Reclaman un plan de comercialización para Ternera Gallega ante o “colapso do mercado galego”

Unións Agrarias afirma que “o deseño das axudas da Xunta ás ganderías de vacún de carne levou a esta situación, xa que moitos gandeiros non mandan os becerros para matadoiros de fóra para cobrar a axuda”

ternera gallegaUnións Agrarias insiste na “necesidade de dar forma a un plan de comercialización ambicioso e a varios anos que aporte solucións aos evidentes problemas de colapso que padece o mercado local de carne de vacún amparadda baixo a IXP Ternera Gallega”.

A organización agrogandeira volve facer un chamamento para que “Xunta de Galicia e IXP vaian da man para buscar novas vías que permitan revalorizar e dar saída á carne de Ternera Gallega, cuxas ventas se atopan nestes momentos estancadas debido ao desaxuste entre oferta e demanda”.

Proba disto, segundo Unións, é que “a pesar de que o número de becerros que entraron nos matadoiros galegos no último mes disminuiu case un 2% respecto ao mesmo período do ano anterior (12.947 animais de Suprema, 224 menos que en marzo de 2023), nestes momentos o exceso de carne ten colapsados os matadoiros de Galicia, incapaces de colocar no mercado o volume de becerros producidos polas explotacións de Ternera Gallega”.

Advirten dende a organización agraria de que “o problema non é novo, pois dende Unións Agrarias levamos xa tempo alertando dos signos de saturación que o mercado local viña dando e da necesidade de buscar novas vías para darlle saída á carne de Suprema; unha produción top que está a verse devaluada por estas dinámicas”.

En concreto, a organización insta á Xunta de Galicia a mudar os criterios na concesión de axudas ao sector, “que no último exercicio a administración autonómica vinculou ao número de becerros comercializados ao amparo da IXP Ternera Gallega”.

“O deseño das axudas da Consellería levaron a esta saturación do mercado galego”

“E é que os problemas que Unións Agrarias xa augurara no seu día debido a este deseño están a confirmarse agora, coa resistencia dos produtores a recorrer a mercados foráneos, como o asturiano, para dar saída ao exceso de produción. Unha práctica antes habitual e que supoña un importante desafogo á hora de dar saída á produción en momentos de saturación como o actual, á que agora as explotacións se resisten a seguir recorrendo para non perder o dereito á axuda da Consellería”, explican.

Nese senso, Unións Agrarias lamenta o “mal enfoque desta liña de apoios; benintencionada, pero inútil debido ao seu mal deseño e plantexamento”.

A este respecto, Unións Agrarias fai un chamamento para que “os esforzos que xa se realizaron no pasado coa creación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico non caian en saco roto e se traduzan en medidas concretas e accións promocionais que fagan posible a apertura de novos mercados para a carne galega, e máis concretamente a de Suprema; un produto gourmet producido baixo uns altísimos parámetros de calidade e benestar animal que está a verse devaluado debido á incapacidade do mercado galego de absorver e remunerar adecuadamente o volume de produción existente”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información