“As vacas cruzadas van máis ao robot porque son máis vivas”

Gallardo SC é unha gandería que non parou de medrar desde o ano 2003, cando Jose Rodríguez colleu a explotación dos seus pais con 19 vacas. Hoxe contan cunhas modernas instalacións con dous robots de muxido

Jose Rodríguez, xunto a un dos dous robots do seu establo, onde a metade son xa vacas cruzadas

Jose Rodríguez, xunto a un dos dous robots do seu establo, onde a metade son xa vacas cruzadas

No lugar de Nogueiras, na parroquia de Ferroi (Guntín), atópase Gallardo SC, unha gandería familiar que medrou e se profesionalizou nos últimos 20 anos, cun novo establo, muxido robotizado e unha aposta clara na actualidade polos cruzamentos no gando.

Buscaban animais versátiles e que se adaptaran ben aos robots de muxido para reducir a carga de traballo. Jose Rodríguez atende a granxa coa axuda de 3 empregados. Contan na actualidade con 210 cabezas totais (110 vacas en muxidura, 20 secas e unhas 80 xatas e xovencas de recría) logo dun importante crecemento que se acelerou hai 5 anos.

“Os meus pais tiñan unha gandería pequena con 19 vacas; cando realmente se empezou a medrar foi cando me incorporei eu no ano 2003. Fixemos un establo novo para 32 vacas que fomos despois ampliando a medida que iamos medrando”, explica.  

Nova nave en 2020

Ao ir aumentando de tamaño, Gallardo SC necesitaba unhas novas instalacións para a recría. Con esa intención deseñaron unha nova nave no 2019 para xovencas preñadas e vacas secas pero un ano despois decidiron duplicar a súa capacidade, instalar dous robots de muxido e pasar para ela as vacas en produción, levando os lotes de secas e recría para o outro establo.

Fixemos un primeiro establo no 2003, no que agora temos a recría e as secas, e no 2020 pasamos todos os animais en produción a unha nova nave

Con esa decisión lograron ter unhas cómodas instalacións para todo o rabaño, que facilitan o benestar do gando e o traballo diario na granxa. “O establo vello non era moi antigo e iso permitiunos lograr moi boas condicións para os lotes de recría e vacas secas, equiparables aos das vacas en produción”, indica Jose.

A próxima reforma estará pensada para mellorar o espazo destinado ás becerras pequenas, que son as que están neste momento un pouco máis apertadas, recoñece.

Secado e postparto en sala

Zona de separación a carón dos robots para ter máis vixiadas ás vacas recén paridas

Zona de separación a carón dos robots para ter máis vixiadas ás vacas recén paridas

Seguen dispoñendo da sala de muxido no establo construído no 2003, o que lles permite utilizala tanto para vacas recén paridas como para facer o secado, de maneira que minimizan os posibles problemas nos robots, ao teren neles unicamente animais que xa están fóra dos períodos máis críticos da lactación.

O manexo do lote de produción nos robots vólvese máis sinxelo ao non meter as vacas para secar e as recén paridas

“Cando temos 5 ou 6 vacas para secar levámolas para o outro establo, cambiámoslles a alimentación, substituíndo a ración de leite pola ración de secas, e muxímolas na sala durante uns días ata poñerlles o secado”, explica Jose.

Do mesmo xeito, o postparto tamén o fan habitualmente na sala, aínda que contan tamén cun espazo a carón dos robots nos que separar vacas para poder vixialas máis exhaustivamente, sobre todo no caso das frisonas.

Para que unha holstein chegue ao cuarto ou ao quinto parto non podes deixala parir e esquecerte dela, hai que coidalas moito

“Para que unha holstein chegue ao cuarto ou ao quinto parto non podes deixala parir e esquecerte dela, hai que coidalas moito. Nós os primeiros días témolas controladas ao lado do robot. Ás frisonas de máis de 3 partos poñémoslles calcio e un bolo de Kexxtone. Facémolo por sistema porque se unha entra en cetose e acaba en desprazamento de abomaso supón máis gasto”, razoa Jose. “Á hora do parto miramos moito por elas, e nos primeiros días de secado tamén”, recoñece. O control da calidade de leite fáillelo Seragro e están a facer secado selectivo.

Venda de recría

GALLARDO SC (Guntin) recriaA lonxevidade é unha das características destacadas desta explotación. “Intentamos chegalas aos 5 partos pero nas frisonas non imos máis aló, porque irse a un sexto parto sería arriscarse a ter problemas e como dispoñemos de recría dabondo imos facendo relevo de animais a través de descartes voluntarios”, explica.

A través do relevo voluntario imos metendo xovencas máis produtoras para elevar a media da granxa

Teñen na actualidade 210 cabezas totais e están a vender o excedente de recría, tanto becerras como xovencas. “Con 30 ao ano xa nos sobraría para cubrir a nosa taxa de reemprazo. Como estamos moi por enriba desa cantidade podemos permitirnos substituír vacas por xovencas máis produtoras para incrementar deste xeito a media de produción da granxa e vender a recría que nos sobra”, indica.

Cruzamentos

GALLARDO SC (Guntin) vaca ProcrossEmpezaron a incorporar vacas cruzadas no ano 2017, nunha fase de crecemento da granxa, e ao ver o rendemento que daban optaron por inseminar con montbeliarde e rojo sueco tamén os animais da casa. “Fixeramos unha viaxe a Portugal e trouxeramos 4 xovencas a parir aquí. Vimos que eran animais con máis fortaleza e a día de hoxe xa inseminamos todo con Procross”, conta.

Ás veces invirten a orde dos cruces, poñendo primeiro rojo sueco para buscar animais de menor tamaño

“Até o ano pasado estabamos cruzando a metade das vacas e a outra metade non, pero vemos que funciona e agora xa estamos cruzando todo, neste momento a ningunha frisona pura lle estamos poñendo frisón, ou ben a inseminamos con montbeliarde ou ben con rojo sueco”, detalla.

“Gústame unha vaca de tamaño medio, o cruce con rojo sueco a min gústame moito porque é unha vaca máis pequena e con moi boas calidades de ubre”, asegura. A media mensual de células somáticas nesta granxa está nas 123.000, con 12.000 xermes de bacterioloxía. As camas de produción e das vacas secas son de area, as xovencas están en colchoneta e as becerras en cama quente de palla.

42 litros de produción por vaca e día

GALLARDO SC (Guntin) robot Delaval2Entregan o leite a Entrepinares desde o ano 2014. Rondan os 42 litros de produción por vaca e día, cun 4,20% de graxa e 3,55% de proteína. “Son producións de frisona pero con máis calidades. Antes empregabamos esmartamina e ácido palmítico, pero agora xa non. A produción estase mantendo e para min as cruzadas son vacas máis resistentes e con máis mobilidade cara ao robot. Son vacas máis activas, que acoden máis a muxirse”, destaca.

“Hai vacas Procross que pican moi alto e son superiores a moitas frisonas”

Teñen os animais de produción repartidos en dous lotes, un por cada robot. Nun están os de primeira e segunda lactación, cun máximo de 57 vacas, e noutro as vacas multíparas, con entre 52 e 54 cabezas.

Non saturar os robots

Gallardo SC ten neste momento 110 animais nos robots. Prefiren non telos saturados para ter neles un tráfico máis fluído e acadar desta maneira medias de 3 muxidos diarios. “Non queremos pasar dos 115 animais nos robots, sobre todo se hai moitas vacas con poucos días en leite, porque temos comprobado que metendo 120 animais logras ás veces menos leite porque baixas nas medias de entrada ao robot”, explica.

Procuramos non ter máis de 115 animais nos robots, sobre todo se hai moitas vacas con poucos días en leite

Na sala levaban xa 4 anos facendo tres muxiduras ao día e logrando altas producións, polo que non notaron un incremento importante nos litros por vaca ao pasar aos robots, senón que o aumento do leite no tanque veu dado polo incremento da capacidade da granxa nuns 25 animais máis en produción.

Un manexo diferente

GALLARDO SC (Guntin) nave2Ademais de destacar a maior mobilidade de cara ao robot e o incremento das porcentaxes de sólidos, Jose asegura que as vacas cruzadas “non necesitan tantos coidados porque son mellores en saúde, patas e fertilidade”.

As vacas cruzadas saen antes en celo e podes conseguir un parto máis no mesmo tempo que dura unha frisona pura

“Non é unha vaca que haxa que manexar igual ca unha frisona. As holstein teñen lactacións máis longas. As procross, sen embargo, saen antes en celo e podes conseguir un parto máis no mesmo tempo porque podes inseminalas antes”, explica.

Gallardo SC logra unha taxa de preñez do 37% nas vacas procross, con 1,97 doses de media, fronte ao 29% e 2,13 doses das frisonas, que representan o 57% do rabaño total da gandería neste momento, fronte ao 43% de vacas cruzadas.

“Quero vivir das vacas e non para as vacas; para min que non haxa problemas é moi importante”

 “As frisonas necesitan unhas instalacións perfectas e moitas máis atencións; a mesmos coidados, as cruzadas dan moitos menos problemas. En tema de medicamentos non hai que tratalas tanto, é algo que notamos claramente”, asegura.

Incremento dos ingresos polas vacas de desvelle

GALLARDO SC (Guntin) cubiculosAdemais dos ingresos pola venda da recría sobrante, Gallardo SC está a obter tamén un maior retorno polas vacas que manda ao matadoiro. “O valor do desvelle aumenta. As vacas cruzadas se lles estiras a lactación collen moitos quilos e co que che deixan no matadoiro están pagando a xovenca que queda no seu sitio”, destaca Jose.

A maioría dos descartes son voluntarios. Este ano levan vendidas 15 vacas, a unha media de 1.800 euros

Este ano levan vendidas 15 vacas, a unha media de 1.800 euros.  A maioría dos descartes son voluntarios, debido á presión das xovencas, o que fai que a porcentaxe de primeiros partos no establo estea situado no 35,5%. O promedio de partos dos animais enviados ao matadoiro é de 3,5, cunha produción vitalicia media de 44.886 quilos.

Sexado e azul belga

Jose tiña medo cando empezou a cruzar e preferiu non arriscar. “Por medo ao cambio probei só coa metade do rabaño e non puxen os mellores touros; ese foi un erro que cometín, pero hoxe téñoo claro: débense utilizar os mellores touros que se poidan, iso si que llo recomendaría a calquera”, insiste.  

“Cando empezamos a nosa mentalidade era distinta e posiblemente nos equivocamos niso. Hoxe, sen embargo, estamos poñendo os mellores touros de cada raza e estamos usando sexado nas primeirizas. De segundo parto para arriba, só nas mellores vacas; sóbranos moitas xatas cos primeiros e segundos partos, polo que no resto poñemos azul belga”, conta.

Destetan entre os dous meses e medio e os tres meses, dependendo do tamaño da xata

Insemina ás xatas ao ano e logran que a media de idade ao primeiro parto sexa agora de 22,3 meses. “Algunha poderíamos inseminala antes, pero como andamos sobrados non as apuramos, pero sempre paren antes de cumprir  os dous anos”, asegura.

4 hectáreas de regadío

GALLARDO SC (Guntin) milloGallardo SC traballa 65 hectáreas, das que botan a millo 26. Rotan con herba en case todas, salvo en 3 bastante molladas nas que é difícil entrar no inverno. Aumentaron á superficie nestes últimos dous anos a medida que incrementaban o número de cabezas.

Das 26 hectáreas labradas a millo, 4 son de regadío. Están a carón do río e réganas cun aspersor, o que lles permite garantir nelas producións de máis de 60.000 quilos por hectárea. Este ano, ademais, sementaron un ciclo máis longo.

Procuran facer eles a maior parte do traballo agrario, aínda que nas campañas contratan fóra para axilizar as tarefas de sementeira e ensilado. “Nós aramos e pasamos a rotofresa, pero o purín veñénnolo sacar, porque senón a nós levaríanos moito tempo facelo”, explica Jose.

Nesta zona son fincas pequenas porque non temos concentración parcelaria e é difícil traballar, lévache todo bastante máis tempo

“Nesta zona son fincas pequenas porque non temos concentración parcelaria e é difícil traballar, por iso lévache bastante máis tempo”, quéixase. “Seis hectáreas que temos lonxe usámolas para facer un bo corte de herba para ensilar”, indica.

O custo da alimentación nesta granxa sitúase entre 3,5 e 3,7€ o quilo de materia seca, cun subministro de 20 kg MS en pesebre e 6 máis de media no punteo do robot. Venlles o carro da cooperativa Aira a facer a ración todos os días e estanlle botando 24 kg de silo de millo, 14 de silo de herba e 8 de concentrado, máis 6,5 quilos de concentrado a maiores de punteo do robot de muxido.

Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información