A cooperativa A Carqueixa presenta unha liña de pratos cociñados con tenreira das súas ganderías

Están elaborados ao xeito tradicional en restaurantes dos Ancares e envíanse a domicilio a toda a península. Consérvanse durante unha semana e só hai que quentalos para poder consumilos

O presidente da cooperativa A Carqueixa, Antonio Delpueblo, xunto cos cociñeiros Pedro Sánchez e Mari Carmen Fernández

O presidente da Carqueixa, Antonio Delpueblo, xunto cos cociñeiros Pedro Sánchez e Mari Carmen Fernández

O Sabor dos Ancares, o selo de comercialización da Cooperativa A Carqueixa, vén de lanzar ao mercado un novo produto que segue a filosofía de calidade, proximidade e sostibilidade que a caracteriza: os pratos cociñados. Estas receitas elabóranse en dous restaurantes dos Ancares e comercialízanse a través do sitio web O Sabor dos Ancares.

A cooperativa presentou a nova liña de pratos esta mañá no Bar Xegunde de Navia de Suarna, coa presenza dos cociñeiros que os elaboran, Pedro Sánchez e Mari Carmen Fernández, do presidente da Cooperativa, Antonio Delpueblo, e de cooperativistas da Carqueixa. O acto rematou cunha degustación de produto, logo da proxección dunha peza audiovisual promocional do novo produto.

Os pratos cociñados son callos con garavanzos, caldo galego, tenreira con salsa de figos, xarrete con castañas, carne ao caldeiro e xarrete á pementa. O mesón Campa da Braña (Cervantes) e o Bar Xegunde (Navia de Suarna) son os locais de hostalaría que están detrás destas propostas gastronómicas que capturan a auténtica esencia dos Ancares para trasladala á mesa de todos os clientes. Todos os pratos elabóranse con carne de vacas criadas en liberdade e alimentadas con herba nos pastos dos Ancares.

Pedro Sánchez (Campa da Braña, Cervantes) e Mari Carmen Fernández (Bar Xegunde, Navia de Suarna) son os cociñeiros responsables da nova iniciativa da cooperativa

A Carqueixa aposta novamente polo territorio e confía esta nova liña de produtos a dous establecementos de longa historia nos Ancares con senllos cociñeiros veciños da comarca. Pedro Sánchez (Campa da Braña) e Mari Carmen Fernández (Xegunde) son os encargados de sorprender con pratos de toda a vida, preparados coa calma, o agarimo e o bo facer pasado de pais a fillos durante centos de anos.

Pedro Sánchez, nado en Navarra, chegou aos Ancares e namorouse das montañas de Lugo. Hoxe en día, o Mesón Campa da Braña é un referente do bo comer nos Ancares. Esta casa de comidas (que ten tamén aloxamento) está situada a 1.200 metros de altitude, nun lugar moi axeitado para coñecer os cumios da serra. 

A súa carta está baseada na cociña caseira, elaborada con produtos de proximidade e de gran calidade, pero cun toque persoal. Un xeito de entender a cociña que Pedro quixo trasladar aos pratos cociñados que comercializa A Carqueixa.

Pola súa banda, no Bar Xegunde comanda os fogóns Mari Carmen, unha verdadeira experta na cociña tradicional ancaresa. Cada prato que sae da súa cociña é unha mostra da gastronomía local e tamén a proba de que foron as mulleres da comarca as que conservaron e enriqueceron a cultura culinaria da zona durante décadas. Os callos con garavanzos de Mari Carmen son un clásico das feiras de Navia de Suarna. 

Envíos a toda a península

A través dunha nova sección da páxina web de O Sabor dos Ancares, os clientes poden adquirir calquera destes pratos, xa que se envían a calquera punto da península ibérica.

Todos os produtos son transportados envasados ao baleiro, de forma que poden conservarse ata unha semana sen abrir. Listos para consumir, abonda con quentalos no microondas ou en pota, sinalándose en cada caso o tempo recomendado. O transporte é refrixerado e os envíos elabóranse a comezos de semana, de forma que as e os clientes poidan ter o pedido na casa os mércores.

Os pratos cociñados tamén se comercializan na carnicería de O Sabor dos Ancares na cidade de Lugo. O local atópase no número 25 da Praza de Abastos da cidade. Os clientes poden adquirir estes novos produtos sen necesidade de encargo previo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información