O frío retrasou o medre do millo, con algúns ataques tamén de rosquilla

Este ano a sementeira produciuse máis tarde polas chuvias de finais de abril e comezos de maio, pero a planta naceu ben e a aplicación de herbicidas foi efectiva. Se a climatoloxía axuda durante o verán e o xabarín non o impide, haberá boa colleita este ano. Coñecemos a situación en distintas zonas de Galicia

Diferenza de crecemento entre millo temperá e máis tardío sementado en dúas fincas pegadas na comarca da Mariña

Diferenza de crecemento entre millo temperá e máis tardío sementado en fincas pegadas da comarca da Mariña

A colleita de millo marca en boa medida o resultado de todo o ano na maioría das explotacións de leite galegas, cando menos desde o punto de vista da alimentación do gando. Por iso os meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro son determinantes e por iso tamén a climatoloxía ten moito que dicir.

Foi por mor do tempo precisamente que a sementeira tivo que facerse este ano algo máis tarde do habitual, acumulando nalgúns lugares 15 días de retraso á hora do seu nacemento. Pero a nascencia foi boa na maior parte das zonas, e tan só houbo pequenas resementeiras en fincas húmidas ou por ataques do xabarín, polo que se agardan bos rendementos por hectárea, xa que o 50% do rendemento final obtido está relacionado con como naza a planta.

As chuvias, que impediron a finais de abril e comezos de maio  que o millo se puidese botar en moitas terras (en parte tamén porque fixeron que o ensilado da herba acumulase tamén retraso), favoreceron sen embargo posteriormente a aplicación dos herbicidas residuais de preemerxencia, que funcionaron ben, evitando así ter que repasar a maioría de fincas.

A inestabilidade no tempo nas primeiras semanas de maio retrasou o ensilado da herba e a sementeira do millo

As afeccións máis importantes polo de agora no cultivo foron algúns ataques de rosquilla, neutralizados a tempo, e os días de frío de mediados do mes de xuño (“o mes de xuño oscilou entre dous períodos cálidos e tormentosos ao principio e final, mentres que a parte central estivo dominada pola presenza das baixas presións atlánticas que achegaron aire máis frío do normal nesta época do ano”, indica o informe mensual de Meteogalicia), que retrasaron o crecemento do millo e afectaron sobre todo ao que foi botado máis tarde. 

A incógnita daquí en diante, ademais da climatoloxía, será unha vez máis o xabarín, o gran inimigo actual do cultivo de millo en Galicia, que provocou xa importantes danos durante a sementeira en comarcas como a de Ordes, e tamén na Mariña, e cuxa afectación nas fincas podería mesmo incrementarse a medida que a planta bote o gran e se achegue a data da súa recollida.

Esta é a situación neste momento nalgunhas das comarcas leiteiras de Galicia, que son tamén nas que máis millo se bota, e onde as perspectivas de lograr unha boa colleita este ano son boas a día de hoxe.

“Este ano houbo moito ataque de rosquilla noutras zonas de Galicia, pero na Mariña e en Asturias non nos afectou”

Unha das zonas de Galicia onde se comeza máis cedo a botar o millo é na comarca da Mariña. José Portela é técnico da empresa Comercial Agropres, que sementa 1.200 hectáreas de millo tanto para consumo propio na súa planta de mestura húmida como para explotacións particulares ubicadas en concellos da zona norte de Lugo e o occidente asturiano, onde se agardan bos resultados este ano.

“O millo vai moi ben hoxe por hoxe, nós empezamos a sembra xa en abril e a finais de maio xa tiñamos acabado, sacada algunha finca puntual na que se esperou a recoller o segundo corte de herba, pero o forte da campaña estaba rematado na primeira semana de xuño, outros anos aínda quedaban fincas até máis tarde”, explica José.

O tempo máis frío veu en xuño e o que o notou máis foi o que estaba sementado de menos días, porque o que estaba de antes xa ía máis adiantado e afectoulle menos

Ao estar labrado e nacido o millo había xa semanas fixo que a incidencia das baixas temperaturas posteriores fose menor. “O tempo máis frío veu en xuño e o que o notou máis foi o que estaba sementado de menos días, o que se botou máis tarde, porque o que estaba de antes xa ía máis adiantado e notouno menos, así que lle afectou menos”, indica.

Tamén tiveron menor incidencia na Mariña este ano algunhas pragas habituais no cultivo do millo. “Rosquilla e verme do arame a día de hoxe aquí nada, sen embargo noutras zonas si que houbo moito ataque de rosquilla”, conta.

A nivel de herbicidas, Agropres aposta pola aplicación en preemerxencia. “Case todo o que usamos nós é en pre e este ano funcionaron bastante ben os herbicidas, houbo que repasar algo pero non foi dos peores anos”, conclúe José.

Zona con afectación sobre o millo como consecuencia da aplicación do herbicida

Zona con afectación sobre o millo como consecuencia da ineficacia na aplicación do herbicida

“Cada vez retiranse máis materias activas e hai que probar con outras e os tratamentos son menos eficaces”

Tamén madrugaron a labrar este ano na zona de Xallas e Barcala, na provincia da Coruña. “O 15 de maio estaba o 90% da superficie botada. Este ano quedou todo sementado en maio, en xuño o único que fixemos foi resementeira de zonas concretas, por exemplo fincas húmidas nas que afogou o millo porque despois de labralo choveu e non saiu ou por culpa do xabarín”, explica Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar, a sociedade que xestiona as forraxes en conxunto para 8 ganderías, cultivando unhas 700 hectáreas de millo.

A efectividade dos herbicidas neste caso non foi tan boa, algo que Adrián achaca por un lado á climatoloxía e por outro ás restricións no uso de determinados produtos. “Cada vez retíranse máis materias activas e hai que probar con outras e ás veces os tratamentos son menos eficaces. Nós facemos unha contención inicial e logo imos aplicando á carta dependendo das herbas, pero as condicións este ano non foron boas para aplicar herbicidas e abonos. De feito, cando se aplicaron os herbicidas esas condicións non eran as idóneas e si que se tocou algo o millo por aplicar os tratamentos ben con altas temperaturas ben con frío”, recoñece.

Tivemos que resementar algúns anacos polo xabarín ou porque afogou o millo que se sementou cedo en fincas pesadas e non saíu

No caso de pragas de insectos, sen embargo, o resultado foi mellor. “Entre a protección que fas co insecticida e o control posterior as pragas fómolas controlando ben, a rosquilla e o verme do aramio afectaron sobre todo á sementeira tardía, que no noso caso representou pouco este ano”, asegura.

Así que, “de momento o millo vai con moi boa pinta, o 90% do que botamos está cunha altura de máis de metro e medio xa, co frío que veu en xuño o que lle notamos foi que ralentizou un pouco o crecemento, pero non afectou matando, porque como son plantas máis medradas resisten mellor, non é como se fose unha plántula, cando veu o frío os primeiros millos que botamos estaban xa avanzados”, relatan tamén no seu caso en Ganxabar. En definitiva, resume Adrián, “o cultivo podía ir un pouco máis avanzado se as condicións fosen mellores en canto a temperatura pero a colleita preséntase, en principio, ben”.

O millo que se botou cedo viuse menos afectado pola baixada de temperatura e ten xa unha altura considerable

O millo que se botou cedo viuse menos afectado pola baixada de temperatura e ten xa unha altura considerable

“O que se botou máis tarde púxose violeta polo frío e seguramente lle falte altura cando chegue ao final do ciclo”

Nas zonas do interior de Galicia a sementeira é normalmente máis tardía pero este ano aínda se atrasou máis. “Até mediados de maio case todos tiñan a herba sen meter, o normal sería ter empezado 15 días antes, o millo leva ese retraso este ano, nós acabamos polo 20 de xuño de botalo”, conta Kiko Mosquera, o responsable da maquinaria na cooperativa Cobideza, que sen embargo matiza que “a xente que se apuraba moito a botar o millo e outros anos botábao xa a mediados de abril deuse conta de que até maio o millo está moi ben na bolsa”, asegura.

Pero o descenso posterior das temperaturas colleu máis desprotexido ao millo no Deza, ao terse sementado máis tarde. “Ao primeiro que se botou non lle afectou o frío porque tiña tallo gordo e bastantes follas. O último, que se sementou entre o 15 e 20 de xuño, é o que ten a color do frío, e pode que retrase un pouco o crecemento e quede un pouco máis pequeno. Ese está un pouco atrasado a estas alturas por culpa do frío e puxose violeta polo frío e faltaralle altura ao final do ciclo seguramente”, recoñece Kiko.

A cor violeta ou morada das follas do millo provén dun pigmento que se forma cando nas follas hai máis azúcares dos que a planta pode empregar e isto pode deberse a dous factores: por un baixo nivel de fósforo na terra, xa que unha baixa concentración de fósforo na planta inhibe o movemento de azúcares; ou por baixas temperaturas nas etapas iniciais de crecemento, xa que nun chan seco e frío as raíces paralizan o seu medre e o movemento de azúcares á raíz da planta desde as follas tamén se detén.

A auga non lle fixo mal ningún, está gardada na terra para o mes de agosto

Sen embargo, “de momento non hai nada que faga pensar que a colleita non vaia ser boa porque vaille valer máis a auga que caeu que mal lle fixo o frío”, asegura o responsable da maquinaria de Cobideza. “O problema nesta zona é o aire norte a finais de agosto e setembro con temperaturas de 30 grados porque o millo deshidrátase e enrúgase ao mediodía e non é capaz logo de recuperar na noite porque veñen noites quentes, así que a auga que caeu estas últimas semanas está gardada na terra para o mes de agosto”, razoa Kiko.

En canto a pragas, na zona do Deza “non houbo unha afectación grave, nada fóra do normal”, di. “Tivemos rosquilla sobre todo, pero tratamos cun insecticida. O que bota o herbicida en preemerxencia xa llo bota e o que non, bótao mesturado co tratamento de postemerxencia ou só no momento en que comeza a aparecer a rosquilla. Por aquí os que usan insecticida granulado na maquina de sementar son os menos”, conta.

Os prados vellos que levan moitos anos sen revolver son os candidatos perfectos a ter ataque de verme de aramio, que é unha praga moi difícil de tratar, case imposible, porque está normalmente moi fondo

Sobre o verme do aramio explica que só tiveron unha finca afectada pero que “xa está perdida”. “Desapareceu o millo, pero aínda que non tivese desaparecido sería igual, porque é moi difícil de tratar, case imposible, porque o verme está normalmente moi fondo”, di. “Era unha finca dunha hectárea entre Monterroso e Taboada, un prado que o gandeiro alugou a un veciño que abandonou. É unha praga que se dá sobre todo en prados vellos que levan moitos anos sen revolver, eses prados son os candidatos perfectos a ter ataque de verme de aramio”, asegura.

Finca de millo cun nacemento uniforme e sen faltas

Finca de millo cun nacemento uniforme e sen faltas

“O millo naceu moi ben e os herbicidas funcionaron, así que só entramos unha vez nas fincas este ano”

O primeiro Informe Anual do Estado do Clima en España, elaborado recentemente pola Agencia Estatal de Meteorología (AEMET), pon de relevo as consecuencias actuais do cambio climático, con incremento de temperatura e descenso de precipitacións, dous factores que poñen en serio risco o cultivo de millo sen rega en amplas zonas da nosa comunidade. Igual que o Deza, outra zona do interior de Galicia onde o millo é sensible xa á falta de auga, unha consecuencia que se agraba aínda máis por mor do cambio climático, é a comarca de Chantada.

Jorge Meiriño, que se encarga da maquinaria da cooperativa Aira, explica que, por como foi a primavera este ano, “o millo naceu ben porque había humidade na terra e houbo temperatura e saíu todo moi ben, que outros anos ao mellor xa tes máis problemas iniciais dese tipo, así que as fincas están bonitas, pero desde este momento a recollelo a colleita depende aínda moito nas condicións climatolóxicas. Neste momento as fincas polo de agora non necesitan auga, pero se en 8-10 días non chove nesta zona pérdese moi rápido a humidade porque os solos son franco-areosos e se nesta zona non chove a partir de agora penalizan sempre as parcelas máis secas”, di.

Houbo sementeiras con nascencia moi rápida pero como logo invernou o millo tivo un parón que lle veu ben para profundizar a raíz

Por iso, Jorge pensa que a baixada de temperatura mesmo puido ter un efecto beneficioso nesta zona. “Como logo invernou o millo tivo un parón que lle veu ben para profundizar a raíz. Había sementeiras con nascencia moi rápida e que medraba moi rápido e é importante tamén este pequeno parón para iso, sobre todo naquelas parcelas máis lixeiras”, explica.

Aira aposta por empregar herbicidas residuais de preemerxencia se as condicións o permiten, e este ano foron favorables para iso, porque a efectividade é maior se chove no momento de botar o herbicida, xa que deste xeito introdúcese na terra e dura máis o seu efecto. “Esas semanas que choveu estivémolo aplicando, polo que os tratamentos funcionaron ben e só tivemos que entrar unha vez nas fincas”, conta.

Nós o que facemos é sementar e agardar un impás de 10 días antes de aplicar o herbicida, así dámoslle tempo a saír ao millo para que cubra antes a terra e non ter que repasar

“Nós o que facemos é sementar o millo e agardar 10 días a que saia para aplicar logo o herbicida, porque este tipo de tratamentos de preemerxencia poden aplicarse até que o millo ten 5 follas. O herbicida ten un efecto residual que dura entre 5 e 6 semanas e nelas o millo ten que cubrir a terra para que non saia herba. Así que o que facemos ao retrasar eses 10 días a súa aplicación é tamén alongar o seu efecto para que nesas 5 ou 6 semanas de duración o millo cubra e así non temos que repasar”, indica. “Tamén tivemos algún problema puntual de rosquilla, pero estivemos atentos e fomos solucionando”, engade.

“Se non hai un control efectivo do xabarín agora no verán vai haber un problema grave cando veña a espiga”

Peche eléctrico nunha finca de millo para evitar a entrada do xabarín

Peche eléctrico nunha finca de millo para evitar a entrada do xabarín

“O problema máis grave nesta campaña é o ataque do xabarín, hai bastante superficie afectada con danos puntuais, un montón de fincas tocadas, e tivemos que facer resementeira en 20 hectáreas, neses casos fincas completas, e a maiores repasar algún cacho dalgunha parcela ou fincas con danos que quedaron así por non andar pisando”, relata José Portela os destrozos provocados nos concellos de Ribadeo, Barreiros ou Trabada na Mariña e de Tapia, Castropol ou El Franco na zona asturiana.

“Nós tamén tivemos que resementar algunha parcela, por ataques do xabarín e de corvo tamén. Probamos un tratamento novo que vén substituíndo ao Mesurol, que se chama Korex, e en principio vai ben, é certo que houbo máis incidencia que con Mesurol pero con paxaro funciona ben e con xabarín tocan igual as fincas pero abandona porque non lle gusta”, conta pola súa banda Jorge Meiriño.

Probamos un tratamento novo que vén substituíndo ao Mesurol que funciona ben cos corvos pero que con xabarín hai máis incidencia

“O xabarín por pouco que afecte sempre dá perdas e nada que che garantiza que non poida volver. A nós este ano de momento afectounos a 2 hectáreas, que en 700 que botamos non foi moito, pero hai outros casos nesta zona nos que lles levantou 10% das fincas”, describe Adrián Cundíns.

“É unha praga que non tes moito con que combater e vai a máis, se non hai un control efectivo agora no verán vai haber un problema grave cando veña a espiga, xa veñen hoxe fozar ao rego en zonas que hai xuncia para canto máis cando haxa graos de millo”, conclúe Portela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información