispoñible, mentres que na ensilaxe, dependendo de como fagamos as cousas, pode oscilar entre o 5 e o 25%. Mellorar estes procesos permite reducir a perda de materia seca e aumentar a calidade nutricional da forraxe co mesmo custo.

Os aditivos que con frecuencia se utilizan para mellorar a preservación do silo, especialmente de millo, poden ser unha ferramenta de xestión importante para reducir as perdas durante o almacenamento, particularmente en ensilaxes de baixa calidade. Con todo, algúns aditivos poden contribuír significativamente ás emisións netas de gases de efecto invernadoiro do silo.

MÁIS INFORMACIÓN: 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información