Está aberto o prazo para solicitar as axudas para a valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e para a dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega e do contract. O prazo das axudas está aberto dende hoxe ata o 9 de marzo e o prazo de xustificación será, para a anualidade do 2024, ata o 15 de outubro de 2024 inclusive, e para a anualidade do 2025 ata o 15 de abril de 2025.
Estas axudas contribúen á consolidación das pequenas e medianas empresas que conforman este sector, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental. Poderán beneficiarse destas axudas aquelas pequenas e medianas empresas, incluídas persoas autónomas, da industria forestal e do contract que utilicen madeira e os seus derivados (resina, cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios), como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Tamén poderán beneficiarse aquelas empresas que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.
Novidades da convocatoria
A diferencia das anteriores convocatorias, a de 2024 contempla actuacións relacionadas coa dixitalización, a apoiar proxectos de dixitalización das persoas beneficiarias dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto ou de xestión integral especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade, ate implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos. Neste sentido, fai referencia a sistemas de captura de datos, automatización ou supervisión remota, entre outros.
A liña de achegas vencellada coa ecoinnovación, dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida. Tamén ten como obxectivo impulsar aqueles proxectos ou solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais ou a introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.
Unha das liñas da subvención financia a compra de maquinaria vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario,
Así mesmo, establécense seis liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos. A primeira está centrada a cuestións vencelladas coa competitividade e valorización e subvencionará actuacións como a compra de maquinaria, as obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto da subvención, entre outros.
A liña número dous refírese ao mobiliario, o contract e construción. Financia tamén a compra de maquinaria, neste caso a vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e de elementos para a construción. A maiores subvencionará outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.
As certificacións, os ensaios e os informes son outra das liñas contempladas nesta convocatoria. Teñen como obxectivo a implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental.
No relativo á seguridade e saúde na contorna laboral, financiaranse servizos para a implantación e certificación do estándar en seguridade; para a creación, mellora e expansión de servizos de prevención mancomunados e medidas orientadas á minimización do risco de orixe e propagación de incendios, entre outros.