Retos do sector vitícola para adaptarse ás esixencias do Pacto Verde da UE

O II Congreso de Viticultura sustentable abordou nunha mesa redonda os retos que fixan desde Europa para o sector

Publicidade

Rias Baixas viñedos mar‘Pacto Verde Europeo: os retos dunha nova viticultura’ foi o título dunha das mesas redondas que se trataron no II Congreso de Viticultura que se celebrou en Ourense. A mesa redonda estivo coordinada polo xerente da Plataforma Tecnológica del Vino (PTV), Mario de la Fuente. A mesma integrárona: Juan Manuel Casares, presidente da CRDO Ribeiro; Juan Carlos Vázquez, vicepresidente da DO Rías Baixas; Jonatas Gago, presidente da DO Monterrei; Adelino Pérez, presidente do CRDO Bierzo; Antonio Lombardía, presidente da DO Ribeira Sacra, e Francisco García, responsable de Agricultura Sustentable en Sygenta Iberia.

Obxectivos da UE, alcanzables ou imposibles?

Os relatores coincidiron en que os obxectivos se poden alcanzar, pero o problema está na flexibilidade. Primeiro, destacaron en que non todos os territorios son iguais, e puxeron de exemplo de Galicia, “onde temos unhas condicións que non se dan noutras partes do territorio”. Outro problema céntrase na flexibilidade para cumprir cos obxectivos. “Hai que fixarse en que os viticultores roldan, en moitos casos, os 60 anos, e non teñen as facilidades tecnolóxicas para xestionar os cadernos de campo e todos os documentos que se requiren”, indicou Adelino. Pola súa banda, o representante da DO do Bierzo pregúntase como cumprir con todo o fixado nun período tan curto. “O cambio climático xa se nota, pero necesitamos apoio da administración. Parece que só pedimos axuda, pero neste caso é case máis importante a flexibilización para adaptar a normativa, como a axuda económica, que tamén é relevante”, puntualizou Pérez.

Casares puxo o foco en tres factores que son clave para lograr os obxectivos. O primeiro é o home, “que foi implementando prácticas ao longo do tempo”. O segundo é o territorio sobre o que operamos, “que ten unhas características concretas”. Por último, a contorna, “é dicir as propias plantas e as súas variedades”. “Este trío, ser humano-territorio-ambiente, é o que ten a solución”, subliñou.

Innovación e información

A aposta pola innovación e a información debe ser clave. Os relatores coincidiron en que se debe dar apoio ás entidades para que avancen en técnicas que faciliten os traballos dos viticultores. “A innovación é clave para chegar aos obxectivos, actualmente xa se están creando variedades máis resistentes e rendibles, que pronto se aprobarán na UE. Pero para chegar a conseguir máis innovación é necesario apoio económico”.

Participantes da mesa redonda sobre o Pacto Verde Europeo

Participantes da mesa redonda sobre o Pacto Verde Europeo

Desde Syngenta, García expuxo diferentes proxectos que están a levar a cabo para mellorar os traballos e cumprir coas normativas. “A agricultura de precisión vai ter un papel relevante no futuro para cumprir cos obxectivos que fixa o Pacto Verde. Está a crearse tecnoloxía que axudará, ademais, a facer a viticultura máis rendible”. Así, puxo como exemplos trampas dixitais de captura masiva ou ferramentas para a aplicación de produtos fitosanitarios.

En canto á información, Lombardía recalcou que o viticultor pasa moito tempo informándose antes de realizar un tratamento. “Estamos constantemente utilizando a tecnoloxía para coñecer e cumprir as normativas”. Ademais, lembrou que é importante que a información sexa accesible para os produtores e que teñan marxe para cumprila. Pola súa banda, Gago incidiu en que desde as DO deben ter clara a información para poder trasladala aos viticultores.

Relevo xeracional

Outra das cuestións que saíu na mesa redonda foi a remuda xeracional. Os relatores coincidiron en que a situación actual non anima á mocidade a quedar no campo, “pero debemos convencelos de que hai futuro e calidade de vida no rural”. Nese sentido, Casares, incidiu en que “debemos romper cos clichés e tópicos que hai sobre o rural”.

Gago apuntou que en Monterrei, no presente curso académico, instauraron un ciclo medio de Aceites de oliva e viño no IES García Barbón de Verín (Ourense). Trátase dun ciclo de FP Dual, por tanto, o alumnado estudará á vez que realiza prácticas en empresas da zona. “Isto logrouse grazas ao apoio das adegas”, destacou e engadiu que é un avance importante, xa que nas adegas demandan man de obra cualificada “e o alumnado que traballe con elas durante os estudos terá a posibilidade de quedar”. Recalcou que haxa este tipo de formacións facilitará a substitución xeracional.

Como conclusión, os relatores destacaron que a formación orientada cara ao sector vitivinícola, e en xeral o sector primario, ofrece máis posibilidades aos mozos para que queiran quedar no rural e traballar nel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información