Tres semanas despois de que os tractores tomaran a cidade de Lugo en defensa dun prezo para a carne de Suprema que cubra os custos de produción e dun reparto “xusto” dos fondos da PAC, os gandeiros volverán este xoves a sacar os tractores á rúa para facer oir o seu descontento coa actitude da Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, que non adoptaron ningunha das medidas que piden os produtores.
Os produtores de Suprema quéixanse de non ter neste momento “nin prezo nin PAC” por un reparto das axudas para o novo período que “marxina” aos gandeiros de carne en extensivo. “A axuda asociada por vaca nodriza permanece conxelada desde o anterior período, do ano 2014, en 85€ cando a de vacas de leite se incrementou até os 158€”, comparan.
A axuda por vaca nodriza a partir de agora só poderán cobrala as vacas que saian ao pasto dentro de explotacións calificadas como extensivas
Pero ademais, para cobrala esíxese que a explotación estea declarada como “extensiva”, o que poría en perigo o seu cobro por parte de ganderías que realizan un manexo tradicional, no que os becerros quedan na casa e as nais van e veñen todos os días ao pasto, un sistema habitual en áreas do interior da provincia de Lugo con fincas pequenas e dispersas, onde conviven explotacións de orientación cárnica con outras de leite, e en zonas de montaña onde a presenza do lobo impide ter os becerros fóra en parcelas alonxadas.
“Fixeron as normas pero nin eles mesmos saben as consecuencias desas normas nin como levalas á práctica. Isto significa un recorte encuberto en toda regra, porque póñenche condicións imposibles de cumprir por moitas explotacións”, denuncia Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que lanza acusacións contra os sindicatos agrarios: “As Administracións negociaron a PAC de tapadillo cos sindicatos e agora os gandeiros estamos atados de pes e mans e non temos posibilidade algunha de modificación”, afirma.
Modelo de declaración responsable xunto coa solicitude única
Un dos problemas detectados á hora de acceder a determinadas axudas da PAC nesta campaña é o feito de que están condicionadas a unha determinada tipoloxía de explotación, regulada polo Real Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas, aprobado no mes de decembro. Pasa tanto nas axudas directas do primeiro pilar como nas agroambientais do segundo.
Por exemplo, para poder cobrar as axudas asociadas a vacún de carne e engorde de tenreiros na explotación de nacemento as explotacións terán que estar encadradas como extensivas ou tamén como semiextensivas se teñen entregas de leite. É dicir, a axuda por vaca nodriza a partir de agora só poderán cobrala as vacas que saian ao pasto dentro de explotacións calificadas como extensivas.
A Xunta habilitou un modelo de declaración responsable asinado polas ganderías no momento de presentar a solicitude da PAC para corrixir erros na tipoloxía das explotacións
A Xunta incluíu nesta campaña no apartado das declaracións á hora de facer as solicitudes da PAC unha específica para marcar que tipo de explotación é a que ten cada beneficiario. Con iso farase a modificación no REGA sen necesidade de facer outra solicitude nin pagar taxas, aínda que despois comprobarase por parte da Xunta se esa información é correcta ou non e “en caso de non ser correcta reclamaranse os cartos cobrados indebidamente”, advertiu recentemente Celso Sevillano, responsable do servizo de axudas gandeiras da PAC no FOGGA.
As explotacións bovinas de produción e reprodución en base a pasto clasifícanse como explotacións extensivas, semiextensivas e non extensivas.
- Explotacións extensivas: explotacións nas que os animais non están aloxados dentro dunha instalación de forma permanente, e, para a súa alimentación, utilizan a maior parte do tempo unha base territorial con aproveitamento de pasto ou recursos agroforestais, complementando o pastoreo con achegas de materias primas vexetais ou pensos, en función das condicións climáticas e a dispoñibilidade de pastos.
- Explotacións semiextensivas: explotacións que non podendo considerarse extensivas, dispoñen dunha base territorial á súa disposición cuxo aproveitamento se realiza con base en pastoreo e onde os animais realizan esta actividade un número significativo de horas a determinar pola autoridade competente da comunidade autónoma conforme á práctica habitual nos distintos territorios que a integran.
- Explotacións non extensivas: o resto das explotacións que non se poidan clasificar como extensivas ou semiextensivas.
Pero a ambigüidade da norma estatal nas definicións establecidas no seu artigo 3.3 deixa lugar á interpretación, a falta dunha concreción da Xunta por medio de lexislación propia de carácter autonómico ou dun criterio único establecido polo servizo de Gandaría, responsable da xestión do Rexistro de Explotacións.
Fertilización exclusivamente orgánica
Outro dos cambios importantes na nova PAC que “prexudica” ás explotacións de vacún de carne galegas son os compromisos establecidos para o cobro da axuda agroambiental para fomento de pastos. Un dos requisitos para poder pedir esta axuda, de 110€/ha, é o de realizar unha fertilización exclusivamente orgánica, o que impediría ás ganderías que a queiran solicitar realizar abonado químico, por exemplo na primavera, con miras a realizar un corte para ensilado.
“Non entendo como desde a PAC se fomenta o empobrecemento do chan e a perda de produción forraxeira. Se tes as vacas fóra non tes purín ou esterco co que abonar, polo que é necesario recurrir a abono químico. Por un lado din que priman a extensificación e sen embargo castigannos con isto”, critica Santiago Rego.
Non entendo como desde a PAC se fomenta o empobrecemento do chan e a perda de produción forraxeira
A imposibilidade de acollerse á nova axuda agroambiental de fomento de pastos está a provocar unha importante perda de ingresos por parte das explotacións de vacún de carne, dado que este compromiso de fertilización exclusivamente orgánica non se esixía na axuda de xestión sustentable de pastos do anterior período, á que estaban acollidas a maioría de explotacións de carne, cunha prima de 120€/ha.
Avalancha de peticións de mastíns e colares GPS
Outra das novidades deste ano é a nova axuda complementaria por convivencia con grandes carnívoros, de 75€/ha, á que non poden acceder os produtores de ecolóxico nin aquelas ganderías en convencional que non estean encadradas no mapa de zonas con presenza de lobos.
É un recorte encuberto, porque póñenche unhas condicións imposibles de cumprir para moitas explotacións
Para poder cobrala esíxese dispor de cando menos dous cans de garda (mastíns ou cans de palleiro) ou ter xeolocalizados o 20% dos animais da explotación antes do vindeiro 15 de xuño, cando remata o prazo de modificación das solicitudes únicas da PAC, o que está a provocar unha auténtica avalancha de peticións tanto de cans como de colares GPS.
O FOGGA admite retrasos na campaña da PAC deste ano
A tres semanas de que finalice o prazo de presentación de solicitudes, no FOGGA, o organismo público dependente da Xunta encargado da xestión e pago dos fondos da PAC en Galicia, admiten o “retraso” na campaña deste ano, mentres nas entidades colaboradoras falan de “caos” e de descoñecemento das novas esixencias por parte dos gandeiros. “Hai moi poucas solicitudes finalizadas e rexistradas neste momento, tan só as máis sinxelas”, admiten uns e outros.
Fixeron as normas pero nin eles mesmos saben as consecuencias desas normas nin como levalas á práctica
No caso das ganderías de leite, os novos ecorreximes vinculados á rotación de cultivos nas terras do millo estarían xerando dúbidas entre as explotacións en relación ás prácticas esixidas e retrasando a presentación das solicitudes únicas, mentres que no caso das ganderías de carne as dificultades xiran arredor da axuda agroambiental de pastos e o encadre das granxas nas distintas tipoloxías de explotacións.
Os produtores de Suprema volven sacar este xoves os seus tractores en Lugo: “Non temos nin prezo nin PAC”
Este xoves hai nova manifestación dos produtores de vacún de carne en Lugo. Os gandeiros de Suprema manifestaranse de novo polas rúas de Lugo ao cumprirse tres semanas de protestas sen que a Xunta e o Ministerio atenderan as súas reivindicacións de suba dos xatos e melloras da Política Agraria Común para o actual período.
O percorrido dos manifestantes a pé sairá de diante da Xunta ás 13:00 horas para facer unha parada diante da Subdelegación do Goberno e voltar ao edificio administrativo da Xunta na Ronda. Os tractores partirán, ao igual que na ocasión anterior, do polígono industrial das Gándaras, ás 12:30 horas, para percorrer a continuación as principais rúas da cidade até acabar diante do edificio da Xunta de Galicia na Ronda da Muralla.
Goberno e Xunta están a demostrar que teñen pouca empatía cun sector que está demandando cambios
A protesta está convocada pola asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que reúne a 400 produtores de carne de vacún amparaba pola IXP Ternera Gallega Suprema, e que acusa a ambas administracións de “non facer nada” ante a “situación desesperada” dos produtores. “Os uns e os outros dannos a razón pero non fan nada, así que queremos convidalos formalmente se queren vir á manifestación, como fixeron da outra vez, para ver se teñen algo que dicir publicamente aos gandeiros que alí nos xuntemos”, explica Santiago Rego, presidente da asociación.
“A suba dos xatos foi toda para as fábricas de penso”
O prezo medio de venda dos becerros marcados co selo de Suprema subiu case un euro en quilo no último ano, de 4,80€ aos 5,70€ actuais. Sen embargo, afirma Santiago, “esa subida non foi para nós, na práctica foi toda para as fábricas de penso”.
Hai un ano pagabamos a tonelada de penso a 300 euros e agora a 500, e a de palla pasou de 80€ a 125
“Un xato de Suprema está estipulado que come entre 800 e 1.000 kilos de concentrado e antes pagabamos a tonelada de penso a 300 euros cando agora a estamos pagando a 500, aí van os 200 euros de diferenza que vale hoxe máis un xato que o ano pasado. Desa pequena suba non quedou nada nas explotacións”, argumenta.
A suba dos custos de produción fai que os produtores estean hoxe “igual ou peor” que cando decidiron bloquear os matadoiros coincidindo coa folga do transporte da primavera pasada. Calculan os seus custos de produción en 7€/kg cando o prezo de venda dos xatos sitúase máis dun euro en quilo por debaixo.
A Administración autonómica pode sacar unha liña de axudas directas propia, as que deu ata agora viñan de Europa ou do Ministerio
Por iso, din, son necesarias axudas directas ao sector como as que se habilitaron o ano pasado a raíz da guerra de Ucraína ou fai dous anos con motivo da covid-19. “A Xunta pode sacar unha liña de axudas directas propia porque até agora non puxo un peso, as que deu proviñan da UE e do Ministerio”, afirman desde a asociación que reúne aos produtores de Suprema, que ven ao conselleiro José González “enrocado”.
Tamén se mostran críticos os membros da asociación co destino do millón e medio de euros aportados pola Xunta para a campaña de publicidade para fomentar o consumo de carne de Suprema. “Ao vender a perdas para un gandeiro vender máis significa endebedarse máis. Esa campaña a quen axuda é á industria e á distribución, que son os claros beneficiados desta situación”, di Santiago Rego.