Cedeira acollerá a tarde do mércores 24 unha xornada orientada a presentar as novas liñas de axudas forestais que veñen de convocarse. Os apoios teñen especial interese para apoiar ás asociacións de produtores de madeira (Promas) do norte galego, tanto para a comercialización conxunta de madeira como para valorar a posibilidade dunha xestión conxunta de montes de eucalipto.
A xornada, que dará inicio ás 17.15 horas, conta coa organización da Asociación Forestal de Galicia, da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira e da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro. O acto diríxese a propietarios e xestores forestais, así como aos representantes das asociacións de produtores de madeira do norte galego.
A asistencia é libre, con inscripción previa (tel. 981 564 011 / 618 752 214 ou no mail afg@asociacionforestal.org).
Programa
17.15 horas – Acollida
Julio Aneiros, presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira.
17.30 horas – Os retos da xestión dos montes de eucalipto
Antonio Rigueiro e Francisco Dans, presidente e director da Asociación Forestal de Galicia.
18 h. – As axudas ás agrupacións de xestión forestal conxunta
Daniel Rodríguez, responsable económico da Asociación Forestal de Galicia.
18.30 h. – As axudas de apoio ás Promas e outras asociacións de comercialización conxunta de produtos forestais
José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal.
19 h. – Debate
Contexto
As comarcas de Ferrol Terra, Ortegal e a Mariña lucense conforman a principal área de aproveitamentos forestais de Galicia. En conxunto, cortan arredor de 3 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, máis da metade de todo o eucalipto extraído anualmente do monte galego.