“Vivo mellor ca se fose funcionaria; ogallá me tivera decidido antes a traballar na gandería”

Falamos con tres mulleres que desenvolven a súa labor en explotacións lácteas para coñecer como é o seu día a día e os avances que se teñen producido nas granxas no eido da igualdade e o recoñecemento do traballo feminino


A semana pasada, na que se celebraba o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Río de Galicia, marca pertencente ao Grupo Lence, celebraba a segunda edición do seu programa Gandeiras con Actitude Río, na que xuntou a unha vintena de mulleres pertencentes a distintas ganderías galegas provedoras da empresa láctea lucense.

Entre as asistentes a estas xornadas, que buscan contribuír ao empoderamento feminino e a que vaian gañando espazos de responsabilidade e decisión nas ganderías, había mulleres de distintas idades e procedentes de distintos tipos de explotacións, pero todas comparten un sentimento común: “somos imprescindibles nas explotacións”, aseguran.

Falamos con tres delas, Quiara Pardiñas, socia de SAT O Palomar (Láncara); Julia Fernández, titular dunha gandería no Corgo; e Maite Vázquez, traballadora de SAT San Antonio (Palas de Rei). As tres están orgullosas de traballar no rural e valoran a independencia e a liberdade que lles aporta.

Motivación e autoestima

É a segunda edición deste programa de apoio ás mulleres que traballan nas explotacións lácteas galegas e que terá continuidade, segundo avanzan desde Río de Galicia. Ademais do seu carácter formativo, esta iniciativa pretende ser un lugar de intercambio de experiencias e de relación entre mulleres gandeiras. 

Gandeiras con Actitude Río pretende contribuír deste xeito á valorización do traballo feminino no agro, un traballo sempre presente pero moitas veces silenciado. Esa realidade, sen embargo, agora está cambiando, como explica Cristina Dopico, responsable do Departamento de Campo da empresa lucense.

Recollemos leite en 350 explotacións de toda Galicia e poido dicir que no 100% delas traballa unha muller

“Recollemos leite en 350 explotacións de toda Galicia e poido dicir que no 100% delas traballa unha muller, xa sexa directa ou indirectamente. A súa labor é esencial e queremos axudarlles a que adquiran ferramentas útiles no seu día a día, contribuíndo á súa autoestima, á súa motivación e ao seu crecemento persoal”, indica.

A posta en marcha deste programa é unha mostra, di, do compromiso do Grupo Lence coa igualdade. “A igualdade é un feito moi notorio na propia empresa, onde moitos dos departamentos clave están dirixidos por mulleres”, salienta.

Grupo Lence Gandeiras con Actitude Rio3Quiara Pardiñas, socia de SAT O Palomar (Láncara)

“Para min cambiarme para o rural foron todo vantaxes; estou moi contenta de terme ido para a gandería”

Hai 4 anos que Quiara cambiou a profesión para a que estudara, perruqueira, pola gandería. Incorporouse á explotación na que o seu home, Odón, tomara o relevo dos seus pais, SAT O Palomar, de Láncara.  

 “Traballaba en Lugo de perruqueira pero cando me quedei embarazada decidimos que o mellor era que eu me fose traballar tamén á granxa, e a verdade é que estou moi contenta, non me arrepinto para nada desa decisión”, di.

Eu non tiña nada que ver co campo, nin sequera vivía no rural, só ía as fins de semana cando ía ver á miña avoa

Quiara non se criara no rural pero hoxe non o cambiaría por ningunha cidade. “Eu non tiña nada que ver co campo, nin sequera vivía no rural, só ía as fins de semana cando ía ver á miña avoa, pero para min o de cambiarme para o rural foron todo vantaxes. Estou moi contenta de terme ido para a gandería, porque teño outra independencia e poido criar ao meu fillo nun ambiente totalmente san”, afirma.

O día a día de Quiara comeza deixando ao seu fillo Antón no colexio. Despois vai para a granxa, onde se ocupa de atender aos animais que están na enfermería. “Miro temperaturas e vexo se hai que poñer calcio, vitaminas ou algún outro tratamento. Levo ese control a primeira hora e despois ocúpome da parte administrativa. Esa parte non me gusta tanto como tratar cos animais, pero a día de hoxe as ganderías temos que botar moitas horas co papeleo”, quéixase.

A día de hoxe a muller ten un papel moi importante nas ganderías, somos imprescindibles e estamos logrando que nos valoren

Quiara considera que a día de hoxe “a muller ten un papel moi importante nas ganderías, penso que somos imprescindibles e estamos logrando que nos valoren como ten que ser, igual que a un home. Na nosa granxa sempre se contou moito coas nosas opinións, tanto a miña como a da miña sogra; sinceiramente creo que mandamos máis ca os homes a día de hoxe”, asegura.

Por iso, di, “paréceme moi interesante que se organicen xornadas coma esta por parte da empresa que nos recolle o leite, onde se recoñece o papel tan importante que realizamos as mulleres nas ganderías”. Quiara é das gandeiras máis novas nestas xornadas de formación e faino co ánimo de “desconectar un pouco da rutina e aprender” porque, di, “sempre se aprende algo das demais e da súa experiencia”.

Grupo Lence Gandeiras con Actitude Rio4Julia Fernández, titular dunha explotación no Corgo

“Hai mulleres que se defenden tan ben coma os homes e explotacións que quedaron nas mans de mulleres e van para arriba”

Julia Fernández leva toda a vida traballando na explotación familiar, ubicada no Corgo, pero as vacas non estiveron nunca ao seu nome, ata fai un ano, cando o seu home, Fermín, se tivo que xubilar por enfermidade. “Tivo un brote de artrite e a explotación pasou ao meu nome”, explica Julia.

A súa situación era a habitual hai 30 anos en Galicia, unha realidade que está a mudar hoxe co avance da cotitularidade nas explotacións. “Os meus pais tiñan vacas de carne na casa, pero cando nos casamos decidimos pasarnos ao leite; xa levamos máis de 30 anos producindo leite”, conta.

Julia é hoxe a titular da explotación familiar despois da xubilación hai un ano do seu marido por enfermidade

Julia destaca as posibilidades de conciliación que ofrece o traballo agrario. “Eu criei aos meus fillos e coidei aos meus pais e á miña avoa. Atendía a casa e axudaba na gandería. Sempre levamos ben o traballo entre os dous”, di, aínda que ás veces sexa difícil atender a todo: “igual che é hora de recoller aos nenos ou de facer a comida e hai un parto, hai días complicados”, recoñece.

Foi o propio Fermín o que a animou a apuntarse á segunda edición das xornadas Gandeiras con Actitude Río, que buscan incrementar a autoestima feminina no sector. “Hai mulleres que se defenden tan ben coma os homes e hai ganderías que quedaron nas mans das mulleres e van arriba igual, eu non vexo que un home teña máis importancia que unha muller nunha explotación”, afirma Julia.

Nunha explotación hai que traballar, é certo, pero podes obter unha rendibilidade coma en calquera outro sector

Para continuar producindo leite nos vindeiros anos e poder adaptarse ás actuais normativas, a súa granxa necesitaría de novas instalacións, recoñece, pero ao non ter o relevo asegurado prefiren non facer eses investimentos. “Temos dous fillos, pero teñen outros traballos. Eu estaría encantada de que algún continuara pero debe ser unha decisión deles. E é certo que as vacas hai que muxilas todos os días, é máis suxeito que outros traballos, pero podes obter uns ingresos igual que en calquera outro sector. Eu nunca tiven falta de nada, o que moitas veces teño é falta de tempo para ir gastar algo, iso si”, bromea.  

Grupo Lence Gandeiras con Actitude Rio5Maite Vázquez, traballadora de SAT San Antonio (Palas de Rei)

“Libro unha semana completa ao mes; teño unhas condicións laborais que moitos envexan”

Maite Vázquez vivía no rural pero nunca traballara na gandería ata hai dous anos, os que leva como empregada en SAT San Antonio, de Vilar de Donas, en Palas de Rei. “Entereime de que buscaban xente, fun alí, probei e estou encantada”, di.

Ela atopou no sector agrogandeiro unha saída laboral. “Para min é un traballo coma outro calquera. Son do rural pero non tiña ningunha experiencia nisto, porque non tiñamos vacas na casa. Ogallá me tivera decidido antes a traballar no sector”, afirma.

A labor de Maite céntrase en muxir. “Vou polas mañás, lévanos arredor de tres horas, e cando acabamos marcho para a casa e despois volvo outra vez á hora de muxir pola tarde”, explica. Comparativamente con outros empregos que tivo antes, di, “foi unha mágoa que isto non se me tivera ocorrido antes, porque tes unha independencia e un horario que non tes en ningún outro traballo”, destaca.

Teño un horario que che dá unha liberdade total á hora de poder facer outras cousas

“Traballamos tres semanas, cun fin de semana polo medio, e despois libramos unha semana completa ao mes, con fin de semana incluído. Para min o horario está moi ben, porque unha semana de vacacións ao mes non a tes en ningún outro traballo, iso dache unha liberdade total á hora de poder facer cousas. A verdade é que realmente hoxe teño unha vida moi privilexiada e unhas condicións laborais que moitas persoas do meu entorno envexan; vivo mellor ca un funcionario”, recalca.  

A falta de man de obra é un dos problemas máis acuciantes das explotacións a día de hoxe. Sen embargo, Maite non entende como a xente non quere traballar nunha granxa: “É un traballo no que non colles pesos, non é un traballo canso, e pasas frío ou calor coma noutro traballo calquera. As vacas dan olor si, e acabas de traballar e teste que duchar, pero igual que se traballaras nunha peixería”, argumenta.

Somos tres mulleres na explotación e o ambiente de traballo cos nosos compañeiros é moi bo

SAT San Antonio está formada por 5 socios, entre as que está tamén Pili, que acompañou a Maite ás xornadas organizadas por Río de Galicia. “Animámonos a vir as dúas e merece a pena, porque as ferramentas persoais que adquires neste tipo de cursos ábreche outras expectativas para o futuro en moitos ámbitos da vida. É interesante que outras mulleres veñan e as adquiran tamén”, di.  

O ambiente de traballo na explotación é algo que tamén quere destacar Maite. “Somos tres mulleres, Pili, Ana e máis eu, e a relación cos nosos compañeiros é moi boa; eu estou como se estivera na miña casa”, salienta.

Reportaxe elaborada coa colaboración comercial do Grupo Lence

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información