Incertidume e prezos desorbitados nos fertilizantes: Causas e previsións

Os fertilizantes químicos máis usados en praderías e terras de millo en Galicia chegan a triplicar o seu prezo respecto ao ano pasado. Fabricantes e distribuidores descartan un posible desabastecemento e achacan a carestía á cotización do gas natural e a electricidade

Un dos tratores da explotación camiño dunha terra de millo para o abonado antes da sementeira

Nas próximas semanas a maioría das explotacións galegas deberán empezar a abonar as súas praderías de raigrás de cara ao primeiro corte de ensilaxe. Pero este ano farano con prezos nos fertilizantes moito máis elevados, unha tendencia que se manterá tamén de cara ao abonado das terras do millo.

Según os datos do Ministerio de Agricultura, referidos ao ano 2020, Galicia consome anualmente 43.000 toneladas de fertilizantes químicos, das que 25.000 son abonos nitroxenados, 11.000 fosfatados e 7.000 potásicos. Estas cifras mostran un descenso no uso de abonos químicos na última década, desde as 48.700 toneladas utilizadas no ano 2010.

Produtos usados habitualmente en Galicia, como o Triple 15 ou o NAC 27 triplicaron o seu prezo, pasando de 200 a 600 euros a tonelada

Produtos de consumo habitual na comunidade, como o Triple 15 ou o NAC 27 triplicaron o seu prezo, mentres que a subida nos abonos complexos foi porcentualmente menor, chegando a duplicar o seu prezo, xa de por si máis elevado.

A subida dos abonos simples está a facer máis competitivos en calidade-prezo aos abonos complexos, incrementándose a súa demanda a respecto dos fertilizantes nitroxenados

Os principais compostos estiveron subindo nas últimas semanas e non hai visos de que esta tendencia se estanque, polo menos no primeiro semestre do ano, debido ao prezo que ten o gas natural, que afecta sobre todo aos abonos nitroxenados, que triplicaron o seu prezo no último ano, pasando duns 200 euros por tonelada a 600, o que multiplica os custos de abonado de pradeiras e terras de millo.

As ganderías atópanse ante o dilema de reducir doses para evitar disparar o gasto pero co risco dunha menor colleita de forraxes propias nun ano cos insumos para a alimentación do gando tamén disparados

O ciclo maioritario de cultivos en Galicia marca a fertilización das praderías de raigrás destinadas á ensilaxe de herba nos meses de febreiro, marzo e abril e, en maio, das terras onde se sementará o millo.

Pero este ano os altos prezos dalgúns fertilizantes químicos de uso frecuente en Galicia poden tirar por terra as estratexias habituais de abonado de moitas ganderías, atrapadas ante o dilema de ver como o seu gasto se dispara ou reducir as doses usadas, pero co risco dunha menor colleita de forraxes propias nun ano con altos custos das materias primas para alimentación animal.

Pendentes do prezo do gas

Planta de fabricación de fertilizantes en Amberes alimentada con gas natural procedente de Rusia

Planta de fabricación de fertilizantes en Amberes alimentada con gas natural procedente de Rusia

A escalada de prezos do gas natural, que contaxiou a produción de electricidade con tarifas desorbitadas nunca vistas ata o momento e afectando con iso a distintos ámbitos, entre outros ao sector agrogandeiro, ten ademais unha consecuencia engadida sobre a produción agrícola: a fabricación de fertilizantes e o seu forte encarecemento, aumentando desta forma aínda máis os custos de produción das explotacións e incidindo nas súas marxes negativas, tanto no caso de ganderías de vacún dedicadas á produción de leite como de carne.

O gas natural pode chegar a representar o 80% do custo de produción dos fertilizantes nitroxenados ao ser a principal materia prima para a produción de amoníaco

“O incremento do prezo do gas afecta de maneira especial ao sector dos fertilizantes, debido a que se trata da principal materia prima para a produción de amoníaco, podendo chegar a representar ao redor do 80% dos seus custos de produción. O amoníaco é a fonte primordial na fabricación da maioría dos fertilizantes nitroxenados, polo que un aumento nos seus custos de produción trasládase directamente ao conxunto dos fertilizantes, facendo que a súa produción poida chegar a ser inviable”, recoñece Paloma Pérez, secretaria xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Fertilizantes (ANFFE), entidade que engloba ás principais empresas do sector.

Risco de peche de plantas en España

“Houbo instalacións paradas, especialmente durante o verán e parte do outono”, recoñece Juan Pardo, presidente da Asociación Comercial Española de Fertilizantes (ACEFER), que reúne aos principais distribuidores.

“En España Fertiberia tivo paradas algunhas das súas plantas, aínda que hoxe xa podemos dicir que todas están en marcha. En Europa CF parou as plantas de Reino Unido, Yara en Francia e Italia”, exemplifica. As paradas de produción déronse en case todos os países europeos, mentres en zonas onde existen xacementos de gas natural, como no norte de África ou na península Arábiga, as plantas seguían funcionando.

Fertiberia tivo paradas algunhas das súas plantas, aínda que neste momento retomaron a actividade

Desde ANFFE denuncian o agravio comparativo das plantas de fabricación instaladas en España con respecto ás súas competidoras extracomunitarias. “Os custos das empresas españolas son moi superiores aos dos seus competidores, especialmente de Rusia e de países do norte de África, sendo practicamente imposible competir con eles en condicións de equidade”, aseguran.

Os custos das empresas españolas son moi superiores aos dos seus competidores, especialmente de Rusia e de países do norte de África

“Ademais, a situación viuse agravada polo crecente aumento nos prezos da electricidade, tendo en conta que se trata dunha industria fortemente intensiva en consumo eléctrico e que non hai perspectivas no futuro próximo de que se vaia retornar aos prezos anteriores a estas fortes subidas. Nos últimos meses os prezos da enerxía incrementáronse de catro a cinco veces, e paralelamente, os prezos do carbono triplicáronse desde principios de 2021”, explica Paloma.

No último ano os dereitos de emisión de carbono triplicáronse e os prezos da enerxía cuadriplicáronse

Por iso, para os fabricantes españois “a situación actual mostra a necesidade de modificar a Directiva sobre o sistema de comercio de dereitos de emisión. Non tería sentido manter as actuais medidas restritivas relacionadas coa eficiencia enerxética e as emisións de CO2 mentres os nosos competidores non soportan o mesmo tipo de medidas e ademais vense favorecidos cuns prezos de gas máis baixos”, insisten.

A deslocalización das plantas de fabricación cara a outros países poñería en risco a subministración de fertilizantes en España

“Se estes problemas non se afrontan a curto prazo, poderían afectar de maneira grave á futura produción de fertilizantes, podéndose producir nalgún caso o peche de plantas, reducións da capacidade ou a deslocalización da nosa industria cara a outros países, o que poñería en risco a subministración de fertilizantes no noso país e o futuro rendemento agrícola. Así mesmo afectaría a outros sectores e aplicacións industriais tales como, por exemplo, o AdBlue para camións e outros vehículos”, advirte a secretaria xeral de ANFFE.

Redución de exportacións rusas e estadounidenses

roland.declerck@eurochem.be © michel@wiegandt.be www.michelwiegandt.be 0475/480.743

Ao encarecemento do gas sumaríase na actualidade outro factor determinante. Rusia, principal exportador mundial de fertilizantes, decidiu reducir os embarques con destino a outros países e prevé manter un recorte do 8% nos fertilizantes nitroxenados nos próximos 6 meses.

Rusia e EEUU priorizaron a subministración ao seu mercado interno e o descenso de embarques vese agravado pola falta de contedores

O mesmo fixo EEUU, que priorizou o abastecemento do seu mercado interno tras un inusual incremento de demanda pola sementeira de 4 millóns máis de hectáreas de millo por parte dos agricultores estadounidenses debido aos altos prezos actuais dos cereais e a tendencia que marcan as cotizacións no mercado de futuros.

A crise dos contedores e os problemas relacionados coa loxística, que se arrastran desde a primavera de 2020 por mor do parón no tráfico internacional nos momentos máis duros da pandemia de covid-19, agrava tamén esta situación de escaseza de subministración debido ao encarecemento dos fletes.

Menores stocks e volta á normalidade no segundo semestre do ano

“O mercado está a ser prudente nos pedidos e no almacenamento e no mercado pode haber nestes momentos algo menos de stock que en anos anteriores, pero a nosa opinión é que a subministración está garantida”, aseguran desde ACEFER.

“O alto nivel de prezos pode dar lugar a un descenso de consumo, o que servirá para equilibrar oferta e demanda. Espéranse menos compras de produto na campaña de primavera, que está máis centrada no nitróxeno”, admite o seu presidente.

Os prezos do nitróxeno multiplicáronse por tres mentres os fosfatados e potásicos están ao dobre dos seus prezos habituais

Juan Pardo prognostica que os altos prezos manteranse ata o final da campaña. “En xeral podemos dicir que os prezos do nitróxeno, dependendo dos produtos, multiplicáronse por 2 ou por 3, mentres os fosfatados e potásicos están ao dobre dos seus prezos habituais”, detalla, aínda que prevé unha volta á normalidade antes de que finalice o ano.

“Ao pospoñerse as compras ata o último momento, ante as dúbidas de equivocarse ao comprar, viuse un lixeiro estancamento dos prezos, o que indica unha estabilización, que continuará mentres dure a campaña para caer inmediatamente despois. O previsible é volver aos prezos de hai un ano ao final do primeiro semestre de 2022”, vaticina.

Caída na demanda de fertilizantes a nivel internacional

Aínda que cun alto grao de incerteza, algúns datos e previsións avalarían a tese do presidente das empresas comercializadoras en relación á volta á normalidade nas cotizacións, incentivada polo descenso da demanda, tal como indica, por exemplo, o informe da Asociación Internacional de Fabricantes de Fertilizantes (IFA) Short-Term Fertilizer Outlook 2021-2022, publicado recentemente, que recolle información sobre as previsións do mercado mundial dos fertilizantes a curto prazo.

O informe da Asociación Internacional de Fabricantes de Fertilizantes prevé un descenso da demanda no mercado mundial a curto prazo do 2,1%

Segundo as estimacións de IFA, a demanda mundial de nutrintes no ano fertilizante 2021/22 será de 111,3 millóns de toneladas de N (descendendo un 2,1% con respecto ao ano anterior), de 48 millóns de toneladas de P2O5 (-3,3%) e de 38,9 millóns de toneladas de K2O (-3,9%).

Isto supón unha demanda total de 198,2 millóns de toneladas de nutrintes ( N+ P2O5+ K2O), que se incrementaría ata 203,9 millóns no ano 2022/23 (cunha subida do 2,9% con respecto a 2021/22).

Os prezos dos fertilizantes mantíñanse practicamente estancados desde o ano 2012

A escalada de prezos a nivel internacional producida nos últimos meses invertiu unha tendencia sostida á baixa que se prolongaba desde o ano 2012. O motivo principal desta subida, segundo o Banco Mundial, deberíase aos elevados prezos do gas natural, elemento esencial para a elaboración de determinados fertilizantes.

A urea, por exemplo, alcanzou en decembro os 924 dólares por tonelada na zona do Mar Negro, o que equivale a un aumento de 192 dólares respecto do prezo do mes de outubro, mentres o fosfato monoamónico chegou aos 715 dólares.

Estratexias de aforro: abonos orgánicos, encalado e análises do solo 

Al encalar las plantas aprovechan mejor los nutrientes disponibles

Ao encalar as plantas aproveitan mellor os nutrintes dispoñibles

As empresas asentadas en Galicia recoñecen estar a notar menos pedidos e, nos que se producen, un descenso das cantidades de produto solicitado a respecto das aplicadas nas mesmas leiras en anos anteriores. “En liñas xerais están a manterse os tipos de fertilizantes que se achegan, pero están a axustarse moito as doses”, recoñece a secretaria xeral de ANFFE, Paloma Pérez.

Os pedidos están a ser menores; están a axustarse moito as doses

Con todo, esta decisión encerra riscos importantes en canto á produtividade das fincas e á calidade da colleita de forraxes neste ano pero tamén a nivel de redución da fertilidade do chan de cara ás vindeiras campañas.

“Evidentemente a menor consumo de fertilizantes debería acusarse de maneira inmediata unha diminución da produción, pero a experiencia tamén nos indica que as plantas tenden a apurar as reservas do chan e só despois dun par de campañas vaise notar ese esgotamento de nutrintes”, argumenta o presidente de ACEFER.

Por iso, os expertos recomendan non reducir doses sen analizar antes que carencias ten o chan. Desta forma poderemos axustar moito mellor as doses necesarias. “A análise de chan hoxe máis que nunca é imprescindible”, insisten.

É imprescindible contar cunha análise do solo para tomar decisións de maneira realista e consciente

A substitución de abonos de síntese química por abonos orgánicos é unha das principais estratexias para tratar de reducir o custo en fertilización, sobre todo maximizando o aproveitamento do xurro ou o esterco xerados na propia explotación ou noutras granxas da zona sen base territorial (de aves ou porcos, por exemplo).

Os expertos recomendan tamén o encalado das parcelas para deste xeito subir o pH dos chans ácidos de Galicia e neutralizar a excesiva porcentaxe de aluminio, de maneira que as raíces das plantas poidan aproveitar mellor os nutrintes dispoñibles.  

“Recomendamos reservar canto antes o abono de pradeira e para o millo agardar un pouco”

Coa alza actual de prezos e a importante incerteza sobre o que pode acontecer nas vindeiras semanas, son moitas as explotacións galegas que están a retrasar a toma de decisións sobre a campaña de abonado deste ano.

Noutras zonas, como en Castela, a suba dos fertilizantes case non influíu na sementeira de cereal de inverno, debido ao alto prezo que neste momento teñen produtos como o trigo ou a cebada, capaces de compensar a suba do abono, e outro tanto se agarda que aconteza coa sementeira do millo en primavera, pero en Galicia a situación dos prezos do leite non permite ás explotacións asumir o sobrecusto do abonado.

As empresas, pola súa banda, están a centrar os seus esforzos en ser capaces de garantir o subministro aos seus clientes, debido a unha menor dispoñibilidade de produto. Coa produción nas fábricas ralentizada, ou mesmo paralizada nalgúns casos, o stock de determinados produtos é menor.

As explotacións están a retrasar as decisións de abonado, o que dificulta as previsións de acopio por parte de fabricantes e distribuidores

“É un momento de moita incertidume. Se traio a mesma cantidade que en anos anteriores pero cae a demanda e non a dou vendido, que fago co que me sobre? Cando ademais eu merquei a mercadoría a un prezo moi alto e pode que ao ano seguinte se deprecie. Nós estamos no medio e corremos moito risco”, recoñecen nun almacén.

A mesma dúbida é verbalizada polo resto de empresas fabricantes e comercializadoras que operan en Galicia, que se sinten “coas mans atadas”. “Nós non podemos facer nada, estamos no medio”, argumentan. En Campo Galego puxémonos en contacto con algunhas delas para que nos conten como se presenta a campaña:

“Os abonos para pradeira poden mesmo seguir subindo”

Roberto Pérez, xerente de Protección Verde, que comercializa a marca Fertop, recoñece que “o panorama está tolo”. “Os produtos nitroxenados triplicáronse por culpa do prezo do gas, pero a suba doutras materias primas creo que é pura especulación. Por exemplo, o fósforo e a potasa son abonos de mina, non dependen tanto do gas, pero sen embargo multiplicaron tamén o prezo por tres, é algo que non ten sentido”, di.

O fósforo e a potasa son abonos de mina, non dependen tanto do gas, pero sen embargo tamén multiplicaron o prezo por tres, é algo que non ten sentido

Nesta situación de volatilidade, recomenda reservar “canto antes” os fertilizantes para as pradeiras e “agardar un pouco” para encargar os destinados á sementeira do millo. “As previsións ata febreiro e marzo parece que indican que os fertilizantes de pradeira van seguir subindo, pero esperemos que poidan ter unha pequena baixada despois para maio cando chegue o momento de labrar o millo”, indica.  

Pode que haxa escaseza de algunha materia prima, como por exemplo o Nac 27, do que hai pouco stock

Roberto recoñece que “neste momento a demanda está a ser moitísima menos que o ano pasado” pero advirte das consecuencias de non abonar. “Vano notar na colleita. É o peixe que se morde o rabo porque o que aforras por un lado gástalo despois por outro se tes que mercar forraxes ou cereais. Entendemos que os abonos están carísimos pero hai que mirar tamén o retorno”, razoa.

“Eu agardo que o prezo do leite suba canto antes e se poña nun prezo xusto, porque o sector estáo pasando mal. Se non, vai ser un ano moi malo para todos, porque todos estamos no mesmo barco. Pero a suba dos fertilizantes é algo que non depende de nós”, indica.

“Está a haber maior demanda de abonos especiais”

Adrián Veras, de Progando, recoñece tamén que “as existencias de fertilizantes a nivel nacional están sendo moi limitadas” pero quere lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos clientes: “o noso principal compromiso é tratar de garantir o abastecemento aos nosos clientes”.

Progando, con instalacións na Coruña e en Cospeito, importa tamén desde Holanda o seu fertilizante Entec, que está a ser máis demandado este ano polos seus clientes en substitución de abonos nitroxenados como o Nac 27.

As existencias de fertilizantes a nivel nacional están sendo moi limitadas

“A suba dos prezos dos fertilizantes convencionais e das materias primas como DAP, urea e potasa triplicouse nalgúns casos e isto está provocando unha maior demanda en Galicia de abonos especiais”, asegura.

“Un bo asesoramento técnico é vital para unha optimización do abonado”

Na situación actual do mercado internacional de materias primas, cuns prezos en máximos históricos, provocaron un estado de incerteza desde o provedor ata o agricultor. “Desde o Grupo Aresa percibimos que esta perspectiva de prezos manterase nestes niveis nos próximos meses”, prognostican na empresa lucense. 

Non é a primeira vez que o mercado mundial de fertilizantes sofre unha alza de prezos abrupta. Carlota López, adxunta á dirección desta empresa con máis de médio século de historia, lembra o acontecido no ano 2008, cando o incremento fora do 30 ao 40%. “No 2008 pasou un pouco o mesmo pero máis liviano, desta vez houbo semanas con subidas de 100€, iso é moitísimo, son cifras que asustan”, recoñece.

Pasou algo parecido no 2008, pero máis liviano

Outra circunstancia que fai diferente o actual encarecemento é o momento no que se produce. “No 2008 fora durante os meses do verán, que é unha época de baixa demanda en Galicia. Naquela ocasión afectara sobre todo a Castela, porque os prezos subiran xusto antes do verán e baixaran de golpe en setembro e outubro, pero cando chegou a campaña de Galicia xa se estabilizaran”, explica.

Carlota mostra a súa empatía e solidariedade coas ganderías polo difícil momento que están a atravesar e o encarecemento de custos que podería supoñer o abonado este ano e ofrece a experiencia do equipo técnico da empresa para axudar aos seus clientes. 

Quizais en Castela poden recuperalo polo alto prezo de venda do cereal, pero aquí cos prezos do leite e as escasas marxes das ganderías é difícil

“Polo momento de altos prezos, e tamén por outros motivos, como é a actual lexislación en canto a produtos fertilizantes e a súa aplicación, no Grupo Aresa cremos que un bo asesoramento técnico é de vital importancia para unha optimización dos recursos, manter os rendementos produtivos dos distintos cultivos da nosa terra e reducir ao máximo os custos de produción”, di. “O noso departamento técnico, con ampla experiencia e coñecemento profundo dos cultivos e produtos fertilizantes, axudarán ao agricultor para alcanzar esas metas”, insiste.

Una idea sobre “Incertidume e prezos desorbitados nos fertilizantes: Causas e previsións

  1. Xoan Castro

    En Galicia, existe un excedente de abonado mineral, e o que hai que facer é a proveitar dunha vez o abono orgánico que temos na casa, e aforrar as importacións. Por un lado se dí que sobra o xurro, e esterco, e por iso algún iluminado pon como solución as grandes plantas de tratamento, mentres tanto agora se nos di que van caros os abonos químicos e nos ameazan con que se vai a reducir a colleita….O que falla é un asesoramento público e independente, (é o que demanda Europa a España na nova PAC), que podería dar traballo a moitos titulados, e así axudar a reducir os gastos dos agricultores, e mellorar o medio ambiente. Un caso paradigmático do que digo é A Limia, onde se queima o esterco, por que se ten medo ás multas….pobres patacas e pobres terras que só reciban abono químico….

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información