A dixitalización do agro dará un paso definitivo coa posta en marcha do sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras (Siex), que se prevé que entre en vigor o 1 de xaneiro do 2023. Agricultura esixiralle entón ás explotacións que teñan un caderno dixital ó que a Administración terá acceso en tempo real, de xeito que o Ministerio poderá coñecer ó momento os datos de cultivos e producións en cada parcela, así como os rexistros de emprego de fertilizantes e fitosanitarios en cada explotación, entre outras cuestións.
Para facilitar a posta en marcha dos cadernos dixitais de explotación, a Administración proxecta proporcionarlle a todos os titulares, de xeito gratuíto, os programas informáticos necesarios para a cumplimentación dos cadernos de explotación. Eses sistemas serán interoperables cos que xa teñen en marcha as empresas privadas.
No caso de explotacións que non teñan acceso a medios electrónicos, o borrador do decreto que regula o SIEX prevé que as autoridades de cada comunidade autónoma poñan a disposición dos produtores os servizos precisos para cumprir coas obrigas da nova normativa.
Obxectivos
O obxectivo da regulación é dobre. Por un lado, Agricultura quere simplificar así trámites e controis relativos á Política Agraria Común (PAC) e incluso prevé enviarlle a cada explotación un borrador da súa PAC, de cara a facilitar a súa presentación, a imaxe do que vén facendo cada ano o Ministerio de Facenda coa declaración da renda.
En segundo lugar, a Administración busca ter acceso así ao seguemento de indicadores como uso de fertilizantes, fitosanitarios ou medicamentos en cada explotación. Deste xeito, poderá verificar se o agro español avanza nos obxectivos marcados en documentos como o Plan Estratéxico Nacional da PAC, o Pacto Verde Europeo ou a estratexia ‘Da granxa á mesa’. Búscase así garantir que España mellora na liña marcada por Europa en canto a producións máis respetuosas co medioambiente e coa conservación da biodiversidade.
Rexistros das comunidades autónomas
O sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras (Siex) completarase cos datos que xa teñen rexistrados as comunidades autónomas, de cara a unificar nun único sistema toda a información de cada produtor.
A normativa que regulará o sistema de información de explotacións agrícolas (Siex) está agora mesmo a información pública e pódense facer alegacións e suxerencias ata o 16 de febreiro.
Contido mínimo do caderno dixital de explotación
A normativa proxectada polo Ministerio esixe en principio que cada produtor facilite os seguintes datos no caderno dixital da súa explotación
- Datos xerais do cultivo en cada parcela agrícola. Facilitarase ademais información complementaria, como data de sementeira e data de colleita.
- Datos de produción a nivel de cada parcela agrícola. Haberá que indicar a colleita en Kg. / hectárea, así como o destino da produción e dos restos vexetais. No caso do viñedo, haberá que identificar e ubicar á adega receptora da uva.
- Tratamentos fitosanitarios. Cómpre indicar as actuacións que se fan en cada parcela, así como o posible uso de semente tratada ou de aplicacións post-colleita. Haberá que consignar tanto os datos dos produtos utilizados como do aplicador, da maquinaria e do asesor.
- Fertilización. Deberase indicar a data de aplicación, o material fertilizante empregado, así como a súa composición en carbono orgánico, macronutrientes e micronutrientes. Adxuntarase ademais o plan de abonado e identificarase o asesoramento recibido.
- Rega. Identificarase a data de rega, o sistema empregado e a superficie acadada. Tamén a orixe e cantidade da auga utilizada.
- Colleita comercializada. Identificarase o produto e a data na que se realiza a venda.
- Analíticas, no caso de que se fixeran.