Créase un grupo de traballo para avaliar os efectos da seca nos custos de produción

Unións Agrarias demanda apoios para impulsar seguros colectivos nos viñedos das denominacións de orixe galegas, pois comarcas como a do Ribeiro xa se viu afectada este ano polo pedrazo

Créase un grupo de traballo para avaliar os efectos da seca nos custos de produción

Tal e como pactara a Consellería do Medio Rural co sector, esta mañá constituíuse en Santiago un grupo de traballo para facer seguemento dos efectos que está causando a seca nos custos de produción do agro en Galicia. O impacto déixase notar en cuestións como o prezo das forraxes, pois un camión de palla está a día de hoxe a 2.600 euros, cando hai uns meses rondaba os 1.200 euros, compara Unións Agrarias. “Con portes, pódese chegar ós 4.000 euros nunha granxa galega”, advirte Unións.

O novo grupo de traballo está integrado pola propia Xunta, polas organizacións agrarias clásicas (Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga Galicia), pola Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) e polo Consello das IXPs de Vacún de Galicia. Trala reunión, a Xunta emitiu un comunicado sinalando que houbo consenso en emprazar de novo ó Ministerio de Agricultura a aumentar as axudas pola seca para Galicia.

Desde Unións Agrarias, pola súa banda, emitiron outro comunicado no que sinalan que lle demandaron á Xunta a convocatoria de axudas complementarias ás do Ministerio. Esta organización agraria pediu tamén un maior apoio ós seguros agrarios, que gañan importancia para cubrir as perdas das explotacións ante fenómenos meteorolóxicos extremos.

Unións propón que a Xunta eleve o apoio á contratación de seguros, pois na actualidade os contratantes dun seguro agrario teñen un apoio do 50% do custo (36% a cargo do Ministerio e 14% a cargo da Xunta). A organización agraria lembra que a normativa europea permite apoios de ata o 70%.

Entre os sectores para os que se considera de especial interese a contratación de seguros, Unións subliña o vitivinícola, pois de novo este ano houbo xa episodios de pedrazo nalgunhas denominacións de orixe, como o Ribeiro ou a Ribeira Sacra. A organización agraria é tamén partidaria de que se habilite unha fórmula para posibilitar a contratación colectiva de seguros a través de organizacións de produtores ou de organizacións agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información