Claves para controlar o verme que arrasa as leiras de millo

O Mythimna unipuncta ou verme soldado arrasou este ano leiras de millo en Galicia, algo inusual até agora nesta praga procedente de Estados Unidos. Analizamos con dous técnicos as claves para controlalo

Leiras de millo totalmente defoliadas e nas que só queda o cañoto das plantas. Este é a paisaxe desoladora que tiveron que comtemplar este ano agricultores e gandeiros en Galicia. O causante é o Mythimna unipuncta ou verme soldado, unha eiruga procedente de Estados Unidos e que na actualidade expandiuse practicamente a todos os continentes. Até agora os seus danos eran limitados en pradarías e nalgún rodal de millo, pero a primavera seca e con temperaturas altas deste ano adiantou o seu ciclo unhas semanas de forma que a última xeración de orugas de finais de xullo e comezos de agosto coincidiu co millo aínda coas follas tenras, o que multiplicou os danos. As leiras nas que o millo se sementou máis tarde e nas que había presenza de herba -especialmente gramíneas- foron as máis afectadas.

Para coñecer máis sobre esta praga, e como controlala, falamos con dous enxeñeiros agrónomos Pablo Amado e Adrián Cundíns.

De que se alimenta esta praga?

O verme soldado (Mythimna unipuncta) comeza o seu ciclo sobre pasteiros de gramíneas adventicias (setaria, panico, digitaría) , e posteriormente móvense aos cultivos como millo, trigo, cebada, sorgo, avea, pero tamén tomate, leituga ou pemento. Mythimna unipuncta provoca danos significativos nas plantas, deixando só a nervadura central da folla. Adoita comezar a comer da folla máis vella á máis nova, coméndose as follas máis novas até o final. Usualmente aliméntase pola noite e polo día permanece enterrada na raíz da planta.

Cal é o seu ciclo?

fases verme soldado millo

O verme soldado pasa o inverno como crisálida ou larva enterrada na terra, en función da temperatura de cada zona. O voo de adulto iníciase en maio, coa xeración procedente da invernación, e finaliza en outubro. Estes aliméntanse de pole e néctar das flores. Tras a reprodución a femia realiza a posta no envés das follas, ou na zona de inserción da folla co talo, en grupos de até 100 ovos que cobre con escamas do seu propio abdome. Cada femia pode pór entre 500-1500 ovos no seu ciclo. A duración media da vida dos adultos é de entre 9 e 10 días para femias e machos.

As larvas localízanse polo día na base das plantas e pola noite aliméntanse das follas, completando o seu ciclo en 25-30 días, tras pasar por 5-6 estadios larvarios. Finalmente pasa a forma de crisálida, normalmente no chan no interior dunha capsula terrosa. As xeracións -normalmente 3- teñen unha media de vida de entre 30 e 50 días, en función da temperatura, e sucédense até o mes de setembro cando, coas temperaturas frías, volve invernar, completándose así o ciclo de vida desta especie.

Como se combate?

Como paso previo recoméndase a instalación de trampas de feromonas nos bordes das leiras de millo para determinar o momento óptimo de tratamento. Está sintetizada e comercialízase a feromona para Mythimna unipuncta . As trampas serven para capturar adultos e son indispensables para determinar o momento exacto no que iniciar os tratamentos.

En cultivos cabe vixiar desde mediados de xuño a finais de agosto, onde os maiores danos veñen dados pola descendencia do segundo voo, é dicir pola terceira xeración de eirugas, a máis numerosa.

-Inimigos naturais do verme soldado:

Os escaravellos son os seus inimigos naturais (carábidos), por tanto todo o que sexa promover este tipo de fauna a través da colocación de caixas de insectos ou outras medidas será beneficioso para controlar o verme soldado.

-Control biolóxico:

Bacillus thuringiensis (aizawai e kurstaki) dá bo resultado cando as eirugas son pequenas, pero a frecuencia de tratamentos é maior que no resto, repetíndose a aplicación cada semana aproximadamente. É un insecticida autorizado en agricultura ecolóxica e pódese aplicar en calquera cultivo.

-Control químico:

A loita química, que se deberá realizar a última hora da tarde, só é interesante en función da importancia dos danos e por cuestións de rendibilidade. É imprescindible levar a cabo os tratamentos coas eirugas nos seus primeiros estadios, cando son máis sensibles, e tratar de facelo principalmente con produtos naturais para non eliminar a fauna auxiliar.

Cando o millo xa está alto é difícil o tratamento, limitándose ás zonas de bordos das leiras. En caso de utilizarse canón este soamente fará chegar o produto ás partes altas da planta, o que limita tamén a súa eficacia.

-Medidas culturais:

Esta é unha de mais medidas preventivas máis eficaces e fáciles de aplicar. É necesario manter os bordos da leira de millo e a propia plantación o máis limpa posible de herbas, especialmente de gramíneas adventicias (setaria, panico, digitaría), xa que son importantes reservorios da praga.

Outra medida cultural é remover a terra nos meses de xaneiro ou febreiro -por exemplo para sementar un ano verde como guisantes ou plantar cereal- xa que desta forma exponse ao frío e morren as crisálidas que están ivernando.

Merece a pena tratar agora con insecticidas?

“Estamos ao final do ciclo desta praga polo que os danos nestes días van ir moi a menos. Por tanto, non sería rendible realizar un tratamento con produtos químicos no millo”, asegura Pablo Amado.

Ensilar ou non as leiras defoliadas?

verme millo 3

Cada leira de millo é un caso particular, pero se o millo aínda non está cumprido non sería recomendable adiantar o seu ensilado, pois os danos a partir de agora deberían reducirse notablemente.

Onde tamén vai haber un dano elevado vai ser na calidade do silo de millo, xa que nas leiras co millo máis afectado, esta forraxe soamente achegará fibra, moi pouca proteína e case nada de almidón. En caso de decidir ensilalas, recoméndase mesturar ben esta forraxe co doutras leiras aptas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información