Arrinca a campaña de ensilado do millo, con mermas entre o 20 e o 30% nalgunhas zonas

Os Irmandiños, Agropres, Aira ou Cobideza puxeron a andar esta semana as súas colleitadoras e por toda Galicia son moitos os gandeiros que estes días comezan a encher os seus silos para o inverno. A maioría está a comprobar un menor rendemento que o ano pasado en moitas das fincas

Recollida do millo este mércores na zona sur da provincia de Lugo

Recollida do millo este mércores na zona sur da provincia de Lugo

O 2020 non será, polo xeral, un bo ano de millo. Os primeiros días da campaña de ensilado deste ano están a servir para constatar unha menor produción, sobre todo naqueles terreos máis enxoitos onde o cultivo se viu máis afectado pola seca do mes de xullo.

En zonas canto máis ao sur, onde máis se notan os efectos da calor e onde os chans son máis areosos, é onde máis están a sufrir as mermas no rendemento por hectárea. Na zona de Chantada, por exemplo, comezaron xa a ensilar fai dúas semanas as primeiras fincas afectadas pola seca.

Jorge Meiriño, da cooperativa Aira, explica que tiveron que empezar a ensilar antes este ano, a comezos de setembro, en fincas nas que o millo non aguantou e secou antes de completar o seu ciclo de crecemento e noutras nas que se sementou cedo e nas que a colleita veu con adianto “porque ao facer moita calor este ano adiantouse o ciclo”, explica.

“A colleita será regular nesta zona, sobre un 30% menos en comparación co ano pasado, tamén porque o ano pasado foi moi bo porque lle chovera moito ao millo e sacáranse de media 40.000 toneladas. Aquí as fincas son moi heteroxéneas, nun ano normal hainas de 50.000 quilos pero tamén de 35.000”, di.

Estivemos xa desbrozando fincas nas que secou o millo e non se puido aproveitar nada porque nin sequera chegou a espigar

“As que o ano pasado se comportaron ben porque choveu, este ano van ter malos resultados. Isto é maioritariamente un solo franco-areoso e cando baixa a humidade a 50-60 centímetros de profundidade o millo morre, polo que as fincas que dependen da climatoloxía este ano comportaranse mal en canto a resultados. Estivemos xa desbrozando fincas nas que secou o millo e non se puido aproveitar nada porque nin sequera chegou a espigar”, engade.

Adiantar o ensilado do millo que secou

A cooperativa Aira, que ten unha planta en Sarria onde prepara a mestura húmida para a ración diaria que sirve a unhas 40 ganderías socias, comezou este martes a ensilar para esta planta o millo que foi secando antes de tempo.

“Esta semana empezamos a picar para encher un silo pequeno no que meter o millo que secou, co resto empezaremos xa de seguido aí polo 26, 27 ou 28 de setembro”, conta o responsable da planta, José Manuel López Pardo, que leva tamén a produción forraxeira.

Polo que estamos vendo en campo prevemos entre un 15 e un 20% menos de produción con respecto ao ano pasado

Na zona de Sarria agardan tamén algo menos de produción que o ano pasado. “O millo seco que comezamos a meter non serve de referencia e non temos aínda pesadas, pero polo que estamos vendo en campo prevemos entre un 15 e un 20% menos de produción. As fincas boas poden ter o mesmo rendemento, pero nas normais si que se nota. En xeral con tanta calor o millo quedou máis baixo, porque a calor fíxoo medrar moi rápido e nin o tronco nin a espiga tiveron o desenvolvemento que tiñan que ter”, asegura.

A diferenza do que acontece con outras plantas de forraxe, como as da cooperativa Os Irmandiños en Barreiros, Agropres en Castropol ou Ganxabar en Mazaricos, Aira non xestiona directamente as terras e os cultivos que ensila na súa planta de Sarria, senón que se abastece, por un lado, das forraxes que aportan os propios gandeiros usuarios do cátering (que representan máis ou menos o 50% dos subministros) e de compras que a planta fai tanto a outros produtores da zona que non teñen vacas como do millo que mercan noutras zonas de Galicia.

Temos bastantes stocks aínda do ano pasado, porque houbera moito millo e aproveitaramos para ensilar algo máis do que precisabamos. Veunos ben para poder compensar este ano

O ano pasado a cooperativa ensilou nas súas instalacións de San Xulián da Veiga 17.000 toneladas de millo, aínda que este ano teñen previsto meter algo menos. “Temos bastantes stocks aínda do ano pasado, porque fora un ano no que houbera moito millo e moita oferta e aproveitamos para ensilar algo máis do que precisabamos e veunos ben para poder compensar este ano, no que a colleita é peor. Xogamos con esa vantaxe de ter que meter menos. Imos ensilar unhas 15.000 toneladas en 8 ou 9 silos, pero aínda que por aquí se sementou a mesma superficie, en terra igual temos que mercar máis ca o ano pasado”, explica José Manuel.

Chuvia salvadora

Esta semana empezouse tamén a campaña no Deza. Kiko Mosquera, o responsable de maquinaria da cooperativa Cobideza, agarda que a produción se manteña na media dos últimos catro ou cinco anos. “Penso que nin vai ser moi pobre nin tampouco excelente. A media de todos os gandeiros poderá andar polos 30.000 quilos por hectárea, para pasar dun rendemento de 35 toneladas nesta zona xa ten que ser boa a finca”, indica.

Este ano no Deza non axudou a seca do verán, pero tampouco outros factores como o frío da primavera ou o verme. E un problema recurrente, o do xabarín. Coma noutras zonas de Galicia, houbo importantes danos por culpa do porco bravo. “Estamos vendo moitos destrozos nas fincas, nas que recollimos o martes o 20% tumbouno e nas que andivemos o mércores foi a todas e pode haber unha afectación do 10% tranquilamente”, conta.

En Cobideza contan rematar a campaña de ensilado polo Pilar e recollerán unhas 400 hectáreas sementadas. “Se chove algún día paramos pero ao día seguinte xa podemos volver a ensilar, para recoller o millo o mal tempo non nos retrasa tanto como na campaña da herba”, explica. De todos xeitos, asegura, “a chuvia destes días atrás atrasounos o comezo da campaña de ensilado do millo unha semana pero tamén foi a salvación del”.

Menores perdas na Mariña

O CAVI de Irmandiños comezou esta semana a encher os seus silos, os máis grandes de Galicia

O CAVI de Irmandiños comezou esta semana a encher os seus silos en Barreiros, os máis grandes de Galicia

Na zona da Mariña, unha das máis madrugadoras de Galicia tanto á hora da sementeira como da recollida, comezouse esta semana a campaña. A cooperativa Os Irmandiños, o mesmo que a empresa Comercial Agropres, que contan coas dúas plantas de xestión de forraxes que operan na zona, comezaron xa a encher os seus silos, dos que despois subministran mestura húmida a explotacións da comarca, o occidente de Asturias e zonas como A Pastoriza na Terra Chá.

O que foi labrado cedo, a finais de abril ou principios de maio, vai ter producións altas. O que foi botado máis tarde vai rendir menos, tanto por tamaño de planta como por espiga

Mauro Louzán, técnico de Irmandiños, unha das tres cooperativas que integran Clun, asegura que na costa as perdas de rendemento pola seca van ser menores ca en zonas do interior. “Nas fincas onde o millo foi labrado cedo, a finais de abril e principios de maio, vai haber boa produción, arredor duns 45.000 quilos por hectárea. O que foi labrado máis tarde aínda se está a facer, pero nese, aínda que a seca se notou menos que no centro de Galicia, vai haber menos produción, tanto por tamaño de planta como por espiga. Eu calcúlolle uns 38.000 quilos. Así que ao final vai compensar un polo outro, porque o de cedo vai ter producións altas”, argumenta.

Dependendo de como veña o tempo, Mauro agarda rematar a campaña nos prazos habituais, en torno ao 20-25 de outubro. O CAVI de Irmandiños, que serve comida a 55 ganderías de leite, é a maior planta de xestión de forraxes de Galicia. “Este ano sementamos arredor dunhas 380 hectáreas xestionadas directamente por nós para a nosa planta, unhas 80 máis que o ano pasado, e a maiores as que botamos para outros gandeiros, cunha superficie que neste caso foi semellante á do ano pasado”, indica.

A Mariña foi outra das zonas nas que o porco bravo traballou moito este ano, aínda que está respectando a época de ensilado. “O xabarín afectou bastante no momento de sementeira, andivo bastante daquela, pero agora cara a recollida parece que non tanto, ultimamente fixéronse batidas e parece que algo de efecto cundiron”, considera Mauro.

Colleitadora da empresa Comercial Agropres, que labra 900 hectáreas para a súa planta de forraxes

Colleitadora da empresa Comercial Agropres, que labra 900 hectáreas para a súa planta de forraxes

Tamén comezou a ensilar esta semana Comercial Agropres, a empresa asentada no polígono de Barres, en Castropol, pero que traballa tanto no occidente de Asturias como no lado galego, en concellos como Ribadeo, Barreiros ou Trabada. A diferenza da de Irmandiños, a ración que sirve Agropres aos seus clientes, unhas 60 explotacións da zona, non leva silo de herba, polo que o millo é o protagonista.

Sementan unhas 900 hectáreas para a planta de Barres e comezaron apañando o primeiro en ser sementado, en fincas a nivel do mar, segundo explica José Portela, técnico de cultivos da empresa. “En principio vai ser unha colleita normal, non vai ser dos mellores anos pero tampouco dos peores, calculamos entre 40 e 42.000 quilos por hectárea de media”, indica.

“Choveu cando tiña que chover, porque a finais de xullo e na primeira semana de agosto o millo estaba bastante apertado hídricamente, pero deulle a vida as tormentas que houbo en torno ao 10 de agosto. Cambiou por completo e foi recuperando con algo máis que choveu despois, se non fora por esta chuvia de mediados de agosto este ano sería un mal ano de millo porque o mes de xullo incluso aquí na costa foi bastante duro en canto a seca”, di.

Ganxabar comezará nos vindeiros días

Noutras zonas de Galicia os traballos de ensilado do millo comezarán algo máis tarde. É o caso de Ganxabar, a cooperativa que xestiona en conxunto as forraxes e a recría de 8 gandeiros de Xallas e Barcala. Os seus silos, ubicados en Mazaricos, son os terceiros máis grandes de Galicia, tralo CAVI de Irmandiños e a planta que Aira ten en Sarria. Contan con 2.500 metros cúbicos de silos e xestionan 1.000 hectáreas para produción de forraxes, das que este ano botaron unhas 600 a millo. Comezarán a ensilar a vindeira semana se as previsións meteorolóxicas, que dan chuvias, o permiten.

O mesmo acontece noutros concellos da provincia da Coruña, como Ponteceso, Ordes ou Boimorto, onde o xabarín tamén se cebou este ano, con importantes danos, aínda que moitas veces até poñerse a ensilar non se ven as consecuencias reais das súas incursións, pois non se aprecia a verdadeira dimensión dos destrozos até que pasa a maquinaria.

En Santa Comba ou na Pastoriza son as menos a día de hoxe as ganderías que decidiron empezar a ensilar e o forte da campaña non arrincará até outubro

En Santa Comba son as menos a día de hoxe as explotacións que decidiron empezar a ensilar. Na comarca do Xallas agárdase tamén unha produción algo máis baixa que a do ano pasado, con reducións do 20 ao 25%. Nesta zona hai menores afeccións por danos do xabarín porque a superficie está máis aproveitada para o cultivo e hai menos monte.

Unha situación semellante dase na Pastoriza, onde a superficie agraria baldía tampouco abunda. Neste concello da Terra Chá, ao igual que noutras zonas do interior da provincia de Lugo, como en Cospeito, Castro de Rei, Friol, Palas ou Xermade, non se iniciou tampouco a campaña do millo, xa que comezan a colleitar as terras habitualmente a principios de outubro.

“Hai unha diferenza de 15 ou 20.000 quilos entre as fincas de regadío e as de secano”

Ganderia Xuiz (Bobeda) regadio2

Diferenza entre o millo botado en fincas de regadío e sen rega pola Gandería Xuíz

Diferenza entre o millo botado en fincas de regadío (arriba) e sen rega (abaixo) pola Gandería Xuíz

O cultivo de millo en sistema de regadío non é habitual en Galicia, pero en anos de seca coma este é unha salvagarda para asegurar a colleita. Gandería Xuíz, ubicada no concello de Bóveda, botou este ano 29 hectáreas de millo, a metade en regadío e a outra metade en fincas sen rega.

Nesta zona do sur da provincia de Lugo a calor aperta e a seca deixouse notar de cheo este ano. Se non fose polas fincas que teñen alugadas en Ribas e Probeiros, na zona do regadío do Val de Lemos, a colleita de millo non tería compensado os gastos da semente, a preparación das terras, o abonado, a sementeira, os tratamentos e a recollida.

Este é un ano complicado, contamos sacar unha media de 33.000 quilos entre as de regadío e as outras. De non ser polo regadío non compensaría moito botalo

“Este ano contamos sacar unha media de 33.000 quilos entre todas as fincas, é un ano complicado”, recoñece Pablo Rodríguez, un mozo de tan só 22 anos que se atopa á fronte desta explotación. Se comparas a produción das fincas de regadío este ano coa do ano pasado pode haber unha merma de 7.000 ou 8.000 quilos, pero dunha finca de regadío a unha de secano pode haber tranquilamente de 15 a 20.000 quilos de diferenza. Se non fose polo regadío nesta zona habería anos que non compensaría moito botalo”, admite.

Máis información

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información