Agromuralla anuncia unha manifestación a pé na Coruña para mañá, xoves 15

A asociación desmárcase así das protestas unitarias convocadas polas organizacións agrarias en toda a Cornisa Cantábrica para o martes 20, tralas eleccións galegas

Agromuralla anuncia unha manifestación a pé na Coruña para mañá, xoves 15

Tractores de gandeiros de Agromuralla participaron na tractorada da pasada semana en Lugo. / Arquivo.

A asociación Agromuralla vén de anunciar esta mañá unha manifestación na Coruña para mañá, xoves 15, a partir das 12 horas. A mobilización dirixarase a pé desde o Coliseum (12 horas) ata a delegación do Goberno, onde se lerá un manifesto. Para as 16.30 h. anúnciase outro acto de mobilización, sen concretar.

O obxectivo da manifestación, din, é manter viva a chama das tractoradas das últimas semanas en España, con mobilizacións no caso galego en Lugo e Ourense. Con esta convocatoria, Agromuralla desmárcase da protesta unitaria convocada polas organizacións agrarias da Cornisa Cantábrica para o martes 20 de marzo, tralas eleccións galegas.

As organizacións agrarias Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga preferiron agardar ó remate da campaña electoral, para evitar unha posible instrumentalización da protesta, pero por parte de Agromuralla non o ven así.

En nota de prensa remitida ós medios, o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, considera “insuficientes” os compromisos acadados por parte dos Gobernos das distintas Administracións para facer fronte á “situación de emerxencia que vive todo o sector primario”, polo que fai un chamamento a “manter a presión” para que as reivindicacións dos produtores sexan “escoitadas e atendidas”.

A asociación enfoca as súas reivindicacións pola derogación da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible, en liña coas demandas da polémica plataforma 6F.

“Un dos motivos da protesta é solicitar a retirada da Axenda 2030, aprobada polo Goberno español en sintonía coa Estratexia da Granxa á Mesa da UE, pois afoga a agricultura e a gandería con imposicións imposibles de cumprir, como a nova normativa de xurros”, sinalan en nota de prensa.

En liñas xerais, Agromuralla pide a redución da burocracia, a reforma e simplificación da PAC, a modificación das normativas ambientais e un prezo xusto polos produtos en orixe.

O acto está convocado por Agromuralla, pero o colectivo sinala que está prevista a participación de distintos colectivos e asociacións de produtores chegados desde distintos puntos de Galicia, en representación de sectores como o do leite, o da carne, o ovino, o porcino, a produción hortícola ou a pesca.

Na súa nota de prensa, Agromuralla fai un “chamamento expreso” á participación das organizacións agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información