Claves para mellorar a produción das fincas de millo

Usar un subsolador para romper a suela de labor; unha distribución homoxénea das sementes, reducindo a distancia entre regos e aumentando a distancia entre plantas; un abonado nitroxenado cando a planta ten entre 8 e 10 follas e diminuír o ‘efecto borde’ son técnicas que permiten incrementar o rendemento forraxeiro

David Vilacoba, durante a súa intervención nas xornadas organizadas por Seragro na Facultade de Veterinaria de Lugo

David Vilacoba, durante a súa charla nas xornadas organizadas por Seragro na Facultade de Veterinaria de Lugo

David Vilacoba Vieito, enxeñeiro agrícola e responsable da gandería Pacheco Meimendre SC, falou nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro de como aumentar a produción de millo en Galicia.

Durante os últimos 15 anos David estivo compaxinando o traballo na granxa familiar co asesoramento a nivel de campo para distintas casas de semente. Na actualidade adícase de pleno á súa explotación, ubicada no concello coruñés da Baña.

“É posible aumentar o rendemento do millo pero son moitos os factores que inflúen e temos que pensar cales son os que temos capacidade de manexar e alterar para mellorar e os que non, aqueles que temos que adaptarnos a eles”, indicou.

 “Podemos influír nas labores de preparación do solo, na elección da variedade e a sementeira, no tratamento fitosanitario para o control de pragas e malas herbas ou no abonado. E esas son as cousas nas que nos temos que centrar á hora de mellorar o cultivo”, recomendou.

Podemos influír na preparación do solo, na escolla de variedades ou no control de pragas e malas herbas, pero non nas condicións climatolóxicas, ás que nos teremos que adaptar

Pola contra, explica David, hai outra serie de factores sobre os que non temos control, como os danos provocados pola fauna salvaxe ou as condicións climatolóxicas, ás que sen embargo nos podemos adaptar con decisións como a escolla das parcelas, a data de sementeira ou o tipo de variedade.

Tomar decisións en base a datos

Á hora de iniciar a campaña de sementeira, en primeiro lugar, di, temos que planificar o cultivo e ter en conta as colleitas precedentes en cada finca. “O máis lóxico é recompilar datos do ano anterior, pero ten que ser de forma obxectiva e totalmente autocrítica, senón non serve de moito”, matiza. “É dicir, se nunha zona tivemos mala colleita porque acabamos o abono e por non volver a casa non llo botamos, hai que poñelo”, exemplifica.

Os datos de rendementos de anos anteriores temos que conservalos, porque son a chave do cultivo

Para esta toma de datos da colleita anterior existen novas ferramentas, como os mapas de rendemento, que facilitan esa labor. “Eses datos temos que conservalos, para ter información de máis dun ano, porque son a chave do cultivo”, indica tamén David.

Fertilización e aproveitamento do purín

composicion quimica purin en GaliciaUn primeiro punto de mellora no cultivo de millo é o abonado. “A fertilización é quizais a parte máis simple, porque é unha cuestión matemática, unha simple ecuación ou regra de tres, xa que sabemos a demanda media que ten o cultivo (para facer unhas 10 toneladas de gran por hectárea fannos falta 250 unidades fertilizantes de nitróxeno, unhas 120 de fósforo e unhas 230 de potasio; e se queremos aumentar a produción deberemos aumentar tamén na mesma proporción estas cantidades”, explica.

David destaca a importancia do purín para o abonado das fincas de millo. “Uns 10 metros cúbicos de purín por hectárea, máis ou menos unha cisterna de tamaño medio, equivalen a 125 kg de abono complexo NPK 12-12-24 máis 33 kg de urea ao 46% de nitróxeno”, detalla.

Hoxe en día temos ferramentas para saber como está o solo (analíticas de chan) e outras que nos din o que lle aportamos nós

“Esa conta temos que extrapolala á cantidade de purín que aportemos e restala da demanda real do cultivo (en función da analítica de solo e o rendemento agardado) para calcular despois a cantidade de abono mineral necesario”, engade.

A maiores do encalado e do abonado de fondo da sementeira, destinado a correxir as carencias do solo e cubrir as necesidades do cultivo, David recomenda “na medida en que o peto o permita”, facer un abonado nitroxenado en coberteira cando o millo teña entre 8 e 10 follas.

Preparación do solo

subsolador fincas de millo“A preparación do solo é un tema realmente descoidado no que se pode mellorar moito”, asegura David, que recomenda intercalar nas labores de preparación do solo un subsolador para romper a suela de labor e facilitar que as raíces das plantas de millo poidan acceder a nutrientes e auga máis abaixo.

“Cando levamos anos traballando co arado déixanos por abaixo un solo duro que as raíces do millo non son capaces de traspasar. Cando vén tempo seco esa capa superficial de terra sécase e a planta sufre moito máis os efectos da seca e pode ter tamén moitos máis problemas de caída. Pola contra, cando chove moito, prodúcense encharcamentos porque o terreo non drena. Por iso, co subsolador, ademais de mellorar a estrutura do solo, melloramos tamén a circulación da auga en sentido vertical”, conta.

O solo é un recurso único e irreparable; non podemos perdelo e temos que tratar de melloralo

Existen distintos tipos de compactación: a compactación superficial na capa arable polo efecto pisado da maquinaria; a suela de arado; a compactación profunda, que se dá a máis de 30 centímetros de profundidade; e as costras na superficie, que se producen cando se desmenuza moito o chan nas últimas labores de preparación da terra en solos con moita arxila e se dan choivas posteriores, creándose unha capa superficial dura que impide que o xerme do millo sexa capaz de saír e provocando mermas de produción por perda de plantas na nascencia.

A suma de maquinaria moi pesada e elevada humidade no chan fai que os nosos solos se volvan durísimos, case infértiles

Para evitar a compactación, “baixo ningunha circunstancia debemos traballar o solo mollado”, advirte, e menos cando a maquinaria de laboreo, sementeira ou recollida da colleita é cada vez máis grande e dunha maior tonelaxe. “A suma de elevados pesos e elevada humidade no chan fai que os nosos solos se volvan durísimos, case infértiles”, di.

Os efectos da compactación danse tamén máis nos bordes da parcela polo efecto das manobras de xiro, por iso David recomenda pasar o subsolador cando menos por estas zonas do perímetro se non o facemos por toda a finca.

Rotación de cultivos

O responsable da gandería Pacheco Meimendre SC afirma que “non deben quedar as fincas desnudas” no inverno e destaca os efectos positivos da rotación de cultivos: “Cando unha finca vén de unha rotación de dous ou máis anos con pradeira temos gratis un 10% de produción de millo”, di.

En función das necesidades forraxeiras da explotación e do efecto que queiramos lograr no solo introduciremos un cultivo de inverno ou outro, tendo en conta tamén as esixencias da nova PAC para cumprir coa condicionalidade reforzada e o ecorrexime de rotación con especies mellorantes.

Cando vimos de 2 anos de rotación con pradeira temos un 10% de produción de millo gratis

As leguminosas (chícharo, faba, altramuz, veza, alfalfa, trevo) fixan nitróxeno ambiental no chan e melloran a súa estrutura, mentres as crucíferas (rábano, rúcula, nabo) producen un efecto de desinfección no solo contra nemátodos e algúns fungos. Outras opcións para meter un cultivo intermedio entre millo e millo serían as oleaxinosas (xirasol, colza, soia) e as mesturas de cereal de inverno con especies pratenses forraxeiras.

A chuvia marcha co solo e cos recursos que temos nel. Metendo un cultivo intermedio evitamos a erosión e se temos falta de forraxe podémolo aproveitar

“Temos que rotar fincas e intercalar un cultivo intermedio entre millo e millo, non deixar as fincas desnudas. Este ano, despois de ter caído 1.000 litros de auga as fincas baleiras quedan sen practicamente elementos finos e sen ningún tipo de microbioloxía que nos poida axudar. A chuvia marcha co solo e cos recursos que temos nel”, advirte.  

Reducir o ‘efecto borde’

tipos de compactación do solo

Outro aspecto a mellorar é o chamado efecto borde (sombra de árbores, menor fertilización, exceso de tratamentos por solape, maior compactación do chan, etc), no que imos ter menos produción e iso vai baixar a produción media obtida nas fincas da explotación.

Os efectos negativos vense acrecentados en Galicia debido ao minifundio. “Se temos unha finca de 25 hectáreas e temos un perímetro de 10 metros de ancho afectados todo ao redor, serían 3 hectáreas afectadas, pero se temos 25 fincas de 1 hectárea o efecto borde multiplícase e xa serían 8 as hectáreas afectadas sumando todas as parcelas”, argumenta.

Os 10 metros de perímetro nunha finca de 25 hectáreas son 3 hectáreas pero se as temos en pezas de 1 hectárea os bordes suman 8 hectáreas

Polo que, di, “a solución ao efecto borde é meter subsolador e coidar a fertilización dos perímetros, porque se a finca ten media hectárea non se lle pode poñer nin sacar e en Galicia sabemos que abunda o minifundio”, lamenta.

Elección da variedade

David recomenda labrar “variedades rústicas”. “Para min unha variedade rústica é aquela tolerante a estrés hídrico, que teña un bo vigor de nascencia, que sexa produtiva pero á súa vez dixestible, que teña un bo talo fronte a fusarium, e que sexa resistente fronte a algunhas enfermidades foliares frecuentes como a rolla ou o helminthosporium”, describe.  

Considera que se debe escoller o tipo de variedade en función da finca e o destino final do cultivo, diferenciando por exemplo o millo para ensilaxe do labrado para facer gran húmido, aínda que en caso de non ter claro a que se vai destinar “existen variedades polivalentes para ambas cousas”.

Eu aconsello acurtar o ciclo do millo destinado a gran húmido e labralo en fincas máis secas para poder recollelo xusto despois de acabar de ensilar e que non teña que quedar un mes máis

O que si aconsella é acurtar o ciclo do millo destinado a gran para poder facer a recollida do gran húmido xusto ao acabar de ensilar o outro millo “e que non pase o que aconteceu este ano, que se puxo a chover e estaba aínda nas fincas o millo para grao húmido sen recoller”.

Distribución uniforme da semente

A sementeira é a parte máis delicada do cultivo, onde non temos marxe de volver atrás. “Se deixamos este traballo ben feito, ben feito queda, pero se o deixamos mal feito, mal feito queda até o final do ciclo”, insiste, polo que recomenda revisar o estado da máquina que vaiamos a empregar.

sementeira millo “A data ideal para min está entre o 10 e o 25 de maio, porque antes desa data hai máis problemas de encharcamento, posibles xeadas e pragas como a mosca de sementeira ou o verme branco e unha vez pasado o 25 de maio a competencia coas malas herbas é brutal, porque o desenvolvemento das malas herbas é maior que o do propio millo, a parte da proliferación de ataques de insectos, en concreto lepidópteros”, describe.

Para min, a data ideal para labrar está entre o 10 e o 25 de maio

A profundidade á que se debe labrar varía entre os 5 e os 8 centímetros, pois depende do momento no que se realice a sementeira e da variedade elixida. “Debemos facer sementeiras máis superficiais cando temos unha semente miúda ou de pouco vigor ou se se prevén días de moita chuvia posteriores á data de sementeira e, pola contra, faremos sementeiras máis profundas cando temos un calibre de semente moi groso ou se prevé seca, porque  fainos falta un 30% do peso da semente en auga para que poida xerminar, por iso hai que variar a profundidade en función do tipo de semente que vaiamos labrar e a climatoloxía prevista”, recomenda. En canto á velocidade de sementeira (entre 4 e 7 km/h), hai que adaptala sempre ao estado da máquina e máis ao estado do solo.

Se temos problemas de paxaros é recomendable labrar a maior profundidade para dificultarlles que poidan arrincar a semente

Á hora de establecer a densidade óptima de semente é útil aproveitar os datos que nos proporcionan os mapas de rendemento da colleita dos anos anteriores. A dose habitual está entre as 90.000 e as 100.000 plantas por hectárea, pero a  sementeira variable permite meter máis semente nas zonas máis produtivas e menos nas zonas máis conflitivas. “Podemos obter un incremento substancial no rendemento das colleitas facendo iso”, asegura David.

Podemos lograr un incremento substancial de rendemento facendo sementeira variable, metendo máis semente nas zonas máis produtivas e menos nas máis conflitivas

Con todo, di, “é interesante abusar un pouco do número de plantas porque de por si imos ter baixas e se poñemos 80.000 plantas por hectárea e temos algún problema quedaremos cunha densidade inferior á recomendada”, advirte. Aconsella, iso si, baixar a dose de sementeira en fincas máis secas ou destinadas a grao.

A distribución da semente entre plantas ten que ser “perfecta en toda a finca”, di. “Se faltan plantas ou as distancias non son uniformes estamos perdendo capacidade de produción na nosa parcela”, alerta. Defende tamén estreitar os regos para poder aumentar a distancia entre plantas. “Se estreitamos un pouco as mesas podemos distanciar algo máis entre plantas e os recursos do chan serán máis aproveitables”, indica.

É interesante estreitar un pouco os regos e distanciar o espazo entre plantas

Considera ademais “opcional pero moi interesante” incorporar un abono starter no momento da sementeira para mellorar a emerxencia e o enraizamento das plantas de millo. “Fai que teña un maior vigor nos seus primeiros estadíos, polo que se pode defender mellor de adversidades climáticas porque ten un maior desenvolvemento radicular”, considera.

Control das malas herbas

protocolo control pragas e malas herbas cultivo milloA presenza de malas herbas é “o principal problema na produción de millo”, afirma David, podendo chegar a perder ata un 40% do rendemento por esta causa. Pero,  a que chamamos mala herba? “Mala herba pode ser calquera herba se non está no lugar correcto”, describe.

As malas herbas compiten polos recursos (a auga, os nutrientes e a luz) coa planta de millo e son refuxio de pragas e patóxenos que causan posteriores danos no cultivo. Ademais, algunhas especies destas herbas presentes nas fincas de millo segregan substancias alelopáticas (nocivas para o millo). Por exemplo, o Chenopodium Album e a Setaria Viridis, que retardan a floración, ou a Digitaria Sanguinalis e a Cyperus Rotundus, que reducen o crecemento e producen unha diminución severa do rendemento.

malas herbas cultivo de milloPara combater as malas herbas David lembrou algunhas pautas a seguir: “o primeiro é identificar as diferentes especies de malas herbas presentes nas fincas (folla ancha, estreita ou ambas) e saber en que estadío se encontran”, di. A continuación, “temos que buscar unha solución que sexa o máis respectuosa posible co cultivo, porque o que queremos é matar a mala herba pero sen afectar ao millo”, evidenciou.

As malas herbas son a principal causa de diminución do rendemento no cultivo do millo, podendo chegar as perdas ao 40%

Á hora de aplicar o tratamento é necesario ter en conta as condicións climatolóxicas previas e posteriores á realización da aplicación e revisar o estado da sulfatadora, para garantir unha aplicación correcta, poñendo boquillas antideriva para aumentar a eficacia e non danar cultivos adxacentes. “Se temos un 10 ou un 15% de produto que nos marcha en forma de nube estamos perdendo un 10 ou un 15% de efectividade no noso tratamento”, razoa David.

En canto ás doses, recomendou seguir as directrices do fabricante respectando as doses fixadas, sen incrementalas. “O fabricante é o maior interesado en vender o produto, non lle temos que axudar nós aumentando as doses”, argumentou.

Para evitar as posibles resistencias non se debe usar sempre, ano tras ano, o mesmo produto ou materia activa. “O amaranthus é hoxe a mala herba que presenta maior resistencia aos herbicidas”, recoñeceu.

Temos que buscar unha solución que sexa o máis respectuosa posible co cultivo e co medio ambiente

Un protocolo doado de cumprir para o control de pragas e malas herbas no cultivo de millo comezaría coa aplicación dun insecticida máis un herbicida de preemerxencia trala sementeira, “o que nos daría certa marxe para evitar que as malas herbas se nos adianten e que una posible praga, como pode ser a rosquilla, poida agardar até a aplicación do segundo tratamento, o de postemerxencia. Iso danos certa tranquilidade, porque en caso de vir despois mal tempo teriamos o noso cultivo protexido; en caso contrario se hai un ataque de rosquilla e chove, polo que non podemos entrar a tratar, poderiamos perder até un 15% das plantas”, di David. Existe tamén a posibilidade de aplicar tratamentos para evitar os ataques de paxaros ou insectos, pero descarta “metelos por sistema”.

Cada vez que entramos na finca perdemos un 2% das plantas

Unha vez que se produce a nascencia hai que revisar que non hai ataques de paxaros, de verme branco, ou de alambre e antes de facer o tratamento de postemerxencia débese revisar tamén que tipo de malas herbas son as que hai na finca porque “se non hai herbas de folla estreita non temos por que meter un herbicida de folla estreita; igual amañamos só cun de folla ancha”, argumenta.

Esta aplicación de herbicida, que se faría cando o millo ten entre 4 e 5 follas, habería que acompañala tamén dun insecticida “para que nos dea a garantía de chegar ao final do cultivo sen pragas e co millo san”, di.

Se esta aplicación combinada non fose suficiente para controlar algún tipo de mala herba ou aparecese posteriormente algunha praga, “habería que volver a entrar a tratar”, recomenda David. “Que non vos dea pereza, porque aínda que cada vez que entramos perdemos un 2% de prantas, se non tratamos os danos poden ser moito maiores”, xustifica.

A auga, un factor cada vez máis limitante para o cultivo do millo en Galicia

precipitacions millo 2018-2022 e media 30 anosUn dos aspectos clave para o cultivo do millo é a auga. “Se tomamos os datos da precipitación acumulada este ano entre o 1 de abril e o 30 de setembro vemos unha variabilidade moi grande dunhas comarcas a outras. En Santa Comba, por exemplo, choveu o dobre que en Castro de Rei”, detallou David.

“Sabemos que as necesidades do cultivo son de 350 litros por quilo de materia seca. Así pois, para obter 13.200 kg de MS por hectárea (o que equivale a 40.000 kg de materia verde por hectárea), necesitariamos 4,6 millóns de litros por hectárea de precipitacións”, explica.

Dentro de Galicia, hai moita variabilidade nas precipitacións por comarcas. Este ano, por exemplo, en Santa Comba choveu o dobre que en Castro de Rei

“Por iso, se tomamos a auga como factor limitante, coas precipitacións que se deron en Castro de Rei seriamos capaces de lograr 30.000 kg por hectárea, mentres en Santa Comba poderiamos chegar ás 65.000”, engade.

Pero para valorar o efecto das chuvias, non só debemos cuantificar as precipitacións acumuladas como valor absoluto, senón que debemos ver como se producen ao longo do ciclo do cultivo do millo.

As necesidades hídricas do cultivo de millo son de 350 litros por quilo de materia seca

“Nos últimos 5 anos (2018-2022) vemos que a maior parte das precipitacións nos caen nos meses de inverno. A liña de tendencia que amosa a media de precipitacións nos últimos 30 anos na nosa comunidade indica que nos meses de verán, que son os meses fundamentais desde o punto de vista do cultivo do millo, practicamente non temos precipitacións”, destaca.

Recomendacións fronte ao estrés hídrico

Por iso, engade que “en Galicia dependemos do tempo, porque non temos regadío. O tempo non o podemos cambiar, pero si adaptarnos a el. Temos que intentar que a floración do cultivo non coincida cos meses de xullo e agosto, que é o período crítico de precipitacións en Galicia, que esa floración se produza a poder ser un pouco antes”, asegurou David.

Nas fincas máis secas hai que sementar o millo máis cedo e facer un ciclo máis curto

Entre os consellos que dá este enxeñeiro agrícola e gandeiro está o de elixir para labrar o millo as fincas que teñan maior capacidade de retención de auga e darlle maior protagonismo aos cultivos forraxeiros de inverno nas fincas moi secas.

“Dentro da superficie dispoñible que teñamos na nosa explotación temos que intentar escoller para o millo aquelas parcelas que teñan un maior potencial hídrico e maior capacidade de reter auga. Nas fincas máis secas é importante adiantar as sementeiras, sementar ciclos máis curtos e elixir variedades máis rústicas resistentes ao estrés hídrico que se produce nesas parcelas”, recomendou. 

Máis de 5.000 hectáreas afectadas pola fauna salvaxe

danos fauna salvaxe cultivo de milloOutro dos factores que escapa á man do gandeiro en Galicia son os destrozos provocados pola fauna salvaxe (xabaríns, teixos e corvos). Estímase que das 73.600 hectáreas labradas a millo este ano na comunidade, o 7,5% da superficie, é dicir, unhas 5.500 hectáreas, víronse afectadas por danos provocados pola fauna. “Practicamente é unha hectárea por granxa”, evidenciou David.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información