“Animo ás mulleres a quedar na gandería e no rural, pódese vivir como noutro sitio”

Trinidad Castro, de Gandería Gaela (Castro de Rei), é unha muller que leva traballando toda a vida na súa granxa. Falamos con ela sobre a situación do sector e a falta de relevo xeracional en Galicia

Trinidad Castro é unha muller que leva traballando toda a vida na súa explotación familiar, Gandería Gaela, que se localiza no municipio lucense de Castro de Rei e actualmente conta con 360 animais aproximadamente, dos cales entre 170 e 180 están en muxido. Como empresaria, comparte con nós as súas preocupacións sobre a inestabilidade dos prezos do leite e a ameaza constante da súa baixada, e como gandeira, conta a falta de relevo xeracional á que se enfronta o sector gandeiro en Galicia. 

A produtora fai fincapé no avance do abandono do rural e insiste en que “no rural vívese como en calquera outro sitio, todo vai avanzando, e non é como fai 30 anos ou máis, que era bastante difícil vivir, sobre todo para unha muller. En definitiva, animaría á xente a que se quedara no rural”.

Dos comezos a hoxe

Os pais de Trinidad eran tamén gandeiros pero contaban cun número moi reducido de animais, “contaban con 7 ou 8 vacas”, e ela decidiuse a quedar cas vacas “un pouco á aventura”, comenta. A partir dese momento, ela e o seu home quedaron en Castro de Rei e pouco a pouco foron facendo “a primeira cuadra, que é agora na que temos a recría, e fomos aumentando ata chegar ao que temos hoxe, a base de traballar, poucos días libres, e poucas vacacións ou case ningunha”, comenta Trinidad mentres sorrí.

A primeira cuadra, onde se localiza a recría de Ganadería Gaela, e ao fondo a granxa de vacún de leite. / Fonte: Campo Galego

A primeira cuadra, onde se localiza a recría de Ganadería Gaela, e ao fondo a granxa de vacún de leite. / Fonte: Campo Galego

Desde aquel momento ata hoxe en día, “cambiaron moito as cousas e houbo moitos avances no rural. A situación naqueles comezos non era fácil, e especialmente para as mulleres era bastante difícil. Sen embargo, hoxe, pódese vivir coma en calquera outro sitio, e máis cos cambios que se ven, por iso animaría á xente a quedarse aquí”, insiste.

Situación actual: dificultades presentes e futuras

Nestes momentos, Gandería Gaela conta cuns 360 animais en total, dos que entre 170 e 180 están en muxido e o resto son vacas secas e recría, que fan eles mesmos.

A explotación dispón de carro de alimentación tanto para vacas secas como para recría e animais en muxido, se ben xovencas e vacas secas complementan a súa alimentación cos pastos.

“Na nosa granxa só está estabulado o gando de leite, o resto sae fóra”, detalla a gandeira. En Gaela fan dous muxidos diarios e “en calidades do leite, estamos en torno a un 4 ou algo máis de materia graxa e un 3,50 de proteína”, afirma.

Entre ela e a súa parella manexan “entre 70 e 80 hectáreas de terreo, onde rotamos entre millo e herba a partes iguais. A pesar da extensión, o traballo facemos o máis posible na explotación, debido aos gastos que xera a contratación de man de obra externa; tan só tiramos man de servizos externos para a recollida do millo ou da herba en campaña”, apunta Trinidad Castro.

Nesta granxa de Castro de Rei, ao igual que noutras granxas familiares “tes o teu horario e organízaste un pouco ao teu xeito, pero iso temos que combinalo con outras labores e mesmo coa crianza dos fillos. Por exemplo, cando alguén se pon malo e se ten que ir ao hospital, ou eu ou o meu home ten que quedar a cargo de todo o traballo da explotación, ata que a outra persoa se poida incorporar de novo; é un traballo no que case non hai vacacións”, comenta.

A esixencia do sector lácteo en canto a condicións laborais non deixa de ser algo “no que aínda queda camiño por andar”, afirma a gandeira. Outro apartado que sinala como dificultoso é a adaptación ao novo período da PAC, “do cal non temos moita información ata o de agora, pero que sabemos que nos vai afectar tanto polas limitacións dos fitosanitarios, os cambios de cultivo, a xestión de puríns, etc.”, cuestiona.

“O relevo xeneracional está comprometido porque todo o mundo escapa dos problemas. Cada vez poñen as cousas máis complicadas”

Trinidad Castro apunta á normativa como unha carga que se vai endurecendo a cada paso, o que supón unha dificultade a maiores para garantir a continuidade de moitas granxas familiares. “Cada vez nos poñen as cousas máis complicadas entón o relevo xeracional está comprometido porque todo o mundo se escapa dos problemas. É máis fácil traballar para outra empresa e non ter que estar lidiando continuamente con provedores de pensos, abonos, etc., ademais de estar pendente de todas as necesidades administrativas e de xestión de trámites”, recalca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información