Cando unha vaca chega aos sete meses de xestación o protocolo máis habitual a seguir na maioría das explotacións de leite é último muxido, desinfección da punta do teto, aplicación das cánulas antibióticas intramamarias de secado e cambio do animal para o lote das secas.
“Temos tan interiorizada esta rutina que é curioso que nos últimos anos discutimos cuestións como a duración do secado (se deben ser 35, 40 ou 60 días) e o método (se brusco, se muxidos alternos, se restrición enerxética) pero ningunha mención se fixo nin se cuestionou até o de agora a aplicación deses antibióticos”, reflexionou Almudena Tato durante as Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro en novembro en Lugo.
Pasar dun uso sistemático dos antibióticos no secado a unha utilización máis restrictiva, só naqueles animais que o precisan, é posible hoxe polo manexo, as condicións hixiénicas nas granxas e a mellora nas instalacións, asegurou Almudena.
“O secado selectivo pode ser aplicado en explotacións cunha correcta saúde de ubre no rabaño, facendo unha boa escolla das vacas que precisan tratamento antibiótico das que non. Deste xeito, lógrase unha redución no uso de antibióticos na gandería e un menor risco de presenza de inhibidores antibióticos na cadea alimentaria sen por iso prexudicar a saúde do ubre dos animais da granxa”, indicou.
O uso preventivo de antibióticos no secado naceu no Reino Unido fai medio século nun contexto de alta incidencia de mamite e mantívose até hoxe
“Levamos 50 anos aplicando antibióticos no secado sen cuestionarnos se son realmente necesarios”, dixo, e explicou que “esta terapia sistemática de secado con antibióticos formaba parte do plan dos cinco puntos creado no Reino Unido nun contexto no que había unha alta incidencia de mamite durante a lactación e onde os microorganismos causantes eran principalmente contaxiosos, polo que había un risco elevado de novas infeccións. As vacas chegaban ao momento do secado cunha moi mala saúde de ubre e adoptouse como solución a aplicación xeralizada do antibiótico”, dixo.
A maioría dos países acolleuse a este plan dos cinco puntos, agás Dinamarca, Noruega, Suecia, Finlandia, Islandia, Estonia, Letonia e Lituania, que o cuestionaban, recomendando un uso máis selectivo dos antibióticos. Foi o denominado Método Nórdico, que hoxe se abre paso no resto de países.
Cambios lexislativos que restrinxen o uso de antibióticos
“A Comisión Europea di que hai que facer un uso prudente dos antimicrobianos e iso significa que hai que evitar o tratamento sistemático das vacas durante o secado e, polo tanto, avanzar na liña do secado selectivo”, asegurou Almudena. A día de hoxe, Dinamarca e Holanda teñen prohibido xa por lei o uso indiscriminado de antibiótico durante o secado e prevese que estas limitacións se extendan tamén co tempo ao resto de países da UE. Outros países, como Reino Unido, Estados Unidos ou Australia tamén están a aplicar xa a terapia selectiva no secado.
Dinamarca e Holanda teñen prohibido xa por lei o uso indiscriminado de antibiótico no secado. “O secado selectivo vén de Europa para quedar”, asegura Almudena
En España a aprobación en 1994 do Real Decreto de condicións sanitarias aplicables á produción e comercialización do leite e o establecemento do pago por calidade por parte da industria fomentaron a toma de conciencia por parte dos gandeiros sobre a necesidade da prevención para a mellora da saúde de ubre das vacas, con rutinas de muxido regulares e hixiénicas e cun funcionamento óptimo dos sistemas empregados buscando a estabilidade do baleiro na punta do pezón para evitar sobremuxidos tanto finais como iniciais e manter deste xeito a integridade da punta do teto, que é a principal barreira física para impedir a entrada de axentes infectantes causantes de mamites ás glándulas mamarias. Isto, unido á alimentación con forraxes de calidade e ben conservadas e á mellora no confort das vacas co mantemento axeitado das camas, mudou a situación de partida, asegurou a veterinaria de Seragro.
Mellora das instalacións para facer secado selectivo
Polo tanto, dixo, a utilización sistemática de antibióticos non debería ser usada coma no contexto do pasado no que se comezou a aplicar porque as circunstancias variaron. “Houbo unha grande evolución na saúde de ubre, chegando a maior parte das vacas a ese periodo seco sen problemas que aconsellen a utilización dese antibiótico que lle estamos aplicando á vaca e que non está cumprindo a función para a que llo subministramos, unha función curativa que é verdadeiramente a finalidade para a que aplicamos os antibióticos”, incidiu.
O reconto de células en tanque reduciuse un 43% en Galicia nos últimos 25 anos segundo os datos do Ligal
O reconto de células somáticas, segundo os datos recollidos polo Ligal, reduciuse considerablemente en Galicia desde 1994, o que dá idea da mellora na saúde de ubre producida, pasando dun reconto en tanque medio nas explotacións galegas de 368.000 RCS naquel ano de inicio da serie histórica a 208.000 RCS de media en 2018. “Só o 6% das mamites son causadas hoxe por axentes contaxiosos. Os factores ambientais son os causantes da maioría das mamites”, engadiu Almudena.
“Supón modificar rutinas nas explotacións pero o secado selectivo vén de Europa para quedarse e nalgún momento seguramente será obrigatorio por lei, polo que é mellor ir concienciándose e comezando a aplicalo. Aquelas explotacións que teñen boa saúde de ubre e bo manexo das vacas secas non deberían ter medo a aplicar o secado selectivo”, afirmou.
70 explotacións fan xa a día de hoxe secado selectivo en Galicia
Seragro comezou a traballar no 2017 nun total de 25 explotacións e neste momento son xa 70 as que teñen adoptado o secado selectivo. O gandeiro é reticente nalgúns casos porque pensa que é deixar de usar por completo antibiótico no secado e non é iso, trátase de seleccionar aqueles animais que o van levar e cales non, buscando deste xeito un equilibrio máis racional entre a función curativa do antibiótico, aplicado a animais con esa necesidade, da función preventiva, que se leva a cabo mediante un manexo axeitado e non mediante uso de antibiótico.
“Aquelas explotacións que teñen unha boa saúde de ubre e fan un bo manexo das vacas secas non deberían ter medo a aplicar o secado selectivo”
Aplícaselles antibiótico, polo tanto, unicamente a aqueles animais de produción que chegan con mamite ao periodo seco. Ao resto, ás vacas sas, só se lles aplica un selador interno que funciona como barreira fisiolóxica do propio pezón, previndo de infeccións intramamarias durante o periodo seco. “Sempre aconsellamos aplicar un selador interno tanto se se pon antibiótico como se non, porque non todas as vacas chegan a formar o tapón de queratina”, explicou.
Que unha vaca chegue con moitos litros ao momento do secado non é un factor limitante á hora de aplicar o secado selectivo. “A produción de leite no momento do secado non nos condiciona niso e sempre recomendamos facer un secado brusco e vixiar logo á vaca durante tres días. Canto máis rápido sexa o cambio mellor, porque xa é bastante estresante para o animal o propio momento de parar de dar leite e o cambio de lote como para prolongalo no tempo”, argumentou.
Criterios para non usar antibiótico: vacas por baixo de 200.000 células e sen mamite nos últimos tres meses
O criterio para a escolla das vacas ás que non se lles subministran antibióticos ten en conta o seu historial en canto ao número de mamites clínicas durante a lactación así como o reconto celular, pero o primeiro filtro é a propia escolla da explotación onde poder aplicar o secado selectivo porque “non todas as explotacións van estar capacitadas para introducir a terapia selectiva de secado”, asegurou Almudena.
Na escolla de granxas realizada por Seragro para comezar a aplicar o secado selectivo fai agora dous anos tivéronse en conta cuestións como que o reconto de células somáticas en tanque fose inferior a 250.000, que tiveran unha porcentaxe de mamite clínica media mensual inferior ao 3% no conxunto do ano, ausencia de axentes patóxenos na explotación e que contasen con instalacións axeitadas para facer o secado e un correcto manexo do lote de vacas secas.
Para poder aplicar unha terapia selectiva de secado é fundamental contar con instalacións que permitan o confort das vacas secas e facer un correcto manexo neste periodo
Dentro desas explotacións, as vacas seleccionadas para levar só un selador interno pero non antibiótico serían as que nos últimos tres meses se mantivesen por debaixo das 200.000 células somáticas. No caso de que as explotacións non estean en control leiteiro as referencias nas que se basean é o control das mamites, mirando que a vaca non tivese mamites clínicas nos tres meses anteriores ao momento do secado, e que o día no que se efectúa o último muxido teñan un test de California negativo para neste caso non subministrarlle o antibiótico.
Non descoidar o manexo e o confort no periodo seco
“O uso prudente dos antibióticos no secado mediante a súa utilización selectiva vainos requerir un plus de profesionalidade no manexo da vaca a secar e tamén durante o periodo seco”, recoñeceu Almudena, que recomendou aos gandeiros facerse unha pregunta antes de decidirse polo secado selectivo: “En que condicións estamos a mandar as vacas ao periodo seco e en que condicións van estar ese tempo?”
“Non hai que discriminar á vaca seca con peores camas e alimentación de inferior calidade. Non podemos ter ás vacas 7 meses nun hotel de 5 estrelas durante a lactación e pasalas despois a unha simple pensión”
“Traballamos na prevención das mamites durante toda a lactación tendo as vacas en hoteis de 5 estrelas mentres están producindo leite e alimentándoas cunha ración de alto standing, pero cando teñen que pasar ao lote de vacas secas en moitos casos esquecémonos destas condicións tan luxosas e mandámolas a cubículos mal dimensionados e non tan ben atendidos, con frecuente superpoboación de animais, ou mesmo temos as vacas ao aire libre, sen cuberta que as protexa da choiva e o vento ou en condicións extremas de humidade, lama ou encharcamento dos patios de recreo”, describiu.
O maior risco de contaxio prodúcese ao comezo e ao final do periodo seco
Ademais do periodo seco, o momento do parto e o postparto tamén son fundamentais, dixo. “Hai que facer fincapé nas instalacións das parideiras, que teñen que estar sempre limpas e hixiénicas. Os dous momentos do periodo seco onde máis risco hai de incidencia de mamite é ao comezo, cando paramos de muxir, e ao final, durante a formación do calostro”, evidenciou.
A alimentación tamén é moi importante, asegurou. “A alimentación ten que ser boa e constante, tanto na lactación coma no periodo seco, seguindo as mesmas rutinas”, dixo .”Hai que procurar non ter nin pouca ración nin ración de sobra no pesebre durante dous días e é vital contar con boas temperaturas na ración pero moitas veces o silo que se desbota para as vacas en produción porque está quente dáselles ás vacas secas ou ás xovencas”, exemplificou. O mesmo coidado pediu para cuestións como a potabilización da auga, tendo os bebedeiros sempre limpos.
Resultados acadados
Segundo os datos expostos por Almudena, a análise das explotacións nas que se comezou fai dous anos co secado selectivo en comparación cos resultados desas mesmas granxas os anos anteriores á súa aplicación demostra que non se producen variacións significativas en canto a saúde de ubre na lactación.
Nas 25 explotacións nas que se iniciou a terapia selectiva de secado no ano 2017 realizáranse no ano anterior, 2016, aínda aplicando antibiótico a todos os animais, un total de 1.122 secados. O ano pasado, 2018, logo de dous anos facendo secado selectivo, secáronse un total de 1.145 vacas nestas mesmas explotacións. No conxunto dos dous anos, 2017 e 2018, fixéronse nestas 25 explotacións un total de 2.210 secados, dos que só o 28% dos casos (635 animais) levaron antibiótico.
O antibiótico aplicouse só ao 28% das vacas que se secaron e a saúde do ubre dos animais da granxa non se viu prexudicada pola utilización do secado selectivo
A evolución do reconto celular en tanque non sufriu diferenzas significativas, acadándose un reconto celular medio en 2016 de 159.000 RCS e de 166.000 RCS en 2018, manténdose a estacionalidade, con maior afección de mamites nos meses de verán. Con todo, a porcentaxe de mamite clínica mesmo diminuiu nestas 25 explotacións no 2018 (1,48%) a respecto do 2016, cando aínda se aplicaba antibiótico a todas as vacas (1,66%). A taxa de novas infeccións é moi similar nos dous anos (16% en 2016 e 17% en 2018), mentres que a prevalencia de infección ao parto é un 3% superior empregando secado selectivo, pasando do 18% no 2016 ao 21% no 2018.