Como lle afecta a nova PAC á viticultura?

O experto en Política Agraria Común, Alejandro García, apunta algunhas das claves que haberá que ter en conta na nova PAC, cos cambios que se introducen en busca dunha viticultura máis sostible ambientalmente

Publicidade
Como lle afecta a nova PAC á viticultura?

A nova PAC contempla achegas para os viticultores que decidan ter cubertas vexetais nos seus viñedos.

“Teremos unha PAC máis verde e sostible. Esta nova Política Agraria Europea, asentada no Pacto Verde e na estratexia do Campo á mesa veu para quedar, a pesar de que afrontemos outras dificultades no continente como foi a Guerra de Ucraína, que afecta de forma directa tamén á agricultura e gandería comunitaria”. Así de rotundo se amosa Alejandro García, experto en Política Agraria Europea, que é á vez tamén agricultor e participou recentemente no I Foro sobre Uva e Viño celebrado en Cenlle (Ourense).

A última reforma da PAC, que entrou en vigor este mesmo ano e que se manterá ata 2027, introduciu novos cambios en materia de sustentabilidade ambiental que afectarán tamén na xestión dos viñedos. No caso das viñas afectarán a cuestións como a limitación no uso de produtos fitosanitarios ou o fomento de prácticas coas que procurar unha produción máis respectuosa contando con cubertas vexetais ou espazos que sirvan de refuxio á fauna e flora, entre outros aspectos.

PAC_Viñedo_ Alejandro García

Alejandro García durante a súa participación no Foro Uva e Viño, celebrado en Cenlle.

Cara a unha produción máis sostible

A nova PAC marcouse uns obxectivos de sustentabilidade para os próximos anos que afectarán á xestión que se realiza a diario dos viñedos, tal e como sinala o experto. Un dos obxectivos é a redución do 50% do uso de fitosanitarios. Entre eles, e a pesar de tratarse dun produto incluído dentro dos autorizados nos viñedos en ecolóxico, establécese unha nova limitación ao uso de cobre nas viñas. Existe un límite anual de 4 quilos por hectárea, de maneira que non poidan excederse os 28 quilos por hectárea en 7 anos.

Coa vista posta en reducir nun 20% o uso de fertilizantes para 2030 tamén nos viñedos deberase de controlar a achega que se realiza de nitróxeno e fósforo, tendo en conta a presenza destes elementos xa na auga que se emprega para regar, como sinala o experto.

A nova PAC leva tamén parello a redución do uso de antimicrobianos nun 50% e promover o uso de enerxías renovables. As axudas van estar tamén orientadas a reducir a pegada ambiental da viticultura. Así, a agricultura e industria alimentaria (o viñedo e a adega) van ir unidos para lograr un menor impacto. Tendo así os viñedos unha nova oportunidade para compensar as emisións xeradas na adega.

“Dentro das posibilidades de cada tipo de cultivo e zona debería traballarse co obxectivo de lograr unha produción de ‘residuo cero”

Ademais, neste contexto camiño a unha produción máis sostible, preténdese que o 25% da superficie agrícola sexa ecolóxica. García alerta sobre as dificultades que pode supoñer este obxectivo, podendo reducirse a demanda dos produtos ecolóxicos ao incrementarse demasiado a oferta, o que podería producir unha caída dos prezos e que decaia a súa rendibilidade. Así, o experto avoga máis por unha produción ‘residuo cero’. “Dentro das posibilidades de cada tipo de cultivo e zona debería traballarse co obxectivo de lograr unha produción de ‘residuo cero’, pero hai que ter en conta, por exemplo, que a necesidade de tratamentos fitosanitarios en viñedo varía moito das zonas de Galicia ás doutras rexións do centro de España. Aínda así, facendo ben as cousas pódese lograr unha viticultura residuo cero”, valora.

Outro dos retos que expón a nova PAC e que afectan directamente o sector do viño ten que ver cos fondos europeos reservados á promoción dos produtos. “Nestes momentos en Europa están a ter dúbidas sobre promover unha bebida alcohólica, xa que están a ver o viño simplemente como unha bebida alcohólica máis e non como un alimento ou parte da cultura”, apunta García. Neste sentido, leis como a aprobada en Irlanda sobre a nova etiquetaxe das bebidas alcohólicas, con advertencias sobre o seu consumo, poden ter un impacto directo tamén no viño e na postura da Comisión Europea.

A estrutura da nova PAC e o viñedo

A nova PAC establece dous piares de axudas. Por unha banda establécense as axudas directas, independentes do volume de produción, chamadas axudas básicas á renda, cunha condicionalidade reforzada, unha axuda redistributiva das pequenas explotacións e axudas a persoas mozas, ademais dos ecoesquemas. O segundo piar céntrase en medidas de desenvolvemento rural, para zonas con certas limitacións e no que se inclúe o programa sectorial do viño.

“É moi importante que non se deixe de prestar atención á oportunidade que ofrecen os ecoesquemas e non se menosprecen”

Neste primeiro piar, as axudas básicas á renda constitúen o 60% das axudas que recibe o viticultor. O viñedo establécese como superficie para recibir esta achega. Mentres, os ecoesquemas supoñen un 23% da axuda da PAC. “É moi importante que non se deixe de prestar atención á oportunidade que ofrecen os ecoesquemas e non se menosprecen”, recomenda.

Os ecoesquemas no viñedo

Nos cultivos leñosos establécense varios tipos de ecoesquemas e para acceder ó cobro destes non é preciso ter dereitos de axuda básica á renda. O propietario cobrará por toda a superficie de viñedo na que estableza estas medidas.

-Cubertas vexetais. Trátase de establecer e manter unha cuberta vexetal, ben sexa espontánea ou sementada, durante todo o ano. Está prohibido aplicar ningún tipo de fitosanitario sobre a cuberta, a non ser que se declare un problema sanitario no viñedo. A partir do 31 de marzo pódese rozar para establecer un mulching para protexer o solo.

En Galicia, as cubertas vexetais en viñedos poden chegar a supoñer entre 113 ou 165 euros por hectárea. “Se se presenta un número de elevado de solicitudes estas contías poden situarse como mínimo entre os 69 e 113 euros e se non se tramitan moitas solicitudes esta cantidade pode incrementarse a 238 ou 272 euros por hectárea”, explica García.

-Cuberta inerte. A diferenza das cubertas vexetais, esta consiste en triturar os restos de poda. Pódese elixir un modelo ou outro, non se pode contar con cubertas vexetais e inertes no mesmo viñedo.

Ás cubertas inertes correspóndelles unha achega menor que as cubertas vexetais, polo que o experto, tendo en conta tamén que en Galicia predominan xa estas cubertas vexetais, recomenda que os viticultores galegos opten por  cubertas vexetais, unha elección que debe marcarse xa nas solicitudes da PAC.

-Espazo de biodiversidade. Son espazos que sirven de reserva e refuxio para a fauna (aves e insectos) e flora, creando zonas de gran biodiversidade.

O caderno dixital no viñedo

Outra das novidades que trae parella a nova PAC é o caderno de campo dixital. Nos cultivos leñosos, os propietarios con 10 hectáreas de viñedo ou 5 hectáreas en regadío, estarán obrigados a cubrir o caderno dixital a partir do 1 de setembro deste mesmo ano. Deberán incluír xa os datos referidos a cuestións como as cubertas vexetais ou inertes.

García lembra que esta ferramenta será fundamental para o control efectivo e a redución do uso de fitosanitarios e fertilización, ao quedar constancia do produto adquirido e o plan de abonado. “Terá que cadrar a superficie que se manexa coa cantidade de produto que se compra e se aplica e coas necesidades do viñedo. Xa non se poderá tratar ou abonar por intuición ou porque o veciño está a facelo. Todo debe estar xustificado”, conclúe García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información