O Consello de Ministros modificou na súa reunión deste mércores varios Reais Decretos que afectan ao sector agrogandeiro, entre eles diversos aspectos da aplicación en España da Política Agrícola Común, así como a ratificación do aprazamento ao mes de setembro de 2024 da entrada en vigor do Caderno Dixital.
Xusto un ano despois da súa publicación no BOE, o Goberno decide modificar estas normativas “en base á experiencia adquirida no primeiro ano de vixencia da nova PAC” co obxectivo de “facilitar unha mellor comprensión e achegar seguridade xurídica aos agricultores e gandeiros”, asegura en nota de prensa o departamento que dirixe Luis Planas.
Unha das principais novidades é a relativa aos controis por parte da Administración, xa que se anuncian “controis in situ de cálculo de animais en axudas relacionadas coa actividade de pastoreo”, tanto en explotacións que solicitaran o ecorrexime de pastoreo extensivo como nas que pediran a axuda agroambiental de fomento de pastos.
Prevense novos métodos de control das prácticas ligadas a pastos para aqueles titulares que non manteñan un Caderno Dixital de explotación
Con este incremento de inspeccións, o Goberno pretende fomentar a adopción voluntaria do Caderno Dixital por parte das ganderías extensivas, xa que, avanza o Ministerio, “prevense novos métodos de control das prácticas ligadas a pastos para aqueles titulares que non manteñan un Caderno Dixital de explotación”.
Explotacións de vacún de carne rexistradas en distintos sistemas produtivos
O resto de cambios na PAC, aclara o Ministerio, son “de índole técnica”, como axustes na práctica de rotación de cultivos con especies mellorantes para explotacións de menos de 10 hectáreas. No caso das axudas asociadas a vacún de carne, introdúcese unha excepción para explotacións que conten con varias unidades de produción rexistradas en distintos sistemas produtivos (por exemplo vacas de cría e cebadero), xa que se esixía a cualificación da explotación como extensiva para a cobranza de axudas asociadas á produción de carne.
Tamén se clarifica a redacción dos artigos relativos á condición de agricultor activo e limítanse os arrendamentos de dereitos sen terra. Establécese ademais preferencia de acceso á Reserva Nacional ás cooperativas de explotación comunitaria da terra e recóllese esta particularidade tamén para o pago do complemento a mozos.
En viñedo, finalmente permitirase a labra na dirección da máxima pendente da leira en plantacións que fosen realizadas antes da entrada en vigor da nova PAC o 1 de xaneiro de 2023 pero non en novas plantacións.
Confírmanse os prazos de entrada en vigor do Caderno Dixital, a partir do 1 de setembro de 2024
A falta da súa publicación no BOE nos próximos días, o Goberno mantén os prazos de entrada en vigor do Caderno Dixital a partir do 1 de setembro de 2024, segundo o tamaño da explotación e as demais condicións establecidas nunha Nota Aclaratoria publicada o pasado mes de agosto.
Así, a entrada en vigor do Caderno Dixital de explotación levarase a cabo o 1 de setembro de 2024 para as explotacións que traballen máis de 30 hectáreas de terras de cultivo e un ano máis tarde (1 de setembro de 2025) para o resto.
As explotacións máis pequenas (as que contan cunha superficie igual ou menor a 5 hectáreas, sempre que a superficie de regadío non supere unha hectárea), así como aquelas explotacións que unicamente dispoñan de pastos nos que non se realicen aplicacións de fertilizantes, quedan exentas do seu uso obrigatorio.