A dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galicia, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla acusa ás industrias lácteas de estar “enriquecéndose unha vez máis a costa dos produtores“. “Resulta absolutamente inaceptable e intolerable unha nova baixada de prezos, como pretenden levar a cabo de xeito premeditado e coordinado todas as empresas que compran leite en Galicia”, denuncia.
Agromuralla considera que “non existen razóns obxectivas de ningún tipo para unha nova baixada de prezo do leite en orixe máis aló da intención das industrias e as cadeas de distribución de facer caixa a costa de estrangular aos gandeiros”. Agromuralla lembra que “España é un país deficitario en produción de leite” que se ve obrigado a mercar “máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume”, polo que “o prezo debería reflectir esa realidade”.
Caída dun 30% do prezo do leite desde decembro
O día 31 de xullo vencen a maioría de contratos de compra de leite en Galicia e as ofertas de renovación das distintas empresas inclúen baixadas de entre 3 e 5 céntimos para os vindeiros meses. Trátase do terceiro descenso no que vai de ano, no que o prezo do leite pagado ás granxas caeu entre 15 e 20 céntimos, o que supón un descenso do 30% desde o mes de decembro, lembra Agromuralla.
“Nos supermercados o prezo do leite segue custando o mesmo, polo que as industrias e cadeas de distribución están aumentando as súas marxes a base de afogar aos que producimos o leite. É algo que debe saber o consumidor”, insiste Agromuralla. É previsible, en calquera caso, unha próxima baixada de prezos do leite no supermercado, en vista do movemento das industrias.
Desde Agromuralla lembran tamén que “os insumos que temos que adquirir as granxas non baixaron na mesma proporción que o está a facer o produto que vendemos”.
As granxas, sen capacidade real de negociación
A asociación de gandeiros denuncia ademais que os produtores seguen sen ter “capacidade real de negociación” e que os instrumentos legais establecidos ao respecto estanse a demostrar “inservibles na práctica”. Neste sentido, lanzan duras críticas tanto á Xunta como ao Goberno central por “abandonar aos gandeiros á súa sorte de cara á inminente renovación de contratos”.
“A Xunta segue sen facer público un índice oficial de custos de produción que sirva para retirar as axudas públicas a aquelas industrias que paguen por baixo dese prezo, e xa non só iso, senón que modificou a normativa para permitir que industrias que incumpran coa lexislación vixente, poidan percibir axudas públicas, situándose deste xeito a carón das industrias incumpridoras e non dos gandeiros; mentres a AICA, dependente do Ministerio, mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas e contratos aos gandeiros, en vez de actuar de oficio, como sería a súa obriga”, denuncia Agromuralla.