Os solos galegos, o gran almacén de carbono da Península

A cuantificación do CO2 acumulado nos chans agrícolas é o primeiro paso para a súa comercialización. O Ministerio inicia un mostreo por comunidades con 16.000 análises de terra para determinar o punto de partida actual e valorar o resultado das medidas aplicadas na PAC

Publicidade
Concentración de carbono orgánico no chan nos solos agrícolas españoles

Concentración de carbono orgánico no chan nos solos agrícolas españois

Galicia, e en xeral a cornixa cantábrica, acumula nos seus solos a principal reserva de carbono orgánico en España. Pero, cantas toneladas de CO2 hai almacenadas neste momento e cal é o potencial de incremento aplicando prácticas de agricultura e gandería rexenerativas?

O Ministerio de Agricultura fixo unha primeira estimación dos stocks actuais de carbono nos solos españoles con carácter previo á aprobación do Plan Estratéxico da PAC en base aos datos recollidos polo INIA en 2015, pero ten en marcha neste momento un mostreo moito máis amplo, en 16.000 parcelas de toda España, para coñecer de forma exhaustiva cales son os niveis de materia orgánica que presentan os solos agrarios e que marxe de mellora existe coa aplicación das medidas favorecedoras establecidas nos ecorreximes da PAC. 

O Ministerio de Agricultura levará a cabo un mostreo en 16.000 parcelas de toda España para determinar os stocks actuais de carbono no solo e a súa evolución

Estas 16.000 parcelas testigo serán analizadas cada dous anos para ter datos de evolución e seguemento. A primeira fase remata en marzo deste ano. O obxectivo é avaliar se as novas prácticas agrícolas e gandeiras contribúen a mellorar o contido en carbono dos solos, a reducir a erosión e a mellorar a súa fertilidade e capacidade de retención de auga. Esta mostraxe determinará tamén a capacidade de secuestro de CO2 en función do tipo de solo e as prácticas agrogandeiras implementadas para establecer as bases do futuro sistema de certificación de créditos no que traballa a Comisión Europea.

A Comisión Europea está traballando nun sistema estandarizado para a toda a UE para a medición e comercialización do carbono orgánico do solo

Desde Bruxelas estase a avanzar nun sistema estandarizado para toda a UE de medición e comercialización do carbono contido nos solos agrarios, pero está por ver se o cómputo ten en conta só o CO2 retido no chan ou a totalidade de medidas postas en marcha pola explotación (enerxías renovables, dietas do gando, etc) para reducir a súa pegada de CO2.

“O contido en carbono nos solos en España é o máis baixo de Europa”

Materia orgánica do solo nas terras de cultivo da UE

Materia orgánica do solo nas terras de cultivo da UE

“O contido en carbono nos chans en España é o máis baixo de Europa”, recoñece o Ministerio de Agricultura. A cuantificación do contido de carbono orgánico no solo por países, realizada pola UE en 2015, sería para España de 944 mega toneladas, fronte ás 2.178 de Francia, por exemplo. No total da UE os chans agrarios albergarían 14.065 mega toneladas.

Estímase que ao redor do 75% de todas as terras de cultivo da UE están por baixo do 2% de carbono orgánico

En canto ao contido orgánico para cada categoría de uso da terra, os pasteiros rexistraron o maior contido de carbono orgánico da UE-27, con 9.019 mega toneladas; seguidos das terras de cultivo, con 4.393,2 mega toneladas; mentres que os cultivos permanentes tiveron o menor valor, con 652,3 mega toneladas. O predominio dos pasteiros en termos de contido de carbono orgánico en comparación con outros usos do chan obsérvase xeralmente en todos os Estados membros.

En comparación co resto de Estados membros, España presenta unha media de carbono orgánico no chan por baixo de moitos outros países da UE

Se atendemos aos datos do contido medio de carbono orgánico en g/kg, o valor medio para a UE é de 43,1 g/kg, pero as diferenzas son grandes entre Estados membros: España, con 14,9 g/kg; Portugal, con 15,6 g/kg; Italia, con 18,6 g/kg; Francia, con 23,2 g/kg; fronte aos 82,4 g/kg en Irlanda.

carbono orgánico en los suelos de la UE por países

“España presenta o valor máis baixo, inferior tamén ao doutros países mediterráneos e que claramente compromete a nosa calidade do chan”, recoñece a documentación complementaria que acompaña o Plan Estratéxico da PAC en España.

Os chans de cultivo españois, fundamentalmente os da área mediterránea, teñen un baixo contido en materia orgánica

Dentro de España, as comunidades da cornixa cantábrica son as que presentan porcentaxes de materia orgánica no chan maiores: 7,64% de Galicia; 7,39% de Asturias ou 7,3% de Cantabria fronte ao 1,55% de Andalucía; ao 1,84% de Estremadura ou ao 2,41% de Cataluña.

Estímase que o contido medio de carbono orgánico do chan en España é de 58,65 t/ha (3% de contido de materia orgánica). Esta concentración varía ao longo da superficie española, situándose os chans con maiores niveis de carbono orgánico do solo no noroeste peninsular, concretamente en Galicia, con contidos que en ocasións puntuais chegan a 150 t C/ha e porcentaxes medias de materia orgánica de ata o 8%.

Dentro de España, as comunidades da cornixa cantábrica son as que presentan porcentaxes de materia orgánica no solo maiores

No caso contrario sitúanse a conca do Ebro ou comunidades autónomas como Andalucía, Castela-A Mancha, Castela e León, Murcia, Madrid ou Estremadura, as cales conteñen áreas con climas semiáridos.

Contenido de materia organica (%) por comunidades autonomas en 2005

Segundo o Informe do INIA Metais pesados, materia orgánica e outros parámetros da capa superficial dos chans agrícolas e de pastos da España peninsular, 26 provincias teñen unha porcentaxe de materia orgánica por baixo do 2%, polo que estarían en risco de perdas importantes na calidade dos seus solos.

“A teor dos datos achegados polos diferentes estudos analizados, é posible constatar que os chans de uso agrícola son os que máis cantidade de carbono orgánico perderon historicamente e os que, por tanto, posúen un gran potencial para secuestrar o carbono atmosférico”, aseguran os documentos de análise de situación incluídos nos ecorreximes da PAC.

Factores que inflúen na perda de carbono nos solos

A temperaturas altas a materia orgánica descomponse máis rapidamente, polo que os chans en climas máis cálidos tenden a conter menos materia orgánica. Os incrementos de temperatura xeran unha maior actividade microbiana co resultado dunha maior mineralización da materia orgánica e un maior desenvolvemento dalgúns procesos asociados, tal como a desnitrificación.

A actividade microbiana do chan normalmente responde de maneira exponencial á temperatura duplicando aproximadamente a actividade por cada 10 graos de incremento da temperatura. Este proceso verase incrementado co cambio climático.

Algúns factores que inflúen na perda de carbono nos chans son:

  • O aumento da velocidade de mineralización da materia orgánica do chan, que provoca a oxidación dos compostos carbonados e devolve CO2 á atmosfera, diminúe o carbono orgánico do chan. Esta taxa de mineralización, nas nosas condicións climáticas, estímase entre o 1 e o 3%, dependendo dos tipos de solo e manexo, da natureza dos cultivos, da intensidade da actividade biolóxica, do clima, do tipo de humus etc.
  • Prácticas inadecuadas como un mal laboreo aumentan a exposición da materia orgánica á descomposición microbiana na capa superior do chan, contribuíndo así a unha maior taxa de descomposición.
  • Os chans ben drenados xeralmente conteñen menos materia orgánica que os chans máis húmidos, onde hai menos osíxeno dispoñible para a súa descomposición.
  • Como consecuencia da erosión que afecta á capa superior do chan elimínanse os sedimentos enriquecidos en carbono orgánico.

Iniciativa 4 por mil

A iniciativa 4 por mil, lanzada na COP 21 de París, persegue un incremento dos niveis de carbono orgánico do chan como ferramenta de mitigación e adaptación ao cambio climático.

Pero a implantación de prácticas de manexo agrarias orientadas a incrementar a concentración do carbono orgánico no solo, non só ten un interese desde o punto de vista da mitigación do cambio climático, senón que ademais supón unha aposta pola mellora do resto das propiedades do chan, redundando de maneira positiva na súa calidade, potencial produtivo e na sustentabilidade dos ecosistemas agrarios.

Agricultura de conservación e gandería rexenerativa

Na coñecida como agricultura de conservación, o conxunto de prácticas agrícolas buscan reter e aumentar a cantidade de carbono orgánico presente no solo. Fundaméntase en tres piares básicos:

  • Mínima alteración mecánica do chan: no caso de cultivos anuais a sementeira realizarase a través da cobertura orgánica do chan, en cultivos perennes e en presembra dos anuais a herba manexarase mediante segas ou herbicidas.
  • Cobertura orgánica permanente do chan (un 30% como mínimo): con residuos de cultivos, cultivos de cobertura ou manexo da vexetación espontánea nos períodos intercultivos.
  • Programar rotacións ou diversificación de cultivos en cultivos anuais: mediante asociacións e secuencias de cultivos variadas que comprendan cultivos de familias botánicas diferentes.
  • A combinación destes tres principios achega beneficios ambientais cando se materializan nas dúas prácticas básicas deste tipo de agricultura: sementeira directa en cultivos herbáceos e as cubertas vexetais en cultivos leñosos.

En xeral, e coas lóxicas variacións en función do tipo de chan e as condicións locais, a sementeira directa e as cubertas vexetais poden reducir a erosión entre un 60 e un 90% respecto a calquera outro modelo agrícola que altere fisicamente o solo.

Os beneficios da sementeira directa

O manexo do chan mediante as técnicas de sementeira directa e cubertas vexetais pode contribuír por unha dobre vía a reducir os niveis de CO2 atmosférico: en primeiro lugar, pola redución no consumo de combustibles fósiles derivado dos menores requirimentos no uso dos tractores; por outra banda, os incrementos de materia orgánica e a acumulación de restos vexetais na superficie do chan constitúen un sumidoiro para fixar carbono en forma de restos orgánicos. A contía do carbono fixado no solo variará en función das condicións edafoclimáticas e do manexo dos cultivos.

A sementeira directa é capaz de fixar ata 0,85 toneladas máis de carbono por hectárea e ano que o laboreo convencional

Diversos estudos indican que a sementeira directa é capaz de fixar ata 0,85 toneladas máis de carbono por hectárea e ano que o laboreo convencional, e que as cubertas vexetais son capaces de fixar ata 1,54 toneladas máis de carbono por hectárea e ano que a labra convencional.

A redución ou supresión do laboreo e o reparto na superficie dos restos de herbas e cultivos propician unha nova dinámica da materia orgánica. En poucos anos, e en función da cantidade de residuos vexetais distribuídos, da textura do chan e das condicións climáticas, pódese alcanzar un novo equilibrio cun incremento substancial, respecto ao status inicial, do nivel de materia orgánica edáfica.

Dependencia do glifosato

En sementeira directa, a diferenza fundamental respecto á agricultura baseada no laboreo radica en que cando é necesario controlar a herba, xusto antes de sementar, recórrese á aplicación de herbicidas. Unha vez establecido o cultivo, o uso de fitosanitarios segue as mesmas pautas que un cultivo convencional.

A aprobación ou non do uso da única materia activa que actualmente se utiliza neste tipo de xestión do chan é un elemento que pode condicionar no futuro o desenvolvemento deste sistema de cultivo. A alternativa actual ao glifosato pasaría polo uso dun cóctel de materias activas. Pero o proceso de autorización de materias activas por parte da EFSA fai supoñer que nos próximos anos non haberá unha materia sustitutiva do glifosato.

Nestlé leva a cabo un proxecto piloto en España no que participa unha granxa galega

Juanjo Fraga, xunto á unidade de análise do solo que tomou mostras de carbono nas fincas de Gandería Barbeiro en Alfoz

Juanjo Fraga, xunto á unidade de análise do solo chegada desde Inglaterra que tomou mostras de carbono nas fincas de Gandería Barbeiro en Alfoz

Gandería Barbeiro decidiu nos últimos anos facer un cambio no xeito de traballar as súas terras, apostando pola agricultura de conservación, con menos laboreo e redución no uso de fertilizantes de síntese química.

Juanjo Fraga agarda ver resultados en pouco tempo, tanto a nivel de mellora produtiva como de aforro de insumos. Pero ao mesmo tempo, este cambio de modelo pode aportarlle ingresos extra, pola vía da retención de CO2 no chan.

Por un lado están os pagos dos ecorreximes da PAC que fomentan este tipo de prácticas (sementeira directa, rotación de cultivos con especies mellorantes, etc) e doutra banda as primas que a industria que lle recolle o leite, a multinacional suiza Nestlé, está comezando a aplicar nas súas granxas.

De feito, as dúas explotacións coas que conta Gandería Casa Barbeiro na Mariña, a de Arante (Ribadeo)  e a de Lagoa (Alfoz), forman parte dun programa piloto de Nestlé en España. Son as dúas únicas granxas incluídas nel en Galicia (en Asturias hai unha gandería en ecolóxico). A iniciativa, de carácter pioneiro, consiste en medir o carbono actual contido no solo e volver facelo dentro de 5 anos para comprobar o efecto das prácticas de manexo aplicadas.

Pasamos de arar a terra todos os anos a non levantar nunca a capa superficial para conservar o CO2 almacenado

O cambio principal que Juanjo está a acometer na súa explotación a nivel agrario é a eliminación do laboreo. “Antes arabamos a terra unha vez ao ano, para botar o millo, e a pradeira sementabámola con grada rápida; agora facémolo todo con sementeira directa”, conta.

Das 200 hectáreas de terras de cultivo que manexan, 170 xa foron labradas este ano con mínimo laboreo, mentres que as 30 restantes foron traballadas de xeito convencional en función das características das parcelas (superficie de monte transformada en terras de cultivo, por exemplo).

Entre o 2 e o 5% de materia orgánica

O contido actual en materia orgánica dos solos de Casa Barbeiro varía en función das fincas e o seu uso. No monte roturado este ano acadaron un 5,2% unha vez incorporada ao chan a biomasa. “Tiña moita broza e moita silveira e o que fixemos foi fresar todo e enterrar”, explica Juanjo.

No resto de parcelas as analíticas amosan porcentaxes máis baixas. Por exemplo: 2,4% nunha terra de cultivo de solo areoso ao lado do río ou 3,9% nunha finca en rotación que levaba anos a pradeira permanente.

Para manter niveis por enriba do 4% de materia orgánica nunha terra con cultivo intensivo hai que facer moi boas labores

“Para manter niveis por enriba do 4% nunha terra con cultivo intensivo hai que facer moi boas labores. Nós empregamos moito purín, que é algo que queda no chan e aumenta a materia orgánica, pero usando só abonos químicos esas porcentaxes baixan moito”, recoñece.

Juanjo agarda que en tres anos, co cambio nas prácticas culturais aplicadas na súa explotación (enterrado do xurro e sementeira directa) poidan comezar a verse os resultados. “En Italia con este mesmo sistema pasaron dun 1% de materia orgánica no chan a estar entre o 4 e o 5%”, explica.

En poucos anos este tipo de prácticas estarán instauradas en todas as granxas; tamén estaba lonxe o dos puríns e xa está aquí

Para determinar o punto de partida, até a Mariña desprazouse desde Inglaterra unha empresa especializada cos seus equipos, que permiten tomar, nunha serie de parcelas testemuña, unha mostra de terra a un metro de profundidade en tubos xeorreferenciados que gardan a localización exacta dos lugares de mostraxe para volver analizar dentro de 5 anos o solo nestes mesmos puntos e ver a diferenza.

Aínda que este tipo de iniciativas son polo de agora pouco habituais, Juanjo está convencido de que nos vindeiros anos serán prácticas comúns na maioría das explotacións. “Penso que en pouco tempo estarán instauradas en forma de normativa e nós queremos ir por diante. Tamén estaba lonxe o dos puríns e xa está aquí”, razoa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información