Vantaxes e inconvenientes do laboreo en viñedo

Resumo do relatorio de Xosé Carballido Presas, técnico da Consellería de Medio Rural, no “Curso de Aptitude Empresarial Agraria – Vitivinicultura. Técnicas de cultivo”, organizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA)

Publicidade
Vantaxes e inconvenientes do laboreo en viñedo

Exemplo de viña con laboreo no Ribeiro. Autor: Viña Costeira

As técnicas de mantemento físico do solo en viñedo son o conxunto de operacións coa finalidade de crear e manter un medio favorable para a medra e actividade das raíces da cepa e facilitar as operacións de cultivo.

Existen distintas alternativas de mantemento: solo espido (libre de vexetación durante todo o ciclo anual, mediante laboreo ou uso de herbicidas), cuberta vexetal temporal (vexetación espontánea ou sementada en outono/inverno) ou cuberta vexetal permanente (vexetación espontánea ou sementada todo o ano).

Teñen como obxectivos básicos :

– Mellorar a estrutura e a súa estabilidade

– Estabelecer un bo equilibrio entre os estados físico, químico e biolóxico do solo que permita un óptimo desenvolvemento radicular

– Facilitar o manexo do cultivo

– Permitir o máximo potencial de absorción de auga e elementos nutritivos dispoñíbeis no solo

– Suprimir ou limitar a vexetación adventicia, e a súa competencia en auga e nutrientes

– Manter a capa superficial nun estado físico adecuado para facilitar os cambios entre a atmosfera e o solo

– Facilitar as operacións culturais da plantación (rego, fertilización, circulación, etc).

O laboreo

Unha das técnicas máis utilizadas en Galicia para o mantemento físico do solo en viñedo é o laboreo. Poden utilizarse distintas técnicas para a eliminación da flora adventicia ou “malas herbas”: enterramento (vertedoira), arrinque (cultivador), fraccionamento (fresadora) ou mesmo a cava manual.

 “O laboreo non é recomendábel en plantacións novas de menos de 4-5 anos nin en parcelas con máis do 10% de pendente”

Certamente, a técnica máis estendida é o emprego do motocultor ou o fresado con tractor. O seu obxectivo é mellorar as propiedades do solo (físicas, químicas e biolóxicas), desenvolver a plantación e controlar as malas herbas e os parásitos.

Sen embargo, o laboreo ten unhas limitacións. Así, pode non ser recomendábel en plantacións novas de menos de 4-5 anos, xa que o sistema radicular aínda non está suficientemente desenvolvido en profundidade

Tampouco se deben facer laboreo en parcelas con pendente superior ao 10% e plantadas no sentido desta, xa que aumentaría notablemente a erosión e o arrastre.

Cales son as vantaxes do laboreo?

– Permite a osixenación dos horizontes superiores

– Acelera a meteorización da materia orgánica

– Mellora a estrutura do perfil superior

– Rompe a costra superficial e favorece a infiltración de auga

– Facilita a incorporación de fertilizantes e emendas

– Non contamina

– Boa estética

– Favorece o desenvolvemento en profundidade do sistema radicular

– Permite un control temporal das malas herbas

– Elimina toupeiras e roedores que danan as raíces

Inconvenientes:

Porén, a técnica do laboreo ten una serie de inconvenientes que debemos ter en conta:

– Mutilación do sistema radicular superficial

– Risco de feridas no tronco e mesmo desarraigo das cepas

– O control de malas herbas é temporal

– Facilita a xerminación de malas herbas por afloramento de sementes

– Dispersión de malas herbas vivaces por multiplicación e transporte

– Obriga a aportes regulares de materia orgánica (por acelerar a mineralización)

– Degradación da estrutura debido á formación de costra de labor

– Formación de charcos e lama por baixa infiltración da sola de labor

– Favorece a erosión ao disgregar as partículas de solo

– Riscos déficit hídrico ao non aproveitarse as chuvias de baixa contía

– Difícil acceso á parcela en períodos chuviosos

Xosé Carballido Presas

Técnico facultativo da Consellería do Medio Rural. Enxeñeiro técnico en: Explotacións Agropecuarias, Hortofruticultura e Xardinería e Máster en Viticultura e Enoloxía

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información