“Estamos aburridos da burocracia, nos despachos descoñecen o que é o agro”

Agromuralla manifestouse esta mañá na Coruña, nunha marcha que rematou cunha concentración ante a Delegación do Goberno. Demandan un cambio das políticas europeas e que se anule ou modifique a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible

“Estamos aburridos da burocracia, nos despachos descoñecen o que é o agro”

Manifestación convocada por Agromuralla esta mañá na Coruña.

As protestas do agro que se viviron en Europa nas últimas semanas mantéñense activas a nivel de Galicia e do resto de España. No caso galego, tralas tractoradas da pasada semana en Lugo e Ourense, a asociación Agromuralla desprazouse hoxe á Coruña para protagonizar unha manifestación a pé polas rúas da cidade ata a Delegación do Goberno.

O colectivo pide un xiro radical nas políticas dirixidas ó agro. “Ténsenos que ter en conta á hora de facer as normativas porque nos despachos vemos que hai un absoluto desprezo e descoñecemento do agro” -opina o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez-. “Estamos aburridos de burocracia, para unha explotación pequena é inasumible cumprir con todos os requerimentos de burocracia e con todas as esixencias das novas normativas”, advirte.

“A sociedade tense que preguntar por que cada vez pechan máis explotacións agrarias e quedan menos. Se algunha persoa nova se quere incorporar, atópase con zancadillas por tódolos lados”, cuestiona Pérez.

A suba de custos foi outra das queixas do sector.

A suba de custos foi outra das queixas do sector.

O presidente de Agromuralla pronúnciase contra novas normativas, como a de xurros, a do veterinario de explotación ou a de benestar animal.

Pérez pide ademais a derogación ou modificación da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible. “Non estamos en contra do medioambiente, somos conscientes de problemas como o cambio climático e somos os primeiros que estamos dispostos a traballar para mellorar as cousas, pero as normativas téñense que facer sentándose con nós”, defende.

“Hai que dicir que xa basta e que as Administracións corrixan os erros. Os gandeiros e agricultores somos esenciais, somos os mesmos que alimentamos á poboación durante o coronavirus e somos os que coidamos a terra. Bótasennos culpas que non temos”, critica Pérez.

Un dos carteis que exhibiron os gandeiros na protesta de Agromuralla.

Un dos carteis que exhibiron os gandeiros na protesta de Agromuralla.

Convocatoria das organizacións agrarias
Para mañá venres está previsto que as organizacións agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga) detallen a mobilización que teñen convocada para o próximo martes 20. As tres organizacións anunciaran xa hai semanas que aprazaban a protesta ata que pasaran as eleccións, para evitar que a mobilización se instrumentalizase ou se puidese ver como unha protesta con tintes políticos.

Diferente é a opinión de Agromuralla, que hoxe se desprazou á Coruña para concentrarse ante a Delegación do Goberno: “Non entendemos por que non nos podemos manifestar antes das eleccións. En Europa e en España xa levan semanas de protestas. Serán os sindicatos os que teñan que explicar por que non se manifestan”, cuestiona Pérez.

Para esta tarde, espérase que Agromuralla continúe con accións de protesta ‘sorpresa’.

Cabecera da protesta.

Cabecera da protesta.

Un dos carteis que se exhibiron na mobilización.

Un dos carteis que se exhibiron na mobilización.

Actualización
En paralelo ás protestas de Agromuralla na Coruña e comarca, desenvolveuse en Madrid unha reunión entre o ministro Luis Planas e as organizacións agrarias Asaja, Coag e Upa, que acordaron un primeiro paquete de medidas para simplificar a PAC e as normativas asociadas, así como para aumentar os controis da cadea alimentaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información