Prosegue a polémica pola ocupación de terras de montes veciñais

A Xunta fixo un chamamento a buscar unha solución entre as partes, empresas e propietarios particulares por un lado, e comunidades de montes pola outra, con advertencia de que en todo caso lexislará para resolver o problema. A Asociación Forestal de Galicia, pola súa banda, lémbralle á Xunta que o monte veciñal é “imprescritible”

Prosegue a polémica pola ocupación de terras de montes veciñais

Monte veciñal. / Imaxe de arquivo.

A presunta ocupación de terras de montes veciñais por parte de empresas e propietarios particulares xerou xa alomenos unha decena de denuncias nos xulgados, segundo trascendeu esta primavera. O problema, que ten o seu foco principal na área metropolitana de Vigo e sur da provincia de Pontevedra, foi abordado estes días polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que a preguntas dos xornalistas, avogou por un entendemento entre as partes, con advertencia de que lexislará para buscar unha solución ó problema.

Esas declaracións de Rueda sentaron mal nas comunidades de montes, pois consideran que a Administración galega está ignorando unha característica fundamental dos montes veciñais, como é a súa imprescritibilidade. “A Xunta de Galicia está a poñer sobre a mesa un debate xa amplamente superado, como é o da imprescritibilidade do monte veciñal, unha característica que avala tanto a normativa vixente como a xurisprudencia na materia e a propia Constitución española”, sinala a Asociación Forestal de Galicia en nota de prensa.

A Asociación Forestal, que agrupa a propietarios particulares e comunidades de montes veciñais de toda a comunidade, lembra que os montes veciñais constitúen un valioso patrimonio a nivel ambiental e cultural: “É un reto da sociedade galega culminar a súa recuperación e transferilos nas mellores condicións ás xeracións futuras”, valoran.

O colectivo recalca que se unha superficie foi monte veciñal no pasado, “non se perde nunca esa condición porque a imprescritibilidade do monte veciñal é unha característica principal que ten este tipo de propiedade. Existe innumerable normativa en vigor que fai referencia a esa característica principal e gran cantidade de xurisprudencia reafirmando ese carácter imprescritible, con ratificación posterior do Tribunal Supremo naqueles casos que chegaron a esa instancia”, afirma Xosé Luis Campos, vicepresidente de montes veciñais da Asociación Forestal de Galicia.

Outro argumento da Asociación Forestal de Galicia é que a Constitución española cualifica como imprescritibles aos montes comunais, “polo que se pode considerar que a propia Constitución española apoia o criterio de imprescritibilidade dos montes veciñais que, sen ser comunais, teñen moitas características afíns con eles”.

Así as cousas, a Asociación Forestal de Galicia tacha de “desafortunadas” as palabras do presidente da Xunta: “Criticar sentenzas xudiciais, asegurando ao mesmo tempo que se regulará en sentido contrario a esas sentenzas, de forma que se acabará eliminando a característica principal do monte veciñal, non é defendible dende o punto de vista do interese xeral”, conclúe Xosé Luis Campos.

Problemas cos xurados provinciais de montes veciñais
A Asociación Forestal de Galicia cuestiona ademais o comportamento que están mantendo nos últimos tempos os xurados provinciais de montes veciñais, dependentes da Xunta. “Estase observando que o criterio destes xurados está sendo, de forma xeral, non clasificar como comunais superficies con usos distintos ao forestal, o que obriga a acudir á xustiza ordinaria, onde se confirma que son decisións contrarias a Dereito”, advirte o colectivo en nota de prensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información