“O prezo do piñeiro leva medio ano ameazando con caer pero de momento non pasou nada”

Maderista Souto corta cada ano unhas 50.000 toneladas de madeira de piñeiro nos montes galegos. Analizamos coa axuda de Miguel Vázquez cal é neste momento a situación no sector e as perspectivas de futuro

Miguel Vázquez, coa cortadora de cizalla que ten Maderista Souto

Miguel Vázquez, coa cortadora de cizalla que Maderista Souto ten para a corta de madeira nos montes

Malia a súa xuventude, Miguel Vázquez, fíxose nos últimos 5 anos un oco no sector da madeira en Galicia. A súa empresa, Maderista Souto, está especializada en corta de piñeiro, unha especie sobre a que Miguel ve un incerto futuro, pois está ameazada por enfermidades fúnxicas como a banda vermella e a banda marrón.

A evolución da enfermidade, sobre todo na provincia de Lugo, está a restar interese ao piñeiro insigne nas repoboacións e compromete a competitividade futura das empresas dedicadas a este sector. “Seguir plantando piñeiro insigne neste momento é arruinar o futuro forestal de Galicia. Hai que plantar especies que teñan viabilidade a longo prazo”, sostén Miguel.

“Sinceiramente, eu ao piñeiro neste momento non lle auguro un bo futuro como especie para as repoboacións forestais, porque por un lado está a banda marrón e polo outro o nematodo. Ao final o piñeiro está condenado”, afirma.

As empresas forestais que nos adicamos ao piñeiro dentro de 20 anos non teremos que cortar

Coa vista posta no acontecido no País Vasco, que sufriu primeiro a praga das bandas e reduciu drasticamente as plantacións de piñeiro radiata, a especie predominante historicamente nos montes vascos, Miguel considera un “erro” a decisión da Xunta de “obrigar” aos propietarios forestais a repoboar con piñeiro aquelas parcelas nas que se corta esta especie como consecuencia da moratoria decretada ás plantacións de eucalipto.

“Obviamente non se pode plantar todo con eucalipto nitens, pero haberá que buscar unha especie que sexa viable, porque plantar con insigne a día de hoxe é condenar a plantación e perder o investimento, porque en 25 anos que tarda en medrar o piñeiro a banda marrón vai seguir avanzando e chegará a todos os montes. Habería que buscar outras opcións ou plantar outras especies. O piñeiro do país, por exemplo, é bastante resistente á banda marrón, aínda que non ao nematodo. De plantar piñeiro, habería que plantar pinaster e non radiata”, considera.

En Galicia estanse tomando decisións equivocadas e dentro de 30 anos pagaremos as consecuencias

As decisións de plantación non son unha cuestión baladí, asegura, posto que está en xogo a supervivencia do sector. “Grazas a que os propietarios plantaron hai 30 anos piñeiro e eucalipto en Galicia hoxe hai moitas empresas que podemos vivir disto e moitas familias que teñen uns aforros moi importantes no monte”, asegura.

“Galicia é hoxe unha potencia forestal porque naquel momento se tomou a decisión correcta, pero agora estanse tomando decisións equivocadas e dentro de 30 anos pagaremos as consecuencias diso. As empresas forestais adaptámonos, pero o importante é que haxa madeira que cortar nos montes”, di.

Os prezos mantéñense altos

MADERISTA SOUTO madeira piñeiro2“O mercado do piñeiro leva seis meses tratando de baixar o prezo e con redución da demanda, pero ata o momento sigue tendo saída, aínda que é certo que a demanda se freou como consecuencia da suba dos tipos de interese”, explica Miguel.

A cotización media segue estando por enriba dos 45 euros, “que é un bo prezo”, di. “Nos 5 anos que levo eu no sector pasouse de pagar as mellores rollas a 30 euros a pagárense agora por enriba de 50 e a media de todo o piñeiro a 45 euros”, detalla.

A madeira é unha montaña rusa e nunca sabes o que vai pasar

“A miña experiencia é que a madeira é unha montaña rusa e nunca sabes o que vai pasar, e máis nestes últimos tempos, hai moita inestabilidade desde a demanda ao prezo. O prezo do piñeiro leva medio ano ameazando con caer pero de momento non pasou nada. O prezo do eucalipto baixou nos últimos días 4€ en tonelada, o piñeiro segue igual pero ameazante”, di.

Suba dos custos

MADERISTA SOUTO carga camion1A actividade das empresas do sector forestal estase a ver condicionada de forma importante pola inflación e a suba dos custos de produción. “Subiu todo moitísimo. A maquinaria, desde que eu a merquei hai 3 ou 4 anos a hoxe encareceurse por enriba dun 30% e o custo do gasóleo duplicou o prezo. O custo das furgonetas e todoterreos tamén subiu moitísimo, os custos laborais igual e para acabar de redondear a situación, tamén os intereses. Os custos de facer a madeira encarecéronse en total uns 3 euros en tonelada”, calcula.

Os custos de facer a madeira encarecéronse uns 3 euros en tonelada

“Iso repercúteselle, obviamente, ao propietario, aínda que se ve diluído polo incremento tamén no prezo da madeira, pero o problema está en que no momento en que a madeira baixe eses custos vanse manter, non van diminuír”, indica.

Inestabilidade no mercado

“É todo unha cadea e nós estamos no medio, entre o propietario e as empresas transformadoras e apértannos polos dous lados. Este negocio sempre foi así, só que agora é moi inestable”, di.

“Eu sei ao prezo ao que vou a vender a madeira mañá, pero non dentro de 3 ou 6 meses, nós non temos ningún tipo de seguridade, polo que é necesario asumir o risco que iso supón”, indica.  Esta situación de incertidume está a levar ás empresas do sector a reducir os seus stocks de madeira no monte.

As empresas forestais reducimos moitísimo os nosos stocks de madeira no monte, agora mercamos e cortamos para diminuír os riscos

“Parouse de mercar a longo prazo, hoxe mercamos e cortamos no momento para reducir no posible os riscos. Antes podías ter a madeira comprada no monte máis de seis meses, hoxe procuramos non tela máis de dúas semanas. Nos casos nos que dependes dos permisos, esa madeira ou a pagamos menos ou non a compramos directamente”, explica.

A situación actual de volatilidade do mercado obriga a negociar día a día. “Nós non temos contratos a longo prazo, é todo ao día. Traballamos con distintas empresas e distintas fábricas en función do tipo de madeira que se trate e da súa calidade. Vendemos tanto para Portugal como para varios lugares de España; o abano de venda do piñeiro é moi amplo, non así no caso do eucalipto”, recoñece.

Diversificar a transformación

Miguel considera que “falta por desenvolver aínda a industria de transformación forestal en Galicia”. “Vai moito piñeiro e moito eucalipto para fóra de Galicia e era ben que quedara e se transformara aquí”, defende.

Pero para iso, di, “fan falla máis fábricas de eucalipto que fagan outras cousas, e tamén de piñeiro, aínda que se o piñeiro que hai enferma e o hai que cortar esa madeira non valería para transformar, unicamente serviría para moer, e eu non sei en 10 anos vista canto piñeiro san haberá”, insiste.

Plantas de biomasa como a de Teixeiro ou a de Ponferrada están queimando puntal de piñeiro

A escaseza de madeira de calidade é unha das eivas existentes para desenvolver a industria de transformación en Galicia. “Para moer vale todo, para o resto non. Para biomasa tamén, e neste momento está indo puntal de piñeiro para queimar, aínda que o prohibe a normativa Europea. No inverno non hai ramas e compénsano con iso”, asegura.

Iso foi en parte o que subiu os prezos, afirma, porque a madeira “mala” ten agora máis alternativa que a da industria do taboleiro e “iso xerou un aire novo e refrescante no sector”, opina Miguel, xunto co incremento por arriba da demanda de madeira boa para usos como o estrutural, o que desencadeou unha “inflación brutal” dos prezos da madeira.

“Cortar frondosas é inviable”

MADERISTA SOUTO procesadora madeiraA maioría das empresas forestais presta pouca atención ás frondosas. Miguel asegura que “resulta inviable”. “Hai pouca saída e coa limitación de cortar unicamente o 30% das frondosas existentes na parcela non compensa, porque habería que facelo á man e hoxe os motoserristas non abundan”, explica.

“O propietario de frondosas está desamparado. Para poder cortalas póñenlle todo tipo de trabas. Que eu non digo que lle haxa que poñer eucalipto a iso, pero haberá que permitir cortar e volver poñer frondosas”, defende.

As frondosas non serven para péllets e para leña páganse pouco

“O que non pode ser é que eses montes queden totalmente abandonados, como sucede hoxe”, considera. “O que provoca os incendios é que estea o monte descoidado. En Ourense arde todos os anos e alí non hai eucalipto. Nas zonas onde máis produción de madeira hai non é onde máis arde, porque a xente coida o monte”, argumenta.

Para poder conservar aquelas zonas forestais de valor ambiental ou que formen parte de espazos de Rede Natura, Miguel propón “compensar dalgún xeito a eses propietarios”. “O que non se pode facer é que a Administración embargue de facto esas fincas aos seus donos sen pagarlles nada a cambio. Hai que deixarlles facer algo con elas ou compensalos”, di.

“Hoxe a burocracia máis grande que hai na madeira é a certificación forestal”

MADERISTA SOUTO MiguelMiguel Vázquez ten 32 anos e montou a empresa hai 5. “Empecei de cero cando tiña 27 anos. Non tiña nada que ver co sector forestal nin estudara nada relacionado con iso, pero gústame o monte e vin que era un negocio viable desde o punto de vista económico”, explica.  

Recoñece que lle custou facerse un oco no sector, algo que logrou a base de seriedade, un dos aspectos que destaca Maderista Souto na súa páxina web, onde detalla os seus servizos. “As empresas forestais temos fama de gañar moito, pero en realidade traballamos con marxes moi pequenas e hai que facer as cousas moi ben para abrirte camiño”, recoñece.

“Ao principio non tiña maquinaria propia e traballaba con autónomos aos que contrataba os traballos de corta e saca da madeira do monte pero agora é toda maquinaria da empresa e o persoal tamén é da casa, tanto os motoserristas como os que operan as procesadoras ou os autocargadores. Entre os que miden, os que cortan, os motoserristas, os condutores e o persoal da oficina somos máis de 20 persoas”, conta.

As empresas adaptámonos, o importante é que haxa madeira nos montes

Dispoñer de maquinaria e persoal propios é tamén unha garantía de subministro para os seus clientes. “Sen maquinaria propia o problema que tes é que xa non das cumprido nas fábricas co compromiso de entrega de madeira, porque dependes de outros”, explica.

Tres millóns de euros en maquinaria

MADERISTA SOUTO cizalla3Maderista Souto fixo nestes 5 anos un importante investimento en adquisición de maquinaria propia, cun desenbolso económico de case 3 millóns de euros. Teñen unha cortadora de cizalla, catro procesadoras de cadeas, tres da marca Doosan e unha Hitachi, e tres autocargadores John Deere modelo 15-10.

A máquina máis vella que temos ten 4 anos; hoxe é imposible competir e ser eficiente no monte sen ter maquinaria

É toda maquinaria nova e de última xeración, o que lles permite rapidez e eficiencia nos traballos de corta e saca da madeira dos montes. “Nós non mercamos ningunha parcela onde non entre a maquinaria a traballar. Hoxe sae moito máis caro cortar á man que con estas máquinas”, indica.

Por iso, di, as fincas pequenas e con malos accesos estanse a converter en “inviables” para a produción forestal. “Esas parcelas dependían de motoserristas á man e cada vez hai menos. Se unha finca normal de piñeiro se paga de media a 45€ a tonelada, nesas parcelas págase a 20€. Eses propietarios están condenados a malvender a madeira a non ser que se poñan dacordo para vender”, di.

Estabilidade nos postos de traballo

As dificultades para dispoñer de man de obra é una das dificultades coas que se atopan as empresas do sector. Ofertar condicións atractivas é a clave para poder conseguir e reter aos traballadores, defende Miguel, que busca estabilidade nos postos de traballo. “Non teño queixa niso, pero aínda así é menos da que me gustaría”, admite.

“Para motoserra practicamente non hai outra cousa que non sexa persoal inmigrante, é un traballo duro que ninguén de aquí quere facer, pero os postos de maquinistas forestais no noso caso están cubertos por xente galega, aínda que hoxe é difícil de atopar para calquera posto”, explica.

Madeira certificada

MADERISTA SOUTO madeira piñeiroO persoal da oficina, ademais das tarefas administrativas, tramita todos os permisos de corta e a certificación da madeira. “Hoxe a burocracia máis grande que hai na madeira é a certificación forestal. Nós temos cadea de custodia e todo iso conleva moito papeleo, pero é algo que hai que ter. Hoxe máis do 90% dos montes que cortamos son certificados”, afirma Miguel. Maderista Souto traballa coas dúas principais certificacións, tanto FSC como PEFC.

A empresa corta entre 60.000 e 70.000 toneladas de madeira ao ano e está sobre todo enfocada ao piñeiro, aínda que corta tamén outras especies, como eucalipto. “Compramos de todo, pero máis do 70% do que cortamos é piñeiro”, explica Miguel.

Para cubrir mellor o territorio galego teñen unha oficina en Mos e outra en Lugo. “Cortamos en todas as provincias de Galicia, pero sobre todo na de Lugo, e tamén algo en León e en Asturias. Movémonos bastante; o traballo é moi variable”, di.

  • Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Madeirista Souto

O prezo do eucalipto baixa pola caída do mercado de pasta de papel

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información