A suba do prezo do leite no campo cubre só un terzo do aumento de custos

O leite revalorizouse na granxa unha media de 2,1 céntimos en España desde xuño, pero o sector advirte de que a escalada de custos de produción acadará os 6 – 7 céntimos por litro en xaneiro do 2022

A suba do prezo do leite no campo cubre só un terzo do aumento de custos

O encarecemento do penso agravarase a comezos do 2022, segundo as previsións que manexa o sector.

A situación de marxes das granxas de leite continúa sendo “preocupante”, segundo recoñece o propio Ministerio de Agricultura, que hoxe se reúne con toda a cadea alimentaria para abordar o encarecemento de custos de produción no campo. Nas granxas de leite, o aumento de custos acadará os 6 – 7 céntimos por litro de leite no primeiro trimestre do 2022, en comparación co primeiro trimestre do 2021, segundo estimacións de fontes cooperativas, en tanto o prezo do leite no campo, polo de agora, só remontou en España 2,1 céntimos entre xuño e outubro (1,7 céntimos se se atende ós datos galegos).

Previamente á reunión que se celebra hoxe en Madrid con toda a cadea alimentaria, o Ministerio mantivo o pasado venres un encontro específico cos axentes do sector do leite. Foi na chamada Mesa Láctea, que agrupa a organizacións agrarias, cooperativas, Federación Nacional de Industrias Lácteas e asociacións das cadeas de supermercados.

Na reunión, o secretario general do Ministerio, Fernando Miranda, pediulle ó sector que traslade de xeito equilibrado o aumento de custos de produción ó longo de toda a cadea, de xeito que mellore o prezo do leite en tódolos eslabóns.

Agricultura destaca o aumento de prezos do leite que se está experimentando no campo, pero recoñece tamén que “os custos das materias primas seguen á alza, con previsión de que se manteñan así os próximos meses”.

Evolución de custos de produción
O principal problema para as granxas de leite sitúase nos prezos dos pensos. O encarecemento dos concentrados agravarase especialmente a partir de xaneiro, cando tódalas fábricas e cooperativas teñan que renovar os seus contratos anuais de aprovisionamento, en función dos prezos actuais das materias primas.

Se no que vai de ano, o encarecemento dos pensos estímase que tivo unha repercusión de arredor de 1,5 céntimos por litro de leite, a partir de xaneiro calcúlase que haberá que engadir outros 2,5 céntimos por litro, para un total de aumento de custos de 4 céntimos por litro.

A ese aumento de gastos, hai que sumarlle o encarecemento de electricidade, combustible, fertilizantes e plásticos, entre outros inputs, que poden representar en conxunto arredor de 2-3 céntimos máis por litro de leite, segundo os cálculos do sector.

Demanda de aumento de prezos do leite
Con este panorama, as organizacións agrarias insisten na necesidade de actualizar os prezos dos contratos do leite no campo.

Tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego, presentes na reunión do pasado venres en Madrid, instaron ó Ministerio a ofrecer índices oficiais de custos de produción que poidan servir como referencia para os contratos que se asinen no campo. Doutro xeito, argumentan, quedaría en papel mollado a Ley de la Cadena Alimentaria, que prohíbe que se vendan os produtos do campo por baixo dos custos de produción.

O aumento de prezos que se produciu desde o verán, que sitúa en Galicia o prezo do leite en 34,2 céntimos no mes de outubro (35,3 de media en España), é considerado insuficiente polo sector. Advírtese ademais que parte desa subida débese ó repunte coxuntural da manteiga, do leite en po e dos queixos; pero o sector pregúntase que pasará cando ese pico de prezos comece a baixar. “Estariamos entón ante a circunstancia de que poden aumentar os custos de produción e baixar o prezo do leite”, conclúe o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

O leite en po desnatado está na actualidade en nivéis record nos últimos anos, nos 308 euros / 100 Kg., unha cifra que non acadara desde o 2014. En canto á manteiga, acadou este mes as súas mellores cotizacións dos últimos dous anos, chegando de novo a rondar os 500 euros / 100 Kg.

Que di o índice da Interprofesional Láctea sobre a evolución do prezo do leite?

A única referencia obxectiva, acordada entre tódalas partes, que a día de hoxe serviría para determinar o prezo do leite no campo é o índice que ofrece a Interprofesional Láctea (Inlac). Este índice, elaborado pola Universidade de Santiago e aceptado tanto por industrias como por cooperativas e organizacións agrarias, marca a evolución de prezo que tería que ter o leite no campo a partir de 5 referencias:

– Índice de Precios (Ipri) de Fabricación de Produtos Lácteos (25%).

– Prezo do leite en 5 Estados membros (19%), que son Francia, Alemania, Portugal, Dinamarca e Holanda.

– Prezo dos pensos de vacas de leite (19%).

– Prezo da materia graxa (19%).

– Prezo dos queixos (11%).

– Prezo do leite desnatado en po (7%).

En todas estas cinco referencias, os prezos experimentaron unha evolución á alza nos últimos meses. O último dato do índice da Interprofesional, correspondente a setembro, marca un aumento do 11,8 % en comparación con setembro do 2020.

Se iso se trasladase ó prezo do leite no campo, significaría que dos 32,9 céntimos a que se pagaba o leite en setembro do 2020 teríase que ter pasado a 36,78 en setembro do 2021. A realidade, sen embargo, é que en setembro do 2021 o prezo medio en España foi de 34,2 céntimos. O índice da Interprofesional, que podería servir para elaborar contratos no campo a prezo variable, non está a ter aplicación na práctica por parte das industrias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información