Experiencias de veterinarios e gandeiros coa EHE: “Somos conscientes de que esta enfermidade vai causar estragos”

As explotacións de vacún españolas tiveron que enfrontarse o ano pasado á aparición dunha enfermidade nova e descoñecida. Tres veterinarios de Lugo, A Coruña e Salamanca que tiveron que lidiar con ela explican como se comporta e as pautas para tratala

Emilio Buenadicha, Javier Sabín e José Taboada, xunto a Roberto López, portavoz de Agromuralla

Emilio Buenadicha, Javier Sabín e José Taboada, xunto a Roberto López, portavoz de Agromuralla

A enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) é a gran espada de Damocles sobre as cabezas de gando vacún das explotacións galegas para este 2024. Coa chegada da primavera e o aumento das temperaturas, os insectos culicoides que actúan de vectores do virus comezan a multiplicarse e con eles aumenta o risco de contaxio do gando.

Como cando foi da pandemia da covid-19 en humanos, o ano pasado déronse moitos paus de cego no tratamento dos animais afectados por EHE. Desa experiencia previa é necesario aprender para enfrontar a ameaza este ano.

Tres veterinarios que loitaron contra a enfermidade en Galicia e Castela e León no 2023 contaron nunha recente xornada organizada pola asociación Agromuralla algunhas das claves para entender como se comporta o virus e deron algúns consellos para enfrontar as súas consecuencias nas granxas tanto de leite como de carne.  

Emilio Buenadicha, veterinario clínico en Salamanca

“Non é certo que a EHE afecte só a animais inmunodeprimidos”

Emilio Buenadicha é veterinario clínico en Salamanca, onde a EHE tivo unha importante afectación o ano pasado. En Castela e León, ao igual que na veciña Estremadura, a maioría das ganderías son explotacións de carne que teñen as súas vacas en extensivo. “Cando vai moita calor, as vacas vanse ás zonas máis húmidas e sombrías, que é precisamente onde se atopa o insecto”, explica.

Estar desinfectando cando o gando está fóra non é unha labor doada e leva tempo, pero Emilio propono como unha primeira barreira de contención. “Os repelentes non son a panacea, pero algo axudan. Non é unha guerra perdida, pero incluso desinfectando moito, bañando ás vacas incluso a diario, en moitos casos non conseguimos frear a enfermidade e evitar que a EHE chegase a esa explotación”, relata.

O uso de repelentes non é a panacea, pero algo axuda

Outra das confusións existentes en relación á enfermidade é a que animais afecta. “Os animais máis débiles son máis propensos a sufrir casos clínicos como consecuencia da enfermidade, porque se o virus entra nunha vaca que xa está nun estado de carnes complicado vai ser máis difícil que saia adiante, porque vai estar un tempo sen comer, pero hai contaxios tamén en animais que están sans e fortes”, asegura Emilio.

“Nun primeiro momento o Ministerio a nós díxonos que a enfermidade ía afectar só a eses casos de animais inmunodeprimidos, pero non é certo, afecta a todo tipo de animais, aínda que un animal forte deféndese mellor e resiste mellor a enfermidade e moitas veces pásaa sen sintomatoloxía (casos subclínicos) ou con sintomatoloxía máis leve”, conta.

Non alongar o tratamento con antiinflamatorios

En base á súa experiencia no tratamento da EHE o ano pasado, o veterinario salmantino recomendou “poñer antiinflamatorios en canto vexamos os primeiros síntomas clínicos”, aínda que advertiu tamén sobre as consecuencias de estender eses tratamentos no tempo.

“Penso que é un problema, porque se unha vaca bota unha semana sen comer non sabemos se morren por non comer ou polo tratamento. Por iso o que nós empezamos a facer era se viamos que levaba 3 días sen comer deixabamos de pinchalas con antiinflamatorios e algunhas viamos que saían adiante, pero nos primeiros días si que os recomendo”, insiste.

Garantir que o animal enfermo coma e beba

Para Emilio, “é importante manterlles a comida e a inxesta de auga aos animais infectados”. “Se manteñen a rumia teñen menor problema para superar a enfermidade e tamén é vital que beban auga, que é case máis importante que a comida, porque se deshidratan moi rápido”, explica.

Vimos que os animais que eran capaces de beber e comer algo eran capaces de saír adiante; mentres que a vaca que se negaba era difícil recuperala, aínda que a sondaras

Para asegurarse de que comen e beben, recomendou en determinados casos separar os animais enfermos dos sans, para deste xeito telos máis vixiados e controlados. “Un dos problemas en réximes en extensivo que tiñamos nós era garantir que eses animais enfermos tiñan acceso á auga e estaban hidratados. Hai que vixiar aos animais infectados e unha das cousas que vimos que axuda bastante é o illamento dos animais positivos para facilitarlles o acceso á auga e á comida, porque os animais que eran capaces de beber e comer algo durante o proceso da enfermidade viamos que normalmente eran capaces de saír adiante, mentres que as vacas que se negaban a comer e beber era moi difícil recuperala, aínda que a sondaras”, aclara.

Consecuencias na fertilidade do rabaño

Máis alá de provocar caídas na produción e mesmo a morte ou danos irreversibles nos casos máis graves, unha das secuelas habituais da EHE dáse no ámbito reprodutivo. “Moitos gandeiros que pensaban que tiñan as vacas preñadas ven agora que saen en celo e moitos touros quedaron totalmente infértiles”, explica.

Moitos gandeiros que pensaban que tiñan as vacas preñadas ven agora que saen en celo

“No forte da enfermidade viamos abortos a término e tenreiros que nacían sen gañas de mamar. Agora estamos tendo problemas de malformacións en feto en vacas que estaban no último terzo da xestación”, detalla Emilio.

Preocupación polo serotipo 6, que circula por Marrocos

En comunidades como Estremadura ou Castela e León, moi afectadas polo serotipo 8 do virus, chegado dende Túnez no 2023, temen agora a entrada este ano do serotipo 6 procedente de Marrocos.

“Hai case tanta preocupación por iso como polo que tivemos o ano pasado. Porque compañeiros da zona de Cádiz, que xa tiveran algún caso o ano anterior, comentan que o segundo ano a afectación baixa moito. Pero se vén un serotipo novo o cadro clínico pode variar”, alerta este veterinario salmantino.

Javier Sabín, veterinario e gandeiro da Capela

“Houbo moitos máis casos dos declarados”

Javier Sabín é veterinario en A Capela, onde traballa sobre todo en granxas de carne. Ademais, el mesmo é gandeiro e sufriu no seu rabaño a enfermidade, que se cebou nesta zona de Ferrolterra, unha das máis afectadas de Galicia o ano pasado.

“Houbo moitos máis caos dos declarados. Moita xente non deu avisos por medo a peche e bloqueo das explotacións”, asegura Javier, que pide avanzar nun mapa epidemiolóxico para coñecer cal é a situación real da enfermidade en Galicia.

“Gustaríame que se fixeran máis sangrados para tranquilizar aos donos dos animais, porque nas zonas onde houbo casos o ano pasado a inmunidade seguramente será maior, porque boa parte dos animais estiveron en contacto co virus”, argumenta.  

Momento de estrés na granxa

Ademais de veterinario, Javier é tamén gandeiro e lembra como un momento de preocupación e incerteza a entrada da EHE na súa explotación e o incremento da carga de traballo que supón facer fronte á enfermidade.

“Teño vacas en extensivo en varios lotes e é un momento estresante porque tes que separar vacas; é un trastorno a nivel manexo”, asegura. Recomenda controlar ao día aos animais, ver que comen e beben e, se iso é así, “nunha semana por si sos superan a enfermidade”, di.

Nas explotacións que contan con sistemas de monitorización pode detectarse antes a EHE; vese unha caída de rumia antes de que aparezan os primeiros síntomas visibles na vaca

No seu rabaño conta con colares de monitorización do gando, o que permite unha detección precoz da enfermidade. Ista vantaxe, di, dáse sobre todo nas explotacións de leite, moito máis dixitalizadas polo xeral que as de carne.

“Nas granxas de leite temos maior capacidade de reaccionar ante un cadro clínico. Moitas granxas xa teñen sistemas de monitorización e neles vese unha caída de rumia antes de que aparezan os primeiros síntomas visibles na vaca”, explica.

Tanto en explotacións de leite como en ganderías de vacún de carne, Javier recomendou adiantarse á enfermidade e tomar certas decisións prevendo a posible afección da EHE en Galicia este ano. “Se estás cebando vacas para mandar a matadoiro, eu aconsello adiantar a súa saída antes de que cheguen os meses de calor, para previr que poidan coller a enfermidade e baixar, xa que logo non vai ser doado que recuperen eses quilos”, argumenta.

“É necesario que se controle o transporte do gando”

Á hora de previr a enfermidade e minimizar as súas consecuencias, Javier considera que “non por máis desinfectar van aparecer menos casos”. “Eu penso que a solución vai máis pola inmunidade do rabaño”, di en relación á vacinación, pois “cantos máis animais teñamos inmunizados menos circulación vai haber do virus e menor incidencia vai ter”.

O primeiro caso en Galicia foi en Abegondo, moi cerca dun matadoiro; branco e en botella

Pide ademais “que se extreme o control e a desinfección no transporte do gando”, como un dos factores de risco que estarían detrás, na súa opinión, da chegada da enfermidade a Galicia. “O primeiro caso que houbo en Galicia foi en Abegondo e moi cerca de alí está un matadoiro: branco e en botella”, afirma.

Os movementos de animais poderían estar tamén detrás da entrada da EHE en España, dado que o serotipo 8 que circulou o ano pasado pola península procede de Túnez, un país ao que se exporta gando vacún en barco desde portos de Andalucía e o Mediterráneo.

José Taboada, veterinario e gandeiro de Portomarín

“En canto apagamos os ventiladores, a EHE empezou a afectar a vacas leiteiras estabuladas”

José Taboada ten unha explotación de leite en Portomarín e traballa tamén como veterinario noutras granxas, tanto na provincia de Lugo como na da Coruña. “Os casos que atendín eu foron sobre todo en granxas leiteiras, nalgún caso con máis da metade dos animais infectados”, explica.

José observa un patrón claro nos contaxios en explotacións lácteas: “Nos meses de xullo e agosto a enfermidade afectaba sobre todo a vacas secas e xovencas que estaban fóra, máis que ás de produción que estaban dentro, porque tiñamos os ventiladores funcionando. Pero en canto apagabamos os ventiladores, en setembro, outubro e novembro, empezou a afectar sobre todo aos animais que estaban nos establos. Daba igual que fose unha granxa antiga ou moderna; as instalacións inflúen relativamente”, asegura.

No outono, en canto baixan as temperaturas, os mosquitos buscan refuxio nos establos; dá igual que sexa unha granxa antiga ou moderna; as instalacións inflúen relativamente pouco

Este cambio de incidencia débese, afirma, a que “o insecto transmisor busca tamén calor dentro a medida que baixan as temperaturas fóra. En pleno mes de decembro houbo un caso en Touro”, lembra.

 Os efectos da entrada da enfermidade nas explotacións nótanse aínda varios meses despois de sufrir a EHE. “Estoume atopando agora moitos fallos en reprodución; houbo granxas que subiron unha dose ou dúas por vaca tranquilamente como consecuencia da enfermidade”, afirma.

Problemas diagnósticos

“Somos conscientes de que esta enfermidade vai causar estragos”, asegura José, que aposta por mellorar o diagnóstico. “Temos que ser cautos e sangrar para estar seguros, porque hai outras enfermidades con cadros hemorráxicos e respiratorios que se poden confundir coa EHE, como casos de clostridium”, exemplificou.

Hai máis control nas granxas de leite que nas de carne

Á hora de detectar a EHE este veterinario considera que “as granxas de leite xogan cunha vantaxe de 2 días na detección, o que implica coller a enfermidade moito antes”. “Hai máis control nas granxas de leite que nas de carne”, defende.  

Anima ademais aos gandeiros afectados a notificar os casos, “porque senón a Administración segue no seu 1-2% de prevalencia e non sae de aí”, di. “Pasa o mesmo que coa vacina da lingua azul, que non se notifican os casos de abortos ou os shocks anafilácticos por choque con penicilina e para a Xunta non se producen”, comparou.

Tratamentos alternativos

José é certificador do selo ELUA, que obteñen aquelas explotacións que producen leite A2 e non empregan antibióticos e produtos desparasitantes no gando. “Eu son máis partidario de poñer antiistamínicos que antiinflamatorios no gando enfermo con EHE e gústame moito traballar con levaduras vivas e probióticos para volver a poñer a rumia a andar”, explica.

Con todo, recoñece que non se acadan os mesmos resultados en todos os animais infectados. “Tiven casos de vacas que quedaron a cero litros e nunha semana estaban producindo no mesmo nivel ca antes e outras coa mesma pauta de tratamento que non se acabaron de recuperar e seguen con altibaixos”, admite.

Eu son máis partidario de poñer antiistamínicos que antiinflamatorios

En canto ás medidas de control, José remarca a necesidade de reducir os desprazamentos do gando. “Non poden vir sacrificarse vacas desde Cádiz a Galicia, porque iso está xerando transmisión. Non fomos eficaces na prevención, en frear o avance da enfermidade”, asegura. 

A nivel de explotación, remarca que “se estamos todas as semanas sulfatando aos animais non nos queda un euro no peto”. “Hai que valorar as medidas desde o punto de vista custo-beneficio; iso supón outro protocolo máis nunha granxa que normalmente xa está chea de protocolos e saturada de traballo. Temos que xerar pautas e protocolos cómodos para os gandeiros”, defende.

Temos que xerar pautas e protocolos de desinfección cómodos para os gandeiros

Por iso, di, “nalgunhas granxas estamos metendo repelentes vía oral, de maneira que os animais os eliminan no suor e nos ouriños e existen tamén pedras de lamber específicas con plantas repelentes”, explica.

Tamén funciona a plantación de determinadas especies de plantas no entorno dos establos, como a citronela, que actúa como repelente natural para os mosquitos. A loita biolóxica é outra das posibilidades, como a solta de moscas caníbales que comen as larvas dos culicoides.

“Antes de que saltara a pandemia da covid-19 estabamos traballando nun proxecto en granxas de Castela introducindo morcegos, xa que un morcego pode comer até uns 10.000 mosquitos nunha noite”, di.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información