As enfermidades fúnxicas defoliadoras, en especial a banda vermella e a banda marrón, están causando estragos este ano nos piñeirais galegos. As condicións ambientais de humidade e altas temperaturas desta primavera favorecen a explosión dos fungos e a súa propagación, con efectos visibles sobre todo en montes da provincia de Lugo, pero tamén en zonas do interior da Coruña ou do sur de Pontevedra.
Os danos máis graves afectan ao piñeiro radiata, pois o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) ten unha susceptibilidade escasa a estes fungos. No piñeiro insigne ou radiata, a enfermidade seca as acículas, empeorando a circulación do zume e repercutindo, ademais de no crecemento, no estado sanitario xeral da árbore, que pode chegar a secar.
“Cando a afectación nunha árbore chega ao 25-30%, que é cando vemos que está decolorada, prodúcese unha perda de crecemento e cando esa afectación chega ao 70% pode producir xa mortandade, porque o piñeiro empeza a ter problemas vexetativos graves pola falta de densidade das follas”, explica Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia.
Co inverno e a primavera que tivemos, con tempo cálido e húmido, os fungos están moito máis activos
Noutros casos, coa chegada do verán e as altas temperaturas, a actividade do fungo decae e a pranta pode recuperar parte das acículas no outono se non vén tempo moi chuvioso e caluroso que reactive a presenza da enfermidade.
Por iso desde a Administración recomendan agardar a ver como evoluciona a situación nos vindeiros meses, antes de tomar decisións precipitadas de cortas. “Hai reservorios e activáronse polas condicións ambientais existentes. A iso se debe a explosión desta primavera. As condicións deste ano son propicias para os fungos foliares”, recoñece Xabier Bruña, enxeñeiro forestal e responsable do distrito Lugo-Sarria, onde o piñeiro insigne é a especie maioritaria.
Avance da enfermidade cara ao interior de Lugo
O avance da enfermidade en Galicia desde a súa entrada pola parte oriental fai 5 anos, procedente de Asturias, está a ser imparable. “Na parte que é colindante con Castroverde xa tivemos que facer cortas sanitarias por bandas fai dous anos, tanto na zona de Teixeiro como na de Meda, en rodais que estaban completamente secos”, explica Xabier.
Na zona de Teixeiro e Meda xa tivemos que facer cortas sanitarias fai dous anos en rodais que estaban completamente secos
Ademais da Fonsagrada, os montes de Baleira e Castroverde, así como os da comarca de Meira están entre os máis afectados, pero os males esténdense xa a outras zonas do centro de Lugo, A Terra Chá ou A Mariña. “O avance vén motivado polas condicións climáticas, que son propicias para que se espalle, este ano máis ca outros, porque co inverno e a primavera que tivemos, con tempo cálido e húmido, os fungos están moito máis activos. Na zona máis pegada á montaña é máis evidente; noutras áreas a presenza é máis difusa”, detalla Xabier.
A nivel galego, Francisco Dans tamén recoñece que “a situación é moi variable e non responde a un patrón común en toda a comunidade”. “Hai zonas de Galicia moi afectadas, especialmente na parte oriental de Lugo, tanto de media montaña como máis ao norte, e tamén algunhas zonas do interior, pero outras curiosamente non teñen danos. Esta situación non obedece a un criterio lóxico establecido, descoñecemos aínda bastante da bioloxía desta especie de fungo”, recoñece.
Tratamentos con sales de cobre
Desde a Asociación Forestal de Galicia comezarán na vindeira semana e até mediados de maio unha campaña específica de tratamento sobre unhas 500 hectáreas de monte propiedade dos seus socios e á que se unirá tamén Finsa cos seus montes.
Serán tratadas masas de radiata na comarca de Vigo e do Rosal, en Dozón, Lalín e Vilasantar e tamén no entorno de Santiago (Ames, Boqueixón, Negreira, Brión). O tratamento repetirase nestas mesmas parcelas a mediados de setembro, de cara a un posible rebrote no outono.
As aplicacións de cobre matan as esporas e impiden que se transmitan polas acículas e polo zume
“A clave é protexer as follas, tanto as que quedaron do ano pasado como as que van saír novas este ano”, explica Francisco, que pon énfase en que “é necesario coller a enfermidade a tempo porque enfrontarse a masas adultas xa moi afectadas é difícil, porque recuperan pouco”, recoñece.
Preocupación na industria
O avance da banda marrón preocupa aos propietarios forestais e tamén á industria de transformación. Jorge Souto, que xestiona xunto ao seu irmán Alberto o aserradoiro Hijos de Ramón Rubal SL, a referencia para a madeira de piñeiro na comarca da Mariña, asegura que a enfermidade “vai agravar o problema de subministro de materia prima de cara ao futuro, porque ameaza con deixar a Galicia sen piñeiro insigne en 10 anos”.
“En Asturias están a ter que cortar plantacións de futuro, ladeiras enteiras, e en zonas da Mariña ou a Terra Chá está a levarse por diante tamén as plantacións novas, secando os piñeiros que levan tres anos plantados”, conta, polo que “está a desanimar aos propietarios a facer repoboacións con piñeiro radiata”.
“Temos masas mixtas de pinaster e radiata e vese claramente a diferenza”
Esther Sanchez Barreiro é presidenta da SOFOR Santa Juliana, da parroquia de Cereixido, na Fonsagrada, formada por 19 propietarios e 198 hectáreas de monte.
Contan cunhas 25 hectáreas de piñeiro pinaster e outras 20 de radiata, que se atopan moi afectadas. “O pinaster aguanta mellor a día de hoxe, aínda que non quere dicir que non lle afecte, pero as masas de radiata, tanto as que están repoboadas como as que están máis avanzadas, en estado de latizal, están moito peor. Temos incluso unha masa mixta na que se ve claramente a diferenza”, explica.
Nesta SOFOR da Fonsagrada trataron xa dúas veces as súas plantacións de radiata pero non lograron salvalas. “Tratámolas fai dous anos pero nada, dá pena velas. E non nos valen moito para cortar aínda, porque terán uns 10 ou 15 anos; faltaríanlles aínda outros 10”, indica Esther.
Seguramente teñamos que cortar o piñeiro radiata, pero non sabemos que imos plantar no seu sitio
Os 19 veciños propietarios do monte de Cereixido están convencidos de que acabarán tendo que cortar a maior parte da superficie afectada, coa incógnita de non saber que plantar de novo. “O que non sabemos é que imos plantar no seu sitio”, recoñece.
Axudas para repoboacións por motivos sanitarios
José Fernando Enjamio Gándaras é o enxeñeiro técnico forestal da empresa Sortegal que asesora á SOFOR Santa Juliana e reclama unha implicación maior por parte das Administracións. “A Administración ten que empezar a tomar medidas, como tomou no seu momento co nematodo, porque o problema non é pequeno”, asegura.
“O radiata fóra da súa estación óptima está a sufrir moito, pero incluso en zonas da Terra Chá estano a pasar mal. Notas que a enfermidade vai avanzando; de día en día ves que van empeorando e desde fai un mes é cando os ves máis amarelos”, indica.
As árbores que están afectadas sofren a maiores da enfermidade o estrés da poda
As podas e clareos que se levan a cabo, di, ás veces mesmo son contraproducentes cando as masas xa están afectadas. “Estamos a ver que os tratamentos selvícolas non lles están vindo nada ben a masas xa coa enfermidade, porque sofren o estrés da poda a maiores do da propia enfermidade”, afirma.
De cara a substituír, por motivos sanitarios, as repoboacións afectadas por novas plantacións, Fernando pide unha modificación nas ordes de axudas da Consellería. “Neste momento, as repoboacións que se financian son superficies rasas ou que non tiveran arborado nos últimos 5 anos. Este tipo de repoboacións non entrarían”, lamenta.
“A alternativa é o cambio de especie. Hai que ver cal se adaptaría mellor en función da zona, pero o ‘pinaster’ é unha alternativa clara. Os modelos selvícolas non están desenvoltos para que podamos introducir outras especies a día de hoxe”, asegura.
Medidas culturais preventivas
“O nivel de afectación dos fungos foliares depende das condicións climáticas e do estado da masa, por iso é moi importante a aireación, é dicir, que as plantacións estean podadas e clareadas, reducindo a espesura da masa e a presenza de combustible, para que non se dean condicións axeitadas para os fungos e non teña reservorios”, explica Xabier.
A xente descoidou os tratamentos no monte e temos masas de piñeiro radiata sen podas desde fai moitos anos
Para tratar de poñer coto ao intercambio de esporas, Francisco propón tamén outras medidas como “desinfectar as ferramentas e vehículos cando imos dun monte de radiata a outro” e que a planta que sae dos viveiros veña tratada, o que serviría para protexela durante o primeiro e segundo ano. “É algo que non se fai, pero que sería barato”, razoa.
Adiantar as podas e reducir a densidade
Unha vez no monte, desde a Asociación Forestal de Galicia recomendan aumentar o marco de plantación. “En Lugo estamos poñendo de 830 a 600 pés por hectárea de inicio. Iso ten varias vantaxes, porque favorecemos a aireación da masa desde un inicio e deste xeito ademais os traballos de plantación e poda son moito máis baratos”, di Francisco.
Hai que facer intervencións máis precoces. As masas teñen que estar podadas e manter baixas densidades
Outra das claves na prevención da banda vermella e da marrón é precisamente facer intervencións máis precoces, con podas xa desde os primeiros anos. “As esporas soben desde o material que está no chan á árbore desde o solo a través das ramas baixas, polo que canta maior distancia haxa ao solo máis estaremos evitando a expansión do patóxeno”, evidencia.
“Non é unha enfermidade letal se se toman as medidas de prevención axeitadas e se levan a cabo as medidas selvícolas idóneas, que coinciden ademais coas que hai que facer para obter madeira de calidade”, argumenta.
É necesario coller a enfermidade a tempo; enfrontarse a masas adultas xa moi afectadas é difícil, porque recuperan pouco
Outro factor que incide na maior ou menor afectación das masas de piñeiro radiata é a propia elección do lugar de plantación. “A afectación da enfermidade é máis evidente en zonas cunha mala calidade de estación (combinación de solo e clima) ou un ambiente forestal pouco propicio para o piñeiro radiata (pouca profundidade de solo, encharcamentos, escasos procesos de micorrización)”, salienta Francisco.