A banda marrón do piñeiro, un fungo que debilita ás coníferas e que pode causar a súa seca, está a entrar en Galicia por concellos do oriente de Lugo como A Fonsagrada ou Baleira. A chegada da enfermidade ás masas galegas de piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) próximas a Asturias era previsible, pois no occidente da comunidade veciña rexistran unha incidencia en aumento do fungo desde o 2018, cando tamén o problema das bandas marróns e vermella estoupou no País Vasco.
A entrada en Galicia da banda marrón do piñeiro é un motivo de preocupación para os propietarios forestais, pois o fungo pode afectar a masas de piñeiro insigne que aínda se atopan lonxe da súa quenda óptima, obrigando a cortas prematuras.
A ameaza do fungo desincentiva ademais as plantacións de piñeiro insigne, a especie máis susceptible á enfermidade e que en Lugo é a principal conífera. Menos susceptible é o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), a conífera dominante en Galicia, en tanto o piñeiro silvestre, que só se atopa en zonas de alta montaña, considérase resistente á enfermidade.
“Vendo o impacto que está a ter a banda marrón na comarca de Oscos – Eo (Asturias), aquí ninguén pensa en plantar piñeiro insigne. Os piñeirais do occidente de Asturias están xa moi afectados e aquí na Fonsagrada desde hai dous anos vai a máis”, explica un propietario forestal que contactou con ‘Campo Galego’ para advertir do problema.
As zonas máis afectadas sitúanse polo de agora en partes altas dos montes, por riba dos 600 metros, como A Vacariza ou A Fontaneira (Baleira). “Os piñeiros afectados comezan a poñerse marróns pola parte baixa e logo o problema vai subindo e extendéndose, ata o punto de que algunhas árbores rematan por secar. Outras recupéranse na seguinte primavera, pero estamos vendo que o problema vai en aumento”, sinala.
É un impacto que confirma tamén outro propietario e técnico da Fonsagrada consultado, José María Álvarez, que advirte das dificultades fitosanitarias que enfrontan os montes. “No meu caso particular, as parcelas de monte que temos a castiñeiro están moi afectadas por distintas enfermidades e pragas, tanto pola tinta como polo chancro e pola avespiña, que está pegando forte. Co piñeiro insigne, o temor que hai é á expansión do fungo porque temos masas ás que aínda lles faltan anos para entrar en turno de corta e nas que xa fixemos varias podas e desbroces”, explica.
Impacto desde 2018
Os fungos da banda marrón e da banda vermella, presentes desde hai tempo nos montes da Cornisa Cantábrica, saltaron de nivel a partir do 2018, cando, coincidindo cunha primavera cálida e húmida, calcúlase que arredor dun terzo dos piñeirais do País Vasco se viron seriamente danados. Un problema similar rexistrouse tamén nos últimos anos no Occidente de Asturias, se ben nun principio Galicia non se vira afectada.
Daquela, desde o sector forestal galego avogábase por evitar o alarmismo, pois os impactos que está a causar a banda marrón no País Vasco ou en Asturias non implican que Galicia poida ter unha afección similar.
“No 2019, fixemos unha viaxe técnica ó País Vasco e a Asturias para ver o impacto que estaban tendo as bandas marrón e vermella, pero daquela en Galicia non se apreciaban aínda piñeirais afectados”, lembra o director da Asociación Forestal de Galicia (AFG), Francisco Dans. Desde a AFG teñen prevista unha próxima ronda de visitas ós piñeirais insigne dos seus socios para valorar a situación na actualidade.
Medidas preventivas
Para encarar a chegada da enfermidade a Galicia, Dans sinala que as principais medidas a ter en conta son preventivas. “O problema da banda marrón agudízase en montes sen boa silvicultura, sobre todo en masas densas nas que non se fixeron claras. A falta de aireación aumenta o impacto da enfermidade”, explica o director da Asociación Forestal, que recomenda os rareos, as podas e os desbroces como mellor vía para reducir os riscos.
Existe tamén a posibilidade tratamentos terrestres con produtos fitosanitarios, como o óxido cuproso, e Neiker, o instituto vasco de investigación agraria, está facendo ensaios complementarios con bioestimulantes e con produtos naturais.
Accións en montes de xestión pública
Desde a Xunta, a Consellería do Medio Rural lembra que os propietarios teñen a súa disposición as ordes de axudas para accións silvícolas que convoca cada ano a Xunta, “pois este tipo de traballos aumentan a circulación do aire nas masas e reducen as condicións que favorecen a aparición da enfermidade”, subliña.
Nos montes de xestión pública ubicados nas áreas de risco, a Consellería sinala que xa se está a encargar de realizar estas accións silvícolas, así como tratamentos fitosanitarios, liñas coas que se consegue “aumentar a fortaleza e resistencia das masas tratadas”, destaca.
Especies alternativas?
O problema da banda marrón do piñeiro insigne afecta a unha das zonas nas que máis incidencia vai ter a prohibición de novas plantacións de eucalipto. Na actualidade, gran parte dos piñeiros insignes que se cortan no interior de Lugo sustitúense por eucaliptos, principalmente polo atractivo económico da especie.
A inminente moratoria do eucalipto deixará agora ós propietarios de piñeirais con poucas alternativas. Outras coníferas menos susceptibles á banda marrón, como o piñeiro do país, poden representar unha opción, se ben cun turno de corta lixeiramente maior que o piñeiro insigne.
No País Vasco, Neiker está a traballar na obtención de piñeiros insigne resistentes á banda marrón e tamén está facendo un estudo sobre as especies de interese comercial que se poden adaptar a cada zona, mapeando as características de solo e clima presente e futuro. O obxectivo que teñen é diversificar as masas forestais, facéndoas máis resistentes a patoloxías.
Entre tanto, para evitar unha conversión xeralizada de piñeirais a plantacións de eucalipto, a Deputación Foral de Guipúzcoa, con competencias na provincia en materia forestal, decretou recentemente a prohibición de plantacións con turnos menores de 25 anos.
Máis información