Xestión cooperativizada das forraxes, a experiencia de Forxabar

A sociedade, que impulsaron oito explotacións de Xallas e Barcala, cultiva 785 hectáreas de terreo, das que 600 adícanse a millo e 185 a herba. As granxas socias logran un 60% de autoabastecemento en alimentación

Xestión cooperativizada das forraxes, a experiencia de Forxabar

Silos construídos por Forxabar en Mazaricos. / Arquivo.

O obxectivo común de aumentar o autoabastecemento da alimentación animal levou a oito explotacións de Xallas e Barcala a crear no 2009 unha cooperativa para a xestión conxunta das forraxes, Forxabar. Comezaron traballando 370 hectáreas e a na actualidade chegaron a 785, unha ampliación que se fixo sobre todo a partir de alugueres. A sociedade cubre agora coa súa produción o 60% das necesidades dos animais e destaca tamén pola busca da calidade nos ensilados.

Forxabar (Forraxes de Xallas e Barcala) xestiona cada ano unhas 600 hectáreas de millo e 185 de herba. Parte da superficie a herba, unhas 100 hectáreas, son pradeiras permanentes de raigrás inglés e outra parte, unhas 85 hectáreas, cultívase en rotación co millo, producindo un corte de raigrás con leguminosas (tréboles anuais). Falamos cun dos técnicos da sociedade, Adrián Cundíns, que recentemente presentou a experiencia da cooperativa nunhas xornadas da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

“Saber a procedencia da alimentación e como se produce é unha cuestión importante”

“O obxectivo de Forxabar é depender o mínimo de forraxes mercadas. Hoxe en día cubrimos un 60% da alimentación dos animais coas forraxes producidas” -destaca Adrián-. “Ter controlada a trazabilidade é outra cuestión importante, sobre todo de cara a esquemas de certificación. Saber a procedencia da alimentación e como se produce resulta fundamental”, valora.

A cooperativa céntrase en producir ensilado de herba, ensilado de millo e, cando hai excedentes de millo, gran húmido. Non é o caso deste ano, pois igual que na maior parte de Galicia, a seca provocou nas comarcas de Xallas e Barcala unha significativa merma da produción.

Raigrás inglés
Para a produción de herba, Forxabar escolleu terreos que aportan bos volumes de produción e que se caracterizan ademais por ter boa drenaxe da auga, de xeito que sexa posible acceder coa maquinaria en calquera momento do ano. A proximidade á base do parque de maquinaria, operado pola Cuma Xallas-Barcala -coas mesmas explotacións socias-, é outro dos criterios que se teñen en conta, pois fanse 4-5 cortes cada ano e búscase aforrar no posible nos custos de transporte.

As pradarías de raigrás inglés anóvanse cada catro anos de media e en cada corte de primavera aportan uns 4.100 quilos de materia seca por hectárea. No primeiro e último corte do ano, que se consideran en parte “cortes de limpeza”, a produción ronda os 2.000 quilos de materia seca.

O índice de transformación mellorou nos últimos anos, ata chegar a 1,54 litros de leite por quilo de materia seca de alimentación

A busca de calidade no ensilado é unha das cuestións que máis preocupa en Forxabar. Os silos de herba acadan niveis de proteína do 16-19%. “Utilizamos o raigrás inglés porque permite maior marxe de maniobra para o ensilado. Na zona na que traballamos, a pluviometría é un factor a ter en conta”, explica Adrián Cundíns. “Outra cuestión que decidimos foi adicar os cortes de herba de maior calidade ás vacas en produción, en tanto os cortes de limpeza orientámolos para un centro de recría que xestionan conxuntamente todas as explotacións”.

Repercusión das calidades no leite
As oito granxas que integran Forxabar, todas ellas a súa vez Sat ou granxas cooperativas, contan cun total de 1.450 vacas en muxido. A súa produción actual sitúase nos 37 litros por animal. “Cando comezamos coa produción de forraxes en conxunto, a produción por vaca estaba nos 32 litros. A mellora da calidade das forraxes foi sen dúbida un dos factores que incidiu no incremento”, destaca o técnico de Forxabar.

Carro de alimentación da Cuma Xallas-Barcala.

Carro de alimentación da Cuma Xallas-Barcala.

O índice de transformación de materia seca en leite seguiu unha curva ascendente nos últimos anos e sitúase agora en 1,54 litros de leite por quilo de materia seca de alimentación. A ración total dos animais é de 23,8 quilos de materia seca.

Leguminosas
A produción de herba complétase coas parcelas de millo que se rotan en inverno. Arredor dun 15% da superficie adicada a millo rótase con raigrás con tréboles anuais. “Probamos outros cultivos, como vezas e cereais, pero vimos que eran máis inestables en canto á produción, dependendo moito da chuvia. Agora levamos tres anos con estas mesturas de raigrás e tréboles, con bos rendementos e calidades”. Faise un corte único, que produce uns 4.400 quilos de materia seca por hectárea, cun 17% de proteína e boa dixestibilidade.

O custo de produción do ensilado de herba ronda os 160-170 euros por tonelada de materia seca, segundo os cálculos de Forxabar. “Se quixeramos mercar forraxe equivalente no mercado, como alfalfa, non atopariamos nada a menos de 200 euros tonelada, así que o aforro está claro”, apunta Adrián.

Millo
A xestión do cultivo do millo é o que máis dificultades entraña. Trabállanse 600 hectáreas, distribuidas en máis de 1.000 fincas, nun radio de 15-16 quilómetros á base. “Hai unha gran diversidade de microclimas e de terreos, polo que en cada finca temos que adaptar as variedades e a época de sementeira. O obxectivo é ensilar todo xunto no seu momento óptimo, de cara a lograr a máxima calidade. É un dos hándicaps que temos porque lograr a uniformidade é complicado”, valora Adrián Cundíns.

“Temos unha gran diversidade de microclimas e de terreos, polo que en cada finca hai que adaptar variedades de millo e época de sementeira”

Os rendementos medios de millo nos últimos catro anos foron de 39 toneladas de materia verde por hectárea, cun 32% de materia seca, un 35% de almidón e elevada dixestibilidade. “O rendemento podería ser maior, pois estamos cortando o millo alto, a uns 70 centímetros, co obxectivo de mellorar calidades”.

O custo de produción situouse nos 1.480 euros por hectárea, o que representa uns 40 euros por tonelada de materia verde, custos de transporte e ensilado incluidos.

Racións
Forxabar encárgase tamén da elaboración das racións para cada explotación, así como para o centro de recría que xestionan conxuntamente os socios da cooperativa. As granxas sitúanse nun radio de 7 quilómetros á base da sociedade, o que evita un excesivo encarecemento dos custos de transporte.

Proxecto integral de servizos

O Grupo Xallas Barcala, no que participan sete explotacións de leite e unha de carne, comezou o seu traballo en conxunto no 2002 coa Cuma Xallas-Barcala, coa que se buscou operar en común a maquinaría. No 2006, os socios da Cuma deron o paso de poñer en marcha un centro de recría propio, no que hoxe hai uns 1.100 animais, e no 2009 externalizaron tamén a xestión de forraxes a través de Forxabar.

As granxas céntranse así en exclusiva no manexo do gando en produción, en tanto o resto dos traballos quedan externalizados, coas melloras en calidade de vida que iso representa. Para a xestión das forraxes teñen man de obra especialista, que se adica todo o ano a ese traballo. O mesmo sucede co centro de recría e co parque de maquinaria. En total, a o Grupo conta con 8 empregados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información