Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG esta fin de semana en Chantada

O XVIII Encontro reunirá case un cento de labregas este sábado 2 e domingo 3 no Espazo Vilaseco de Chantada. Nesta cita homenaxearase a Lola Ferreiro, farase un intercambio de sementes, unha cata de queixos, ou unha visita a proxectos vitivinícolas, entre outras actividades

Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG esta fin de semana en Chantada

Imaxe de arquivo dun Encontro de Mulleres do SLG. / Fonte: Imaxe de arquivo

Esta fin de semana terá lugar o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). Trátase dunha edición que pon o colofón aos 20 anos de encontros dende o primeiro celebrado en Allariz no ano 2004. Nesta ocasión, terá lugar no Espazo Vilaseco, en Chantada.

A xuntanza dará comezo ás 12:00h da mañá do sábado 2 de marzo coa benvida da Secretaria Xeral do SLG-CCLL, a gandeira e produtora de fabas de Lourenzá Isabel Seivane, e da concelleira de igualdade de Chantada, Pamela Fernández, e rematará na tarde do domingo 3 de marzo, coa visita a proxectos vitivinícolas de mulleres labregas da comarca.

“Para nós, os encontro anuais da Secretaría das Mulleres son moi importantes. Xuntámonos para analizar, debater, dar e obter información e sacar liñas de traballo, pero tamén para compartir e colectivizar. Este ano case un centro de labregas de todo o país, pero tamén doutras xeografías, traballaremos e celebraremos este aniversario tan especial. Son xa 20 anos de encontros, 20 anos da man ”, sinala a responsable da Secretaría dende o ano 2012, María Ferreiro.

Durante esta edición “tamén presentaremos o documental ‘Labregas, espazos de venda’ (2023), realizado polo Sindicato Labrego Galego para dar a coñecer a realidade das mulleres labregas que fan venda directa no segundo lugar máis visitado de Santiago de Compostela: a Praza de Abastos; e a publicación ‘A fala da terra. Labregas’ (2023), unha compilación de testemuñas de mulleres labregas da provincia de Pontevedra tamén publicada polo SLG”, sinalan desde o Sindicato. 

Do mesmo xeito, “o sábado pola tarde degustaremos unha cata de produtos da Queixería Airas Monis a cargo de Ana Vázquez, intercambiaremos sementes e pola noite danzaremos ao ritmo das pandereteiras Bouba, entre outras actividades. Ademais, o domingo pola tarde visitaremos as adegas Amedo, na comarca de Chantada”, amplían.

Asemade, no Espazo Vilaseco estará instalada unha exposición fotográfica de Espadela Coop Arabías con 58 retratos de mulleres realizados pola fotógrafa e xornalista Charo Lopes; a exposición fotográfica do SLG-CCLL ‘Vinte anos da man’, sobre os encontros e actividades realizadas pola Secretaría das Mulleres ao longo destas dúas décadas, e tamén un espazo de conciliación para que as mulleres que participen no Encontro podan acudir cas súas fillas e fillos se así o desexan.

Secretaría das Mulleres 

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego nace entre finais dos anos 80 e comezos dos 90, principalmente con loitas polos dereitos de mulleres labregas como profesionais, concretamente o dereito a cotizar e o seu dereito a ser donas-titulares das súas granxas.

Nesta etapa algunhas mulleres organizadas no Sindicato comezan a decatarse de que certas leis e situacións que vivimos non son iguais e non nos afectan do mesmo xeito a homes e mulleres. Comezan a poñer esta realidade enriba da mesa e tamén a falalo dentro da organización, dentro do SLG.

“Os actuais eixos de traballo son o referido ao eido profesional; á autoestima, vencer os medos e saber que o que nos pasa de xeito individual pásanos a todas e polo tanto é colectivo; organización e participación e violencia machista. Canda estas temáticas, os encontros anuais permítennos abordar tamén cuestións máis diversas, como a formación en feminismos, a defensa dos servizos públicos no rural ou a concienciación sobre a violencia obstétrica e educativa, entre outras moitas”, avanzan desde a agrupación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información