Hijos de Ramón Rubal SL, medrar dando valor engadido á madeira de piñeiro

No lugar de Mor, en Alfoz, atópase este aserradeiro con 85 anos de historia que está a apostar nos últimos anos pola innovación e a calidade con procesos de segunda transformación e solucións personalizadas que se adaptan ás necesidades dos seus clientes, tanto dentro como fóra de España. Das súas instalacións sairán os elementos necesarios para o primeiro edificio público de Galicia contruído totalmente en madeira

Alberto e Jorge Souto nas instalacións do aserradeiro Hijos de Ramón Rubal en Mor (Alfoz)

Alberto e Jorge Souto nas instalacións do aserradeiro Hijos de Ramón Rubal en Mor (Alfoz)

Galicia é unha potencia produtora en diferentes ámbitos do sector primario como o leiteiro ou o forestal, pero dar valor engadido a esas producións era tradicionalmente unha das eivas que arrastraba a nosa comunidade. Nos últimos anos téñense producido, en xeral, tímidos avances no ámbito da transformación, aínda insuficientes para sacar o máximo partido ao que sae das nosas ganderías ou dos nosos montes.
É un camiño no que a empresa Hijos de Ramón Rubal SL está metida de cheo.

A sociedade traballa sobre todo no eido da madeira de piñeiro, ampliando e modernizando procesos que abren novas portas e oportunidades a un produto moitas veces mal considerado e que limitaba até hai pouco o seu uso a embalaxes, fabricación de mobles ou encofrados de construción, o que non permitía prezos elevados e maior rendibilidade aos distintos elos da cadea de produción e primeira transformación.

Serran unhas 200 toneladas de madeira de piñeiro ao día e facturaron o ano pasado 5,5 millóns de euros

Pero esta empresa de Alfoz, que conta con aserradeiro e infraestrutura para o aproveitamento forestal, demostra que é posible desbotar mitos como o de que a madeira de piñeiro non vale para a construción estrutural. Das súas instalacións, situadas na parroquia de Mor, sairán os 430 metros cúbicos de madeira de piñeiro necesarios para fabricar o taboleiro que se empregará na construción do edificio Impulso Verde, que se levantará no barrio da Garaballa, en Lugo, o primeiro edificio público que se fai en Galicia só con madeira.

Agora non se trata só de producir, senón de dar valor

“Vemos futuro á construción en madeira e queremos seguir apostando por iso. Pensamos que ese camiño pode servir para dar un impulso bo ao piñeiro, aportarlle un valor engadido maior e acabar con esa falsa crenza que había ata agora, que parecía que era unha madeira de segunda que non valía para a construción”, afirma Alberto Souto Franco, que xunto ao seu irmán Jorge dirixen na actualidade esta empresa familiar nacida dunha pequena carpintaría.

85 anos de historia

Luis Rubal nun camión da empresa no ano 1947

Luis Rubal nun camión da empresa no ano 1947

Alberto e Jorge son a cuarta xeración dunha saga vinculada ao sector da madeira na comarca da Mariña que iniciou Ramón Rubal no ano 1936 cando este ebanista, que xa herdara o oficio do seu pai, decidiu montar un aserradeiro. O busto do fundador preside hoxe a entrada ás instalacións da empresa, que dirixen os seus bisnetos desde o ano 2007.

Ramón Rubal era unha persoa inqueda e emprendedora que xa no ano 1936 apostou pola mecanización, colocando no aserradeiro unha serra de cinta movida por un motor de gasolina como o que se usaba nas máquinas de mallar, un sistema que anos antes xa aplicara a outro tipo de ferramenta, como a unha cepilladora.

O ano 1988 supón un novo salto cualitativo na empresa, cando os netos de Ramón Rubal mercan o terreo necesario para construir un aserradeiro totalmente novo, cunha liña de serrado de orixe francés, un importante investimento que serviu para manter a firma como a empresa punteira e competitiva que é hoxe. 

Innovación e modernización continua

Obras de instalación da nova clasificadora e apiladora automática

Obras de instalación da nova clasificadora e apiladora automática montada neste ano 2020

Alberto e Jorge herdaron ese mesmo espíritu, innovando e modernizando as instalacións ano a ano con novas reformas e compras de maquinaria. Este ano montaron unha liña de clasificado nova, moito máis automatizada. Ao rematar 2020 contarán tamén cunha nave de almacenamento de biomasa.

Todos os anos facemos investimentos en mellorar e modernizar as instalacións

Son melloras continuas que se suman ás realizadas nos últimos anos, como a nova liña de serrado instalada no ano 2017 ou a canteadora montada o ano pasado, no que tamén incorporaron unha desdobradora e un apilador de táboas. “Todos os anos facemos investimentos en mellorar e modernizar as instalacións, o ano pasado foron investimentos moi fortes e este ano menos. Freounos un pouco a covid-19, porque a situación actual non che dá seguridade para facelos”, recoñece Alberto.

A inestabilidade e os efectos do coronavirus no sector

O seu irmán Jorge explica que o coronavirus e o confinamento decretado nos meses de marzo e abril provocou unha situación anómala no sector este ano. “Houbo un parón total durante os dous meses do confinamento e logo foise reactivando pouco a pouco. O mercado nacional reduciuse considerablemente na primavera pero nós puidemos seguir traballando eses meses grazas á capacidade de adaptarnos a calquera tipo de produción. Agora estase empezando a mover un pouco máis o mercado nacional pero non sabemos o que pode acontecer se por mor da segunda ola da pandemia se volven decretar medidas drásticas”, indica.

A incertidume é tal que para o ano que vén non se poden facer previsións, os pedidos agora son dun día para outro

Ese mesmo temor teno Alberto. “A incertidume é tal que para o ano que vén non se poden facer previsións nin se pode prever como será e se preguntas para mañá aínda tería dúbidas. Os pedidos agora son dun día para outro”, explica.

Versatilidade e capacidade de resposta

Teñen capacidade para fabricar a medida e entregar os pedidos en tres ou catro días, o tempo necesario de secado

Fabrican a medida e entregan os pedidos en tres ou catro días, o tempo necesario de secado nos secadeiros

Unha das características que destacan nesta empresa de Alfoz é a súa capacidade de adaptarse ás distintas necesidades dos seus clientes grazas á súa capacidade tecnolóxica. “Hoxe fabricamos sobre pedido, non temos almacenado. En tres ou catro días, que é o tempo que se necesita no secadeiro, podemos fabricar e servir a medida adaptándonos ás demandas concretas dos clientes. Para iso hai que ter maquinaria versátil que nos permita variar medidas ás veces dentro dun mismo día”, detalla Alberto.

Ademais de puntóns e táboas de distintos anchos e medidas, que é no que están especializados, tamén producen estelas, serrín e corteza. “Son subprodutos que tamén aproveitamos”, contan. Con eles sirven a industrias de taboleiro e a empresas de xardiñeiría ou biomasa.

Fabricación a medida

Serran 200 toneladas ao día, unhas 25 á hora

Serran 200 toneladas ao día, unhas 25 á hora en dúas liñas de aserrado que funcionan en paralelo

O aserradeiro procesa diariamente unhas 200 toneladas de rolla de piñeiro que proceden tanto dos montes que cortan eles directamente como de outros madeiristas tanto da provincia de Lugo como de Asturias. “Nós cortamos no monte máis ou menos un 50% piñeiro e outro 50% eucalipto e despois tamén mercamos piñeiro para alimentar o aserradeiro a outras empresas forestais de Lugo e o occidente de Asturias que tamén nos subministran”, explica Jorge.

Entregamos o produto con máis valor engadido despois da primeira transformación e iso fixo aumentar a nosa facturación

Hijos de Ramón Rubal rematou o ano 2019 cunha facturación de 5,5 millóns de euros sumando as dúas divisións da empresa, o aserradeiro máis a empresa de explotación forestal. “Aumentamos a facturación ao aumentar a segunda transformación en varios procesos e iso fixo que a nosa facturación case se dobrase nos últimos anos grazas a ese valor a maiores que lle damos á madeira. Agora entregamos o produto con máis valor engadido despois da primeira transformación, aumentando a calidade e o valor da madeira”, conta Alberto.

“Temos aínda capacidade para seguir medrando, tanto en primeira como en segunda transformación. Agora non se trata só de producir, senón de dar valor”, engade, a través de control de calidade, secados optimos, tratamentos á madeira e incluso algún proceso de segunda transformación, detalla.

Creación de emprego na comarca

Hijos de Ramón Rubal dá traballo directo a 25 persoas entre o aserradeiro e a explotación forestal

Hijos de Ramón Rubal dá traballo directo a 25 persoas entre o aserradeiro e a explotación forestal

O sector forestal é un dos polos fundamentais de creación de postos de traballo na comarca da Mariña grazas a empresas como Hijos de Ramón Rubal, que conta cun plantel de traballadores de 25 empregados. Deles, 10 dedícanse á produción no aserradeiro, en todo o proceso que vai desde a recepción do tronco ao envío final das táboas aos clientes, e o resto do persoal repártense entre o traballo no monte, administración e mantemento.

Contan con varios equipos de corta no monte

Pero o seu impacto laboral é moito maior ao emprego directo creado. “Temos todo o transporte subcontratado e cada día saen daquí varios camións de táboa, astilla e cortiza e outros tantos de eucalipto, puntal de pino, etc. Ao ter o aserradeiro permitimos deste xeito que a madeira de piñeiro que cortan outras empresas forestais na comarca saia da Mariña transformada”, razoa Jorge.

Produtos que viaxan a catro continentes

A nova liña de serrado instalada fai tres anos permitiu a esta empresa de Alfoz gañar en produción e capacidade de resposta, podendo así acceder a novos mercados. Os produtos elaborados en San Pedro de Mor viaxan a distintas partes do mundo. Teñen clientes en máis dunha ducia de países, entre os que destacan China, Vietnam, Cuba, República Dominicana ou Marrocos.

Coidamos moito aos nosos clientes, tanto nacionais como estranxeiros, iso fainos seguir traballando en tempos difíciles 

“Coidamos moito aos nosos clientes, tanto nacionais como estranxeiros, iso fainos seguir traballando en tempos difíciles como os que se viviron a raíz do coronavirus”, explica Jorge. Esta estratexia permitiulles amortiguar mellor o shock provocado polo confinamento desta primavera e manter a súa actividade como industria dun sector declarado esencial. “Paramos só tres días e non fixemos nin ERTEs nin despedimentos”, din.

Preocupación polo medio ambiente

Vista aérea das instalacións, onde contan con placas solares cunha potencia instalada de 120 Kw

Vista aérea das instalacións, onde contan con placas solares cunha potencia instalada de 120 Kw

A saúde e seguridade dos seus traballadores, ao igual que o coidado do medio ambiente, son sinais de identidade da empresa que Alberto e Jorge dirixen. Tres certificados ISO acreditan os seus sistemas de xestión ambiental, calidade e seguridade e saúde laboral tanto no aserradeiro como na xestión e explotación forestal e contan ademais cos dous certificados de cadea de custodia de productos forestais, tanto o PEFC como o FSC, logrados en 2010 e 2013 respectivamente, garantía de que os seus produtos proceden de montes xestionados de maneira responsable.

Co obxectivo de reducir a factura enerxética teñen instalados 120 Kw de placas solares e unha caldeira de biomasa coa que alimentan os secadeiros

Na súa longa historia esta empresa de Alfoz pasou por distintas fontes de enerxía coas que alimentar as súas máquinas, desde a forza da auga do río Ouro en Vilaude nos seus inicios a unha caldeira de vapor montada xa en Mor e substituída máis tarde pola electricidade da Central Hidroeléctrica de La Onza, que segue en funcionamento na parroquia do Pereiro.

Hoxe sobre os teitos do aserradeiro e os distintos almacéns Hijos de Ramón Rubal ten instalados 120 Kw de placas solares e contan tamén cunha caldeira de biomasa que produce calor para os catro secadeiros das instalacións, unha forma de aforrar enerxía e abaratar custos coa utilización de fontes renovables. A caldeira aliméntase neste momento con corteza que sae do proceso de descascado da rolla, pero están valorando substituíla por outros refugallos do proceso produtivo.

“Pensamos que o piñeiro dentro de non moitos anos vai chegar a valer o prezo que se merece”

Hijos de Ramón Rubal subminístrase de piñeiro procedente da provincia de Lugo e de do occidente de Asturias

A empresa subminístrase de piñeiro procedente da provincia de Lugo e do occidente de Asturias

Na comarca da Mariña producíronse o ano pasado 1.271.573 metros cúbicos de madeira, dos que máis dun millón eran eucalipto e menos de 200.000 piñeiro, segundo os datos extraídos do Anuario de Estatística Forestal de Galicia.

Aínda que a día de hoxe non se nota desabastecemento de madeira de piñeiro no mercado, a repoboación dos montes cortados ano tras ano maioritariamente con eucaliptos pon en risco o subministro de materia prima aos aserradeiros nas vindeiras décadas. Para contrarrestar esta tendencia e animar aos propietarios a repoboar con piñeiro, Hijos de Ramón Rubal mesmo chegou a subministrar de balde aos donos dos montes planta de piñeiro para repoñer con elas os montes cortados, unha iniciativa á que animan a sumarse ao resto de empresas que dependen da madeira de piñeiro.

Segundo o Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (Resfor), na nosa comunidade hai censados 235 aserradeiros, dos que 56 atópanse na provincia de Lugo, outros tantos na provincia da Coruña, 53 en Ourense e 70 en Pontevedra

Ante a previsible escaseza no futuro de madeira de piñeiro coa que abastecer os máis de 200 aserradeiros existentes en Galicia, as empresas do sector prevén que nos vindeiros anos a conífera se revalorice. De feito, segundo un recente estudo do Cluster da Madeira de Galicia, agárdase un crecemento da demanda de madeira de calidade para os próximos anos.

Na comarca da Mariña, un dos distritos forestais con máis produción de madeira de Galicia, cortáronse o ano pasado 98.000 metros cúbicos de pinus radiata, 80.000 de pinaster e 16.000 de siylvestris fronte a máis dun millón de metros cúbicos de eucalipto

Ese escenario, xunto coa diminución da oferta dispoñible no mercado, faría subir os prezos. “Pensamos que o piñeiro dentro de non moitos anos vai chegar a valer o prezo que se merece”, defende Jorge.

Novas aplicacións na construción

Boceto do edificio Impulso Verde, que será construído integramente en madeira

Boceto do edificio Impulso Verde, que será construído integramente en madeira

Entre as novas aplicacións nas que se abre paso a madeira de piñeiro destaca a da construción estrutural. Hijos de Ramón Rubal será a encargada de fornecer os 430 metros cúbicos de madeira necesarios para fabricar o taboleiro que se empregará na construción do edificio Impulso Verde na cidade de Lugo. As obras do inmoble, que se levantará na zona da Garaballa, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, foron adxudicadas por 1,5 millóns de euros á empresa EGOIN S.A. e contan cun prazo máximo de execución de 15 meses. Esta compañía chegou a un acordo co serradoiro mariñán para a subministración da madeira de piñeiro que se usará na construción do edificio, que está deseñado cun sistema de estruturas laminares reticulares de eucalipto para a súa aplicación nas cubertas, e un panel de madeira contralaminada de piñeiro radiata para a súa aplicación en edificación en altura.

Vemos futuro á construción en madeira, pensamos que iso pode servir para dar un impulso bo ao piñeiro

Este edificio piloto foi concibido co propósito de converterse nun referente do novo modelo construtivo baseado nos recursos naturais autóctonos, xa que utiliza a madeira galega para a totalidade da súa estrutura, creando un modelo construtivo alternativo aos edificios convencionais de baixa eficiencia enerxética.

O obxectivo deste modelo construtivo é minimizar o impacto ambiental, dinamizar o sector forestal galego e iniciar un novo modelo produtivo de alta tecnoloxía, que permitirá desenvolver o valor engadido da madeira, xa que para a súa construción utilizarase madeira de especies producidas en Galicia procedentes de xestión forestal sostible.

O edificio Impulso Verde será o primeiro inmoble público de Galicia que se constrúe na súa totalidade con madeira autóctona certificada

A construción deste edificio forma parte do proxecto europeo LIFE Lugo+Biodinámico, impulsado polo Concello de Lugo e que conta coas Universidades de Santiago de Compostela e a Politécnica de Madrid como socias para o seu desenvolvemento, co obxectivo de planificar e levar a cabo a construción dun barrio multiecolóxico urbano e potenciar a economía verde.

De uso público e con actividade permanente, Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático. Este edificio será un dos elementos centrais do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España, onde se contemplan unha serie de medidas como a edificación de vivendas construídas estruturalmente en madeira, a recollida de auga de choiva para a súa reutilización na rega das zonas verdes e a implantación dun sistema de reutilización do lixo reconvertido a biomasa.

O proxecto inclúese na construción dun novo barrio con 1.200 vivendas climaticamente neutras, primeiro de España destas características

No proxecto do barrio ecolóxico inclúese a xeración de enerxías renovables para obter un sistema neutro en carbono co que se alcance a autosuficiencia a nivel do consumo. Crearanse redes de calor urbanas onde reaproveitar a biomasa da zona para abastecer unha central de biogás para uso en todo o barrio.

O futuro barrio multiecolóxico desenvolverase na zona da Garaballa, e terá a madeira como elemento estrutural para a construción de vivendas. O barrio contempla a creación de 1.200 vivendas e espazos verdes. O 45% destas vivendas serán públicas. Outra das liñas de actuación é a plantación de 15.000 árbores de diferentes especies autóctonas nunha parcela demostrativa de 16 hectáreas, para expoñer o potencial de produción de madeira de calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información