As bandas de piñeiro en Galicia: Tratamento e perspectivas da evolución

Coñecemos a afección da banda vermella e marrón nos piñeirais galegos e as medidas que se están a aplicar para reducir a incidencia destes fungos nas masas de piñeiros. As zonas limítrofes con Asturias seguen sendo as máis afectadas

As bandas de piñeiro en Galicia: Tratamento e perspectivas da evolución

Piñeirais afectados polas bandas das acículas.

Trala explosión de enfermidades de bandas das acículas dos piñeiros que se viviu nos últimos anos en Euskadi e noutras zonas da Cornisa Cantábrica, os propietarios galegos miran con preocupación a evolución do avance dos fungos cada primavera. Aínda que esta afección nos piñeirais galegos leva sendo habitual durante moitas décadas nos fondos dos vales, montañas con alta densidade de árbores ou espazos cunha alta humidade ambiental, o cambio das condicións climáticas provocou que se estendese a outras zonas.

En Galicia, a maior parte das masas afectadas no 2022 rexistraron danos da banda vermella, provocada principalmente polo fungo Dothistroma septosporum e por Dothistroma pini, segundo os datos da Consellería de Medio Rural. Tamén houbo piñeirais, aínda que en menor medida, con danos pola banda marrón, ocasionada polo fungo Lecanosticta acicola e que afecta en especial ó Pinus insigne. A entrada da banda marrón preocupa, pois causa danos máis serios que os provocados pola banda vermella.

“En territorios coma Euskadi, onde a maioría dos piñeirais eran de radiata, a banda marrón causou grandes estragos”, recorda Belén Reboreda, enxeñeira técnica forestal e directora técnica da firma Galca, especializada en servizo agroforestais de asesoramento e actuacións sobre masas forestais. “Non é só que a banda marrón sexa máis agresiva, senón que o Pinus insigne é menos resistente ás enfermidades e naquelas zonas onde predomina o cultivo desta especie, coma no País Vasco, provocou importantes danos”, detalla a responsable de Galca, unha firma que estivo facendo en Galicia tratamentos contra as bandas nos últimos anos.

Lugo é a provincia que acumula máis riscos en Galicia, pois é a que ten a maior porcentaxe de piñeiro insigne (‘Pinus radiata’), a especie máis sensible a estes fungos. Nas masas de piñeiros galegas está a rexistrarse non só afección da banda marrón e vermella senón que tamén se producen danos por outras enfermidades, como a diplodia e a cyclaneusma, causadas por fungos e cuxos danos a simple vista resultan moi parecidos ós das bandas. “No monte está habendo un conglomerado de fungos cuxos efectos e síntomas sobre os piñeiros son semellantes e que se coñecen como os vermellos criptogámicos ”, apunta Reboreda.

As masas de piñeiros de A Pontenova e Meira seguen sendo das máis afectadas polas bandas das acículas

Este ano, os piñeirais máis próximos a terras asturianas seguen a ser os que máis danos das bandas das acículas dos piñeiros amosan. “As masas forestais máis afectadas atópanse na zona de Lugo máis próxima a Asturias, en concellos como A Pontenova e Meira”, detalla Reboreda.

Mentres, na zona central de Lugo e na Coruña parece haber unha redución da afección. “En montes de Lugo e A Coruña onde fixéramos varios tratamentos e chegáramos a tratar case tódalas masas en crecemento, estamos vendo que polo momento non hai danos de banda”, explica Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia. “Parece que a situación é un pouco mellor que a de anos pasados e que se equilibrou de novo a situación trala explosión sufrida hai un par de anos”, valora Reboreda.

Con todo, tal e como coinciden en sinalar ambos expertos, é aínda cedo e poderían verse máis danos conforme avance a primavera e se rexistre unha humidade relativa alta, que favorece a aparición dos fungos. “Os piñeiros están vigorosos, pero pode haber aínda un repunte de praga”, explica Dans.

Tratamento contra as bandas

Para tratar as masas de piñeiro afectadas polas bandas das acículas hai xa dispoñible de xeito permanente un sulfato cuprocálcico, un caldo bordelés, que se pode aplicar todo o ano, a diferenza das restricións que houbo nos dous últimos anos, onde se estaba utilizando de maneira excepcional óxido cuproso e previa autorización do Ministerio.

Este novo tratamento debe aplicarse sempre de xeito terrestre, xa que están prohibidos os tratamentos aéreos con este produto, salvo que de novo o Ministerio procedera a autorizar dita actuación.

Este ano por primeira vez autorizouse o uso dun caldo bordelés para o tratamento das bandas durante todo o ano, sen ser necesario o permiso expreso do Ministerio para a súa aplicación

O tratamento debe realizarse cun moi baixo volume e tentando facer un bo reparto da superficie, evitando á vez as escorrentas cara ó solo, tal e como sinala Reboreda. É recomendable facer dous tratamentos ó ano, ó comezo da primavera e a comezos do outono. O prezo de contratar unha empresa para aplicar este tipo de tratamentos sitúase arredor dos 50 euros por hectárea, ó que se suma o prezo do produto. “De ter que escoller facer só un tratamento é preferible realizalo nos meses de primavera”, apunta a enxeñeira.

Para asumir parte destes custos, a comezos deste ano volveu a habilitarse por parte da Consellería de Medio Rural unha liña de axudas para financiar ata nun 80% estes tratamentos, tal e como xa se fixera por primeira vez o ano pasado. A convocatoria, que está xa pechada resultou de tramitación complexa, o que desanima ós propietarios forestais a presentar as solicitudes, segundo valoracións do sector. Así, estímase que se aplicarán poucos tratamentos por parte de propietarios privados e que a maioría deles se fagan en montes xestionados pola Administración.

Recomendacións para reducir a incidencia das bandas

Á marxe da aplicación de tratamentos, para reducir a incidencia das bandas nos piñeirais, o máis efectivo é manter as masas ventiladas. Coas árbores podadas evítase que haxa contacto das acículas do solo á árbore. Ademais é recomendable empregar modelos silvícolas de baixa densidade, coa realización de clareos naquelas masas máis densas, como son boa parte dos piñeirais galegos.

Nas novas plantacións e para reducir o risco de contaxio das bandas é recomendable baixar a densidade, xa que favorece a aireación da masa e o descenso de humidade, co que hai menor incidencia do fungo. Dende a Asociación Forestal de Galicia están empregando un marco de plantación de 4×3, é dicir, unhas 833 plantas por hectárea, co obxectivo de manter a ventilación das masas. Mesmo chegan a reducir estas cifras a 600 plantas por hectárea naquelas plantacións iniciais nas que dispoñen de planta e terreo de moi boa calidade.

Realizar clareos e baixar a densidade das novas plantacións son dúas das medidas efectivas para manter as masas ventiladas e reducir o risco de incidencia da praga

“Buscamos ter unha planta de moita calidade e unha boa selección xenética, o que nos permite reducir a densidade inicial, sempre e cando contemos cun terreo cunhas boas condicións. Deste xeito diminúe tamén o risco de afección por pragas e hai que facer menos gastos silvícolas, menos podas á vez que se reducen tamén os gastos da plantación. Este é o modelo que estamos empregando en terreos bos e cando dispoñemos de boa planta en zonas de afección de bandas, o que nos permite ter bos exemplares e reducir tamén a quenda de corta”, explica Francisco Dans.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información