O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha reunión co seu homólogo de Castilla y León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, para crear unha fronte común de ambas comunidades no sector forestal. Cuestionan os criterios de xestión do Ministerio de Transición Ecolóxica, con polémicas como a do lobo, e acúsano de estar á marxe dos intereses das persoas que viven nos territorios rurais
A Consellería do Medio Rural vén de manter unha reunión estratéxica co conselleiro de Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, co que abordou a posta en marcha dunha fronte común para abordar a nivel estatal cuestións clave do sector a nivel forestal. Participaron tamén no encontro, por parte galega, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.
O encontro abordou a necesidade dun cambio na xestión do territorio, unha idea que se quere trasladar nun futuro Congreso de Xestión Forestal e Silvicultura, a celebrar en Galicia, onde se convidará “a todas aquelas administracións que, como a nosa, lle dean a importancia que merece ó sector forestal”, avanzou González.
Créditos de carbono
Neste contexto, José González reafirmou a defensa que fai a Xunta dos sistemas voluntarios de créditos de carbono, como vía fundamental para mitigar o cambio climático e tamén como forma de asegurar o futuro sustentable deste eido produtivo. González engadiu que ambas comunidades están disconformes coa norma estatal que restrinxe as superficies inscritas nos mercados de carbono voluntario ás zonas incendiadas (ou ós montes que estean desarborados desde o 1989), xa que se considera que isto pode ter un “efecto chamada” ao lume.
Galicia e Castilla y León avogan por un cambio do sistema de créditos de carbono. Por iso Galicia está a traballar nun rexistro propio de créditos de carbono, cunha normativa que permita tamén ter en conta o carbono adicional capturado por masas sometidas a unha xestión silvícola, un aspecto sobre o que se están facendo estudos. A loita contra os incendios forestais foi outra das cuestións abordadas no encontro.
Xestión do lobo
Por parte da Junta de Castilla y León, Suárez-Quiñones criticou a xestión do lobo do Ministerio de Transición Ecolóxica, pois a protección total da especie -sinalou- vai en prexuicio de comunidades como Galicia e Castilla.
A respecto de todas estas cuestións, José González recomendoulle ó Ministerio de Transición Ecolóxica que “é bo preguntarlle a quen está no territorio como se sente e como cre que se deben facer as cousas”.