O proxecto europeo H2020 NOVATERRA celebrará unha xornada o vindeiro xoves 26 de outubro ás 10h en Santiago de Compostela, na sede de FEUGA no Campus Vida, que ten por obxectivo presentar o consorcio, avances e primeiros resultados até o momento á comunidade científica e a profesionais do sector.
Así, representantes das entidades participantes darán conta dos traballos que están a realizar para reducir o uso e o impacto das pesticidas no viñedo e o oliveiral a través de novas tecnoloxías e exporán os factores que determinan a adopción de solucións ambientalmente sustentables a nivel de explotación. O proxecto busca a creación dun enfoque 360º para garantir a seguridade alimentaria, así como o acceso a unha alimentación sa para unha poboación crecente, seguindo as directivas e prioridades da Unióin Europea en materia de uso sustentable de pesticidas.
O evento, organizado por FEUGA, forma parte das actividades de divulgación de NOVATERRA. Os asistentes poderán achegarse, a través dunha serie de casos de estudo, a novas estratexias sustentables e integradas, viables técnica e economicamente para distintos sistemas de cultivo, que teñen como finalidade eliminar ou reducir significativamente o uso e o impacto negativo das pesticidas máis prexudiciais.
A cita, que se celebrará de forma presencial e emitirase tamén en streaming, contará coa participación de representantes de diversas entidades españolas que integran o consorcio: O Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias (IRTA), o Centro de Investigación en Economía y Desarrollo Agroalimentario (CREDA), a Universidad de Burgos, a Plataforma Tecnológica del Vino (PTV), a adega Terras Gauda e a Universidad Politécnica de Catalunya (UPC).
NOVATERRA persegue a redución do impacto negativo das pesticidas para a xestión integrada de pragas en oliveirais e viñedos. Coordinado por IRTA conta cun consorcio de 23 entidades de 6 países: Grecia, Italia, España, Portugal e Bélxica. Iniciado en outubro de 2020, o proxecto que ten unha duración de 4 anos recibiu unha cofinanciación do programa H2020 con preto de 5 millóns de euros.