María José Gómez toma posesión como nova conselleira do Medio Rural

O seu predecesor no cargo, José González, deixou encarrilados proxectos estratéxicos, como a Lei de Recuperación da Terra Agraria ou o Plan Forestal, pero será Gómez quen teña que desenvolvelos

María José Gómez toma posesión como nova conselleira do Medio Rural

Esta mañá produciuse a toma de posesión do novo Goberno galego, cun total de catro caras novas como protagonistas, entre elas a da conselleira do Medio Rural María José Gómez, que nos últimos cinco anos fora alcaldesa de Guntín e desde xullo do 2023 senadora pola provincia de Lugo. Agora deixará ambos cargos para adicarse por completo ó Goberno autonómico.

Gómez é a terceira titular da carteira de Medio Rural desde que no outono do 2015, o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, decidiu recuperar unha Consellería en exclusiva para os asuntos do agro, pois os anos anteriores levara as competencias a conselleira do Mar e Medio Rural, Rosa Quintana.

Trala crise de prezos do sector lácteo, no 2015, Feijoo optou por nomear unha conselleira do Medio Rural, cargo para o que elixiu a Ángeles Vázquez, tamén daquela un valor da política municipal, como alcaldesa de Melide.

Vázquez estaría no cargo durante tres anos e no 2018 pasou á Consellería de Medio Ambiente, deixando en Medio Rural a José González, que xa levaba uns anos bregándose como deputado na comisión de Agricultura do Parlamento autonómico.

Recuperación de terra agraria
Durante os seus 6 anos en Medio Rural, a José González deulle tempo a encamiñar a estratexia da Consellería, cunha intensa actividade lexislativa e de planeamento. Destaca no seu mandato a Lei de Recuperación da Terra Agraria, que deixou novos instrumentos, longamente demandados, para frear o abandono de terras e superar o minifundio: principalmente polígonos agroforestais e agrupacións forestais de xestión conxunta, xunto coas aldeas modelo, orientadas a previr a chegada dos lumes ós núcleos rurais.

González deixa a Consellería con estes instrumentos aínda no inicio da súa posta en práctica. Un dos retos ós que se enfrontará a nova conselleira será precisamente o impulso á recuperación de terra agraria e á creación de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Plan forestal
Durante o mandato de José González, tamén destacou no 2021 a aprobación do Plan Forestal de Galicia, que profundizou na ordenación de usos do monte galego, cunha moratoria do eucalipto que remata en principio no 2025. A nova conselleira enfrontaráse á ‘pataca quente’ de definir a ordenación futura das plantacións de eucalipto en monte.

No plano lexislativo, tamén lle quedan pendentes no ámbito forestal unha lei de prevención de incendios, que modificará a do 2007, e outra de montes veciñais, que substituirá a actual do 1989. González iniciou ambos procesos, pero será tarefa de Gómez culminalos.

Sectores gandeiros
Os sectores gandeiros son os que lle tocan máis de preto á nova conselleira, pois se ben a súa profesión foi durante unha década a ensinanza do inglés nun instituto público (2008 – 2017), mantén vinculación familiar coa gandería de leite, un mundo que coñece de primeira man. Gómez chega á Consellería nun momento marcado por uns prezos razoables no sector lácteo, pero mellorables na gandería de vacún de carne.

O seu predecesor, José González, deixou anunciada unha axuda para as granxas de vacún de carne que aínda non se fixo realidade, algo que lle tocará sacar adiante a ela. Desde as organizacións agrarias levan tamén varias semanas demandando a adopción de medidas complementarias no sector da carne, co que esta será unha das primeiras frontes que terá que encarar.

En vacún de carne, tamén está pendente, sen executar, a sentencia sobre a axuda da Covid, pois os tribunais resolveron que as granxas de menos de 10 vacas nodrizas tamén tiñan dereito a cobrar a subvención convocada pola Xunta no seu día, sen que o Goberno galego aclarara por agora como vai proceder ao respecto desta sentencia.

Xestión da PAC e normativa
A chegada de Gómez á Consellería prodúcese no segundo ano do novo ciclo da PAC, que xa quedou encamiñado no 2023, pero coincide tamén cun momento convulso, de novas normativas que son discutidas polas granxas.

Dentro das súas competencias, terá que batallar pola simplificación das normas e da carga burocrática que arrastran as explotacións, un camiño no que xa se conseguiron cambios importantes, pero onde aínda quedan cuestións, como a normativa do veterinario de explotación, que non gustan no sector.

Xurros
Outra cuestión polémica é a xestión dos xurros e neste capítulo o seu antecesor, José González, légalle a Gómez un asunto controvertido, o plan anunciado pola Xunta para poñer en marcha unha rede de plantas de biogás para tratar os xurros gandeiros, un proxecto no que a Xunta contaba coa colaboración de Repsol, Naturgy e Reganosa.

Nos próximos meses, a Gómez tocaralle ademais encarar a declaración da Limia como zona vulnerable a nitratos, un proceso para que o que a Xunta ten de prazo ata o 2025, se non se quere expoñer a sancións europeas.

Cambios na Xunta

María José Gómez. / Concello de Guntín.

María José Gómez. / Concello de Guntín.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o seu novo Goberno, con poucos cambios de caras en relación ó anterior Executivo. Pero en Medio Rural sí hai novidades. O ata agora conselleiro de Medio Rural, José González, foi nomeado novo conselleiro de Emprego, Comercio e Migración, e o posto en Medio Rural é ocupado por María José Gómez, ata agora alcaldesa de Guntín (Lugo).

O cambio en Medio Rural pódese interpretar a nivel político como un ‘ascenso’ para José González, do mesmo xeito que no seu día a anterior conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, pasou a ser conselleira de Medio Ambiente, cargo que mantén no novo Executivo.

A outra lectura do cambio é que Medio Rural perde a unha persoa cunha bagaxe de anos de coñecemento e xestión nas políticas do ámbito agrogandeiro e forestal.

O seu lugar será ocupado por María José Gómez Rodríguez, de Guntín (Lugo), alcaldesa da localidade desde o ano 2019, que se ben carece de experiencia no Executivo autonómico, mantén vinculación familiar co sector gandeiro, un ámbito que tamén formaba parte da súa xestión no Concello de Guntín, polo que desde as filas populares considérana un perfil axeitado para o cargo en Medio Rural.

Desde o 2023, tralas últimas xerais, Gómez era tamén senadora pola provincia de Lugo, e no Senado formaba parte da comisión de Agricultura. Nada en Pradedo de Abaixo (Guntín) no ano 1976, Gómez é licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades. Desde 2008, é profesora de ensino secundario no ensino público, na especialidade de Inglés.

Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e 2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia.

Ao longo das próximas semanas, queda por ver que modificacións se producen na Consellería en postos intermedios de dirección.

Novo executivo autonómico
As novas caras no Executivo autonómico complétanse con José López, o ata agora alcalde da Estrada, que pasa a ser conselleiro de Cultura; María Martínez, que era deputada autonómica, como conselleira de Vivenda, e o médico Antonio Gómez como conselleiro de Sanidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información