Cinco consellos para reducir os custos de abonado

Facer fronte aos altos prezos dos fertilizantes sen comprometer a viabilidade das explotacións require este ano dunha planificación axeitada. Coñecer as necesidades nutricionais dos cultivos e o estado agronómico da terra, axustar a composición e as doses a aplicar en función da climatoloxía, corrixir o pH do chan e aproveitar o valor do xurro e o esterco preséntanse como elementos clave

Cos prezos dos fertilizantes químicos polas nubes ofrecemos, coa axuda de técnicos do CIAM e do Inorde, algunhas recomendacións para tratar de evitar que os custos de abonado deste ano se disparen. O obxectivo: reducir insumos sen que a produtividade se vexa comprometida.

Unha mellor planificación da xestión de nutrintes tamén pode servir para sentar as bases para afrontar os retos de sustentabilidade que se aveciñan

Ademais, a recente publicación por parte do Ministerio de Agricultura do novo Decreto de nitratos e a introducción na condicionalidade reforzada da nova PAC 2023-2027, dentro das boas prácticas agrarias e medioambientais, da obriga de cumprir co inminente Decreto de nutrición sostible de chans agrícolas, engaden novos elementos legais que van afectar ao xeito de abonar e que van requerir dun maior control sobre os produtos e o xeito de utilizalos.

Neste contexto, estes son algúns consellos básicos para a optimización do abonado:

1. Analítica de solo

TERRA_SOLO_ANALISEServando Álvarez é o director técnico do Inorde, o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro ubicado en Xinzo de Limia dependente da Deputación de Ourense. Cada ano fan unhas 3.500 analíticas de chan, gratuitas para os produtores da provincia de Ourense.

Servando defende a utilidade destas mostraxes á hora de planificar a estratexia de abonado. “Se noutros anos é recomendable, un ano coma este, polos prezos dos abonos e o novo decreto do Goberno, é imprescindible contar cunha analítica de solo, que máis que unha ferramenta, estáse convertindo nun requisito para poder labrar”, asegura.

Non é só o que podes aforrar, senón o mal que podes evitar, xa que sen mostraxe do terreo corres o risco de sobreabonar nalgunhas cousas, o que vai ser contraproducente para o propio cultivo

Contar cunha análise do chan é útil, di, tanto para saber as necesidades do cultivo, e, xa que logo, conseguir un posible aforro da cantidade de abonado tanto en quilos brutos por hectárea, coma no propio equilibrio dos distintos componentes, porque “sen ela corres o risco de sobreabonar nalgunhas cousas, o que vai ser contraproducente e vai incidir nos desordes no cultivo, algo que logo vai custar reparar”, explica.

No caso da pataca, un dos cultivos habituais na súa zona de traballo, “se fas un abonado moi alto en nitróxeno, a planta vai estar viciosa e vaina atacar máis o mildiu; ademais podes caer en desordes nutricionais, como o corazón oco”, detalla. É dicir, mediante a mostraxe do terreo, “xa non é só o que aforres, senón o mal que podes evitar ao propio cultivo”, di.

2. Abonado en coberteira

DELAGRO AMIDAS 1 abonadora milloPrácticas como os abonados de coberteira, que permiten unha distribución gradual do fertilizante ao longo do ciclo de cultivo e, polo tanto, adaptalo a factores como o seu crecemento ou a climatoloxía, fóronse abandonando nos últimos anos a favor dos abonados de fondo, aplicados no momento da sementeira.

Os agricultores fan abonado de fondo por comodidade, pero sería moi beneficioso recuperar as coberteiras, que permiten adaptarse mellor ás necesidades do cultivo

“Os agricultores prefiren facer un único abonado de fondo que cubra todas as necesidades do cultivo, porque con isto evitan ir máis veces á leira e aforran en horas de traballo da maquinaria”, argumenta Servando, que opina que “se isto nun ano normal non é recomendable, nun ano coma este menos, tanto polos prezos como pola climatoloxía”.

Se segue este tempo seco, sen chover, o estrés hídrico do cereal vai ser elevado e por moito que abones non vas lograr mellores resultados

 “Non podes controlar o tempo e podes provocar contaminación difusa e perda de abonado”, indica. “Se cando sementas o cereal botas todo o nitróxeno en fondo e segue este tempo seco, o máis probable é que os cultivos non dean tirado e malgastes unha parte do abono, porque por moito que abones o cultivo non vai tirar porque o factor limitante en anos secos coma este é a parte climatolóxica. Sen embargo, se te plantexas facer varias coberteiras durante o ciclo do cultivo podes ir adaptando mellor as doses a esas necesidades e se cambia o tempo e chove podes abonar un pouco máis porque o teito do cultivo é máis alto, pero se non, en xuño o estrés hídrico vai ser alto e por moito que abones non vas lograr mellores resultados”.

3. Rego por goteo

rego goteo boaSempre e cando o cultivo o soporte, o director técnico do Inorde recomenda outras formas de fertilizar como por exemplo a través do rego por goteo. “Estaría dentro do que é a agricultura de precisión, porque che permite o control total e absoluto tanto do abono que empregas como da cantidade de auga”, argumenta.

É unha maneira de garantir máximas producións sen depender do tempo e de optimizar o uso de fertilizantes

Para cultivos como cereal ou forraxe de herba non sería útil, considera, pero para horta ou pataca si, polo que defende que “debería estar máis estendido”. “É unha maneira de garantir máximas producións sen depender do tempo e de optimizar o uso de fertilizantes”, di.  

4. Encalado

GALICAL_ENCALADO_2_apaisado“En moitos casos a mellor fertilización que podes facer é un bo encalado”, asegura Servando. Ademais, di, “neste momento é o abonado máis económico, porque os cales non experimentaron ese incremento desmesurado de prezo que estamos a ver no nitróxeno ou nos fosfatos”, explica.

O encalado é o abonado máis barato e ao que máis rápido lle ves rendemento

“Nos solos ácedos predominantes en Galicia moitos nutrintes non se van liberar, sobre todo o fósforo, porque por baixo dun pH de 6 non se solubiliza, polo que o axeitado sería mantelo no 6 ou 6,5”, indica. “Na pataca ou nos arandos non sería recomendable, pero para todo o resto de cultivos (herba, millo, viña, cereal, oliveira) si”, aclara.

Se queres producir cantidade un axuste do PH que se achegue á neutralidade axuda a que os cultivos aproveiten mellor os nutrintes esenciais

No caso da pataca, que prefire os solos ácedos, trataríase de elevar o máximo posible o pH do chan para incrementar a produción pero sen pasarse para non provocar afeccións no cultivo, provocándolle a alteración da Sarna Común, que é unha bacteria que afecta á pel da pataca e é difícil de solucionar. “Non afecta á calidade do produto pero si á vista. A variedade Kenebec, que tanto nos gusta en Galicia, é moi sensible a esa alteración, que provoca unha depreciación no mercado”, indica Servando.

Á pataca non lle gusta o pH alto, é contraproducente, igual que nos arandos, pero para o resto de cultivos é recomendable encalar. Pero se tes unha rotación na que entre a pataca non te podes permitir subir o PH do solo

Se queres producir cantidade un axuste do PH que se achegue á neutralidade axuda a que os cultivos aproveiten mellor os nutrintes esenciais, aínda que os micronutrintes (ferro, boro) absórvense mellor cos pH que temos nas terras galegas, iso nótase na calidade e é unha das razóns do sabor dos nosos produtos”, afirma.

5. Aproveitamento dos abonos orgánicos

SOUTO FRADE SC (Taboada) balsa purin“Pódese aforrar unha grande cantidade de abono químico facendo unha boa xestión do xurro e do esterco. Nós temos explotacións de vacún de leite que teñen terra e poden reciclar o abono orgánico nun claro exemplo de economía circular”, defende Xoán Castro Insua, investigador do CIAM, que recomenda aos gandeiros “gardar o purín no inverno para usalo na primavera”.

Segundo os balances do Ministerio de Agricultura, en Galicia sobrarían 17.000 toneladas de nitróxeno químico e iso quere decir, insiste Xoán Castro, “que se aproveitaramos ben o purín poderiamos aforrar cada ano boa parte desas 17.000 toneladas e deste xeito podemos ter na man unha solución para os altos prezos dos fertilizantes químicos”, asegura.

Na páxina web do CIAM poden atoparse recomendacións para o abonado con xurro

Na páxina web do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo poden atoparse recomendacións prácticas para o encalado e o abonado con xurro a través de aplicacións gratuitas para realizar o cálculo de necesidades dos distintos cultivos.

Xoán Castro fai fincapé nas boas prácticas e a aplicación axeitada a través de maquinaria idónea que, por un lado, minimice as perdas de poder fertilizante dos abonos orgánicos e, por outro, dea cumprimento aos requisitos legais que se aveciñan e que, en moitos casos, non teñen en conta as características e condicións agronómicas de Galicia, advirte. “Na Limia é tan triste que se está botando abono químico ás patacas por medo ás multas por botar esterco, porque non lles deixan facer acopio do esterco nas parcelas”, exemplifica.

O purín hai que botalo no momento axeitado e o que teñen que facer as explotacións galegas de leite e de carne é gardar o xurro no inverno para usalo na primavera

Considera que as análises de nitratos “dan datos preocupantes porque están aumentando moito nalgunhas zonas”, aínda que Galicia non conta polo momento con ningunha zona declarada afectada por esta contaminación. “Está subindo a concentración nalgunhas zonas, en moitos casos polo incremento de granxas de polos e porcino nalgunhas zonas de leite, como no Deza, na comarca de Sarria e na de Lugo, o que está a provocar o incremento da carga gandeira nestes lugares”, indica.

Está subindo a concentración de nitratos en comarcas como o Deza porque as granxas de polos e porcino sumadas ás de vacún de leite están a incrementar a carga gandeira na zona

Con todo, non ve un problema de excedente de xurros, senón de déficit de xestión. “En Galicia non sobra purín nin sobra o esterco, o que falta é capacidade de almacenamento. E o que teñen que facer as explotacións galegas de leite e de carne é gardar o xurro no inverno para usalo na primavera, para así botalo no momento axeitado. Pero o problema é de almacenaxe en moitos casos”, indica.

En Galicia non sobra purín nin sobra o esterco, o que falta é capacidade de almacenamento

Do mesmo xeito, afirma que sería posible dar saída ao purín xerado por ganderías sen terra, como as de polos ou porcos, poñendo a producir superficies agora abandonadas. “A solución non son as plantas de tratamento que se propoñen, que é un modelo perverso e ineficiente. A zona que bordea á Limia concentra o 50% da superficie de incendios de Galicia, onde se podería facer pastoreo extensivo para evitar os lumes e ao mesmo tempo fertilizar esas pradeiras co purín das granxas de porcos”, propón.

En Irlanda non hai terra dispoñible, pero aquí temos un montón de superficie abandonada e podemos poñer millo, que é un cultivo que necesita moito nitróxeno e ao que lle vai moi ben o purín

Esta solución de apostar polo pastoreo e a gandería extensiva está a causar sen embargo altos índices de contaminación por nitratos noutros países, aínda que Xoán Castro considera que eses problemas non se darían en Galicia. “En Irlanda non hai terra dispoñible, pero aquí temos un montón de superficie abandonada, ademais, nós temos unha situación máis favorable que os irlandeses, porque eles botan moito nitróxeno nas pradeiras, e nós temos a posibilidade de botar  tamén millo, que eles non poden porque fáltalles sol. Desa maneira nós podemos aproveitar mellor o xurro no millo, que é un cultivo ao que lle vai moi ben. Nese sentido, somos privilexiados porque podemos poñer un cultivo de verán que necesita moito nitróxeno”, di.

Como Irlanda cambiou o seu modelo de fertilización dos abonos químicos aos orgánicos

vacun carne irlanda apaisadoIrlanda é un país semellante a Galicia na súa climatoloxía e na súa vocación leiteira e cárnica que nos últimos anos afrontou un cambio de modelo de abonado. Acuciados por problemas de contaminación por nitratos e por un endurecemento na lexislación ao respecto, os gandeiros irlandeses mudaron as súas prácticas de fertilización, cunha redución dos aportes químicos e un mellor aproveitamento das emendas orgánicas, unha experiencia que pode ser útil en Galicia.

O Teagasc é o organismo público irlandés encargado do asesoramento aos agricultores e gandeiros e un dos artífices do espectacular incremento da produción leiteira do país desde o final das cotas lácteas no ano 2015.

Fai uns días publicaba na súa páxina web un artigo con recomendacións para enfrontar a actual situación de carestía nos fertilizantes no que advertía ás explotacións do panorama para este ano 2022: “prezos de fertilizantes extremadamente altos e posible escaseza no subministro”.

O Teagasc recomenda esta primavera limitar a compra de fertilizantes, cultivar pasto para alimentar o gando e protexer a fertilidade do chan de cara aos anos vindeiros

Para facer fronte a esta situación, insisten os técnicos do Teagasc, “a planificación é esencial para garantir que os cultivos e os animais sexan alimentados a un custo razoable”. Con este obxectivo, o seu enfoque para este ano pasa por “limitar a compra de fertilizantes, cultivar pasto para alimentar o gando e protexer a fertilidade do chan de cara aos anos vindeiros”.

A crise de prezos do 2008

Non é a primeira vez que unha suba de prezos desestabiliza o mercado. O Teagasc comeza lembrando as consecuencias da última alza de cotizacións dos abonos químicos. “O aumento de prezos dos fertilizantes a finais da década pasada (2008 e 2009) levou a unha gran diminución no seu uso por parte das granxas irlandesas”, asegura.  

Os agricultores irlandeses reaccionaron á alza de prezos e ao endurecemento da normativa de nitratos reducindo drasticamente as aplicación de fósforo e potasio, o que levou a unha caída brusca da fertilidade do solo

Os  agricultores reaccionaron aos altos prezos e ao incremento da regulación (novas normativas de nitratos) reducindo drasticamente as súas aplicacións, particularmente de fósforo e potasio. “Isto levou a unha caída drástica na fertilidade do solo que pasamos a última década tratando de revertir”, indica.

Reducir o desperdicio de nutrintes

A primeira recomendación que fai o organismo público de asesoramento aos agricultores e gandeiros irlandeses é non abonar de máis, definindo o “desperdicio de nutrintes” como “consumir, gastar ou empregar inútilmente ou sen retorno adecuado”. “Ante o prezo e a dispoñibilidade de fertilizantes para 2022 evitar o desperdicio é absolutamente fundamental”, argumenta.

É imposible planificar de maneira efectiva sen coñecer o estado do chan a través de mostras recentes

Para logralo, resulta indispensable, di, coñecer a fertilidade do solo. “É imposible planificar de maneira efectiva sen coñecer o estado do chan a través de mostras recentes”, afirma. No caso irlandés, ademais, “existen grandes variacións entre fincas, das adicadas a ensilado ás áreas de pastoreo”, explican.

Maximizar o poder fertilizante do purín

“A clave este ano é usar o purín no lugar correcto, no momento correcto e coa taxa de aplicación correcta, polo que deben usarse as analíticas de solo para identificar as parcelas con menos fósforo e potasio para destinalo a elas”, aseguran os técnicos irlandeses.

Ademáis, din, “a menos que sexa absolutamente necesario, o purín non debe esparcirse en xaneiro, xa que nesta época do ano a demanda de absorción de nutrintes da pradeira é moi baixa”. “Sempre que sexa posible debe usarse desde finais de febreiro ata principios de abril para maximizar o seu beneficio para o crecemento da herba e evitar pérdidas cara ao medio ambiente”, aclaran.

A clave este ano é usar o purín no lugar correcto, no momento correcto e coa taxa de aplicación correcta

Tamén recomendan coñecer mediante analíticas o valor fertilizante do purín dispoñible, tanto en canto a materia seca como a nutrintes (N-P-K) e aplicalo mediante sistemas de baixas emisións, como inxectores ou tubos colgantes, “que maximizan a dispoñibilidade de nitróxeno até un 50% en comparación co esparexido mediante prato ou abanico”. Finalmente, tamén aconsellan  “gardar purín dabondo para as pradeiras destinadas a ensilado, que teñen a maior taxa de eliminación de nutrintes”.

Usar só abono químico en condicións axeitadas

O Teagasc aconsella aplicar cal para lograr un pH óptimo en todas as fincas, “o que mellorará a dispoñibilidade e a eficiencia das aplicacións de fertilizantes químicos e de nitróxeno e fósforo orgánicos”.

Así mesmo, di, “unha das mellores formas de evitar o desperdicio do fertilizante químico e perdas de nutrintes ao aire e á auga é agardar a que a temperatura do chan supere os 5,5 graos centígrados e a humidade do chan e a climatoloxía sexan as adecuadas para o crecimiento dos cultivos”.

Debido aos altos prezos deste ano, pódese tomar a decisión e pospoñer aplicacións adicionais até que os prezos baixen un pouco

No caso das pradeiras, en chans con baixa fertilidade aconsellan aplicar un composto químico con alto contido en fósforo e potasio no mes de marzo naquelas fincas onde non se botou purín para impulsar así o crecimiento da herba e facer unha pasada adicional nos meses de maio e xuño.  

Debido aos altos prezos deste ano, os técnicos irlandeses recomendan “utilizar sabiamente o fertilizante químico, concentrándose en alimentar o cultivo deste ano e cando menos manter os niveis de fertilidade do chan para o vindeiro ano”, aínda que en función das reservas de nutrintes que teñamos no solo, “pódese tomar a decisión de pospoñer as aplicacións adicionais destinadas a mellorar a fertilidade do chan até que os prezos baixen un pouco”, din.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información